100 anos de nacionalismo galego

Esta fin de semana fanse 100 anos da realización en 1918 da I Asemblea Nacionalista Galega, organizada polas Irmandades da Fala na cidade de Lugo. Esta asemblea supuxo un salto cualitativo no político: a superación do rexionalismo e o primeiro paso para considerar de Galiza como un país con capacidade para decidir en todos os eidos e o nacemento do nacionalismo como proxecto político liberador.

Neste encontro decidiron os asistentes, e todas as agrupacións locais das Irmandades representadas, que o seu compromiso político facía que se denominaran “nacionalistas” galegos, apuntando:

“Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”.

Nesa fin de semana do 17 e 18 de novembro de 1918 aprobouse un manifesto que sentou as bases do nacionalismo galego e que a día de hoxe aínda segue sorprendendo pola súa modernidade e o avanzado das propostas nel recollidas nesa altura do século XX. Aquel manifesto segue mantendo toda a súa vixencia, máis alá de puntos concretos que tiñan que ver coa sociedade daquela época, susténtase nunha idea central fundamental: Galiza como nación precisa ter poder político propio. No seguinte enlace pódese coñecer o manifesto: http://www.galizasempre.org/sites/default/files/catalogo/indices/diliname_gz0004_gal-1.pdf

Para conmemorar o centenario daquel feito, central na reivindicación da Galiza como suxeito político e a reclamación da súa soberanía, Vía Galega, plataforma social en defensa dos direitos nacionais da Galiza, desenvolverá un completo programa de actos na cidade de Lugo. A UPG como partido patriótico anima a toda a súa militancia e simpatizantes a participar activamente nese programa de actos. Concretamente a participar da Asemblea/Encontro Nacional, o domingo 18 de novembro no IES Lucus Augusti (Av. Rodríguez Mourelo, s/n, Lugo), onde se presentará a aprobación a ‘Carta de Dereitos do Pobo Galego’, así como no acto que desenvolvera a seguir no paseo superior da Muralla de Lugo, con lectura de textos de activistas das Irmandades da Fala, acompañada de música e finalizando co canto do noso himno nacional. O Programa detallado é o que sigue:

Domingo, 18 de novembro

Programa Asemblea/Encontro Nacional

10.45h Benvida ás/aos asistentes (IES Lucus Augusti – Av. Rodríguez Mourelo, s/n, Lugo)

11-12.45h Intervencións e Lectura da ‘Carta de Dereitos do Pobo Galego’

(acto amenizado con intervencións musicais).

13h Ofrenda floral no Hotel Méndez Núñez (Rúa da Raíña, 1).

13.15h Lectura de textos e acto reivindicativo na Muralla de Lugo.

14h Peche do acto coa interpretación e canto do himno nacional