40 aniversario da UMG

Este ano 2017 cúmprense 40 anos do nacemento da Unión da Mocidade Galega, no seu Congreso Consituinte realizado o 14 e 15 de Agosto do 1977. Nace a UMG como froito das fondas análises realizadas no Partido, onde a autoorganización da mocidade galega pasou a ser clave como escola de militantes comunistas nacionalistas.

A UMG estivo presente, nestes 40 anos, na primeira liña da loita social e nacional, analizando a realidade da mocidade galega e dando resposta aos ataques que esta estivera a padecer.  Neste senso, deu resposta aos ataques contra a lingua do noso povo, a nosa cultura, o noso ensino ou na loita contra a precarización laboral dentro do ámbito da mocidade galega, así como nas campañas antiimperialistas, contra o exército español e a mili, e coas reinvindicacións feministas e de liberdades sexuais. Tamén estivo na formación de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, na que a UMG depositou todas as súas forzas, cedendo súa actividade pública e todo capital humano no seu favor e referencialidade, entendéndoo como espazo plural e aglutinante da mocidade nacionalista galega. Apostamos polo movemento estudantil nacionalista a través de ERGA até a actual Erguer, Estudantes da Galiza, no eido cultural, ecoloxista, sindical, e demais movementos que vertebran o noso povo e que fan avanzar o proceso de liberación nacional e social de Galiza.

Hoxe, nun contexto de ofensiva española contra os povos que reclamamos dotarnos de soberanía e exercela, e nun contexto de avanzo do capitalismo que precariza as nosas vidas e nos somerxe en máis pobreza, a UMG segue a ser tan necesaria como era no 1977. As análises da realidade actual desde o pensamento marxista e leninistaamosan que a loita de liberación nacional e a autoorganización do noso povo é o único camiño para acabar coa colonización que padece o noso País, e constitúe un paso indispensábel para a construción do socialismo na Galiza, polo que avanzarmos cara á independencia da Galiza continúa en plena vixencia e urxencia.

A militancia nacionalista pasa pola análise coidadosa da realidade do noso país para poder, baseándonos nela, actualizar e renovar constantemente a nosa táctica, e manternos firmes na nosa estratexia, tendo sempre no punto de mira a consecución da liberación social e nacional do noso país. Ás xeracións vindeiras corresponderalle recoller o legado destes 40 anos e pór o traballo militante ao servizo da Galiza, nutrir o presente e o futuro do nacionalismo de compañeiras e compañeiros coa experiencia na loita do día a día e sempre co corazón no povo.

Por unha Galiza ceibe e socialista!

Comité Nacional da Unión da Mocidade Galega