10 de marzo. Día da clase obreira galega

AVANTE O POBO TRABALLADOR GALEGO!

A crise capitalista e as políticas de saqueo, promovidas polo grande capital e executadas polos gobernos español e galego, en mans do Partido Popular, teñen provocado unha brutal precarización laboral, un desemprego insoportábel e o empobrecemento de salarios e de pensións públicas. Na Galiza estes efectos están agravados por causa do marco de dependencia colonial que padece o noso país. A merma produtiva, marcada polo devalar de sectores estratéxicos como as actividades industriais, a apropiación de materias primas e recursos (como o caso singular da xeración de enerxía eléctrica) ou a drenaxe do aforro galego através da privatización das caixas, confirman o impacto directo que nas condicións materiais de vida e de traballo ten a carencia de soberanía nacional. O pobo galego vese privado do dereito irrenunciábel a podermos vivir dignamente do noso traballo na propia Terra. Así o testemuña a emigración de máis de 180 mil mozos e mozas nos últimos anos.

O deseño político do Estado español responde ao proxecto histórico da oligarquía española, para asegurar a unidade de mercado e favorecer a explotación da clase traballadora e das nacións como a Galiza. Vemos, pois, como a soberanía non é apenas un reclamo democrático nin identitario, senón que ten a ver de maneira clara e directa coas condicións laborais. Tal e como denunciou o nacionalismo galego desde hai décadas, o ingreso do Estado español na actual Unión Europea e no euro, supuxo ademais un agravamento da nosa dependencia e, no concreto, na amputación de sectores produtivos chave como a construción naval, o agro ou a pesca.

Arestora, na Galiza hai 193 mil postos de traballo menos que na altura de 2009. Un terzo da poboación galega está en situación de desemprego ou con ingresos anuais inferiores a 2.000 euros. Aliás, os salarios galegos son 5% inferiores, en media, que o promedio estatal. E as nosas pensións, que acabaron 2017 como as segundas máis baixas do Estado, son 15% inferiores á media estatal e 35% máis baixas que a pensión media en Euskadi.

É evidente, xa que logo, que os principais problemas do noso país (emigración, envellecemento, retroceso demográfico, desemprego e precariedade, devalar produtivo e desmantelamento de sectores estratéxico, degradación ambiental, industria de enclave e en retroceso) teñen como causa a forzosa dependencia do Estado español, alargada coa da UE. A superación desta realidade inxusta pasa indiscutibelmente pola conquista de plena soberanía nacional e popular. Por iso, desde a Unión do Povo Galego, conscientes do carácter indisociábel da loita social contra a explotación e da loita pola nosa independencia nacional, chamamos o conxunto da clase traballadora galega a se xuntar de maneira activa ás mobilizacións e conflitos que está a promover o sindicalismo nacionalista, de clase e combativo que representa a CIG.

Fronte ao sindicalismo de concertación a nivel estatal, que negocia desde as cúpulas madrileñas a derrota da clase traballadora, o sindicalismo nacionalista de clase aposta de maneira decidida e firme en plantar cara ao capitalismo colonial, através da loita organizada. Entendemos que esa é a única maneira de exercermos a nosa dignidade como povo traballador e o único camiño para conquistar unha nova orde económica e social, igualitaria, radicalmente democrática e libre de toda forma de explotación e discriminación: unha Galiza ceibe e socialista. Continuarmos co legado de 10 de marzo de 1972, cando a nosa clase deu unha lección histórica da nosa capacidade de loita.