10 de marzo Dia da Clase Obreira Galega. Avante o pobo traballador galego!

A crise capitalista e as políticas de saqueo, promovidas polo grande capital e executadas polos gobernos español e galego teñen provocado unha brutal precarización laboral, un desemprego insoportábel e o empobrecemento de salarios e de pensións públicas. O cambio de Goberno no estado, após 9 meses dun novo executivo do PSOE, non supuxo ningunha mudanza real, para alén do cosmético, no que atinxe as políticas económicas, laborais e sociais. Non houbo derrogación de ningunha das contrarreformas laborais, da negociación colectiva ou das pensións. Tampouco houbo vontade política para botar abaixo leis antisociais e antidemocráticas como a LOMCE ou a Lei Mordaza. Ademais insistiuse na deliberada desatención das necesidades de Galiza como visou o proxecto de orzamentos pactado por PSOE-Podemos-En Marea no que se retiraban 2 de cada 10 euros de investimento estatal no noso País. É claro, pois, que diante da subordinación doutras forzas só o nacionalismo galego pode exercer de voz firme en defensa das clases populares e traballadoras galegas e dos intereses xerais de Galiza tamén no ámbito estatal.

Na Galiza os efectos da crise que inda non cesou están agravados por causa do marco de dependencia colonial que padece o noso país. A merma produtiva, marcada polo devalar de sectores estratéxicos como as actividades industriais, a apropiación de materias primas e recursos (como o caso singular da xeración de enerxía eléctrica) ou a drenaxe do aforro galego através da privatización das caixas, confirman o impacto directo que nas condicións materiais de vida e de traballo ten a carencia de soberanía nacional. O pobo galego vese privado do dereito irrenunciábel a podermos vivir dignamente do noso traballo na propia Terra. Así o testemuña a emigración de máis de 180 mil mozos e mozas nos últimos anos.

O deseño político do Estado español responde ao proxecto histórico da oligarquía española, para asegurar a unidade de mercado e favorecer a explotación da clase traballadora e das nacións como a Galiza. Vemos, pois, como a soberanía non é apenas un reclamo democrático nin identitario, senón que ten a ver de maneira clara e directa coas condicións laborais. Tal e como denunciou o nacionalismo galego desde hai décadas, o ingreso do Estado español na actual Unión Europea e no euro, supuxo ademais un agravamento da nosa dependencia e, no concreto, na amputación de sectores produtivos chave como a construción naval, o agro ou a pesca.

Arestora, na Galiza o 2018 rematou con 55 mil postos de traballo menos que na mesma altura de 2009. Un terzo da poboación galega está en situación de desemprego ou con ingresos anuais inferiores a 2.000 euros. Aliás, os salarios galegos son 5% inferiores, en media, que o promedio estatal. E as nosas pensións son as segundas máis baixas do Estado un 15% inferiores á media estatal e 35% máis baixas que a pensión media en Euskadi.

É evidente, xa que logo, que os principais problemas do noso país (emigración, envellecemento, retroceso demográfico, desemprego e precariedade, devalar produtivo e desmantelamento de sectores estratéxico, degradación ambiental, industria de enclave e en retroceso) teñen como causa a forzosa dependencia do Estado español, alargada coa da UE. A superación desta realidade inxusta pasa indiscutibelmente pola conquista de plena soberanía nacional e popular. Por iso, desde a Unión do Povo Galego, conscientes do carácter indisociábel da loita social contra a explotación e da loita pola nosa independencia nacional, chamamos o conxunto da clase traballadora galega a se xuntar de maneira activa ás mobilizacións e conflitos que está a promover o sindicalismo nacionalista, de clase e combativo que representa a CIG. (Información mobilizacións 10 de marzo: https://www.cig.gal/nova/id-10-de-marzo-dia-da-clase-obreira-galega-recuperar-dereitos-para-avanzar.html )

Fronte ao sindicalismo de concertación a nivel estatal, que negocia desde as cúpulas madrileñas a derrota da clase traballadora, o sindicalismo nacionalista de clase aposta de maneira decidida e firme en plantar cara ao capitalismo colonial, através da loita organizada.  Entendemos que esa é a única maneira de exercermos a nosa dignidade como povo traballador e o único camiño para conquistar unha nova orde económica e social, igualitaria, radicalmente democrática e libre de toda forma de explotación e discriminación: unha Galiza ceibe e socialista. Continuarmos co legado de 10 de marzo de 1972, cando a nosa clase deu unha lección histórica da nosa capacidade de loita.