50 anos de loita e un proxecto de futuro para a Galiza

Compartimos o documento elaborado no 50 aniversario da UPG

A Unión do Povo Galego (UPG) vén de facer 50 anos de existencia. Medio século de loita constante en prol dun único obxectivo: unha Galiza libre e sen explotación. Un obxectivo que sabemos difícil e complexo. Nada máis e nada menos que o de romper con 500 anos de dominación colonial sobre o noso País, de conquistar a independencia nacional e de construír na nosa patria unha sociedade radicalmente nova, xusta, libre, democrática, igualitaria, unha sociedade socialista.

Sabemos que 50 anos son un período curto na historia dun País, mais representa unha longa traxectoria de loita para unha forza política como a nosa. E, sobre todo, confirma que o proxecto político que representamos como Partido e aquel en que nos integramos como patriotas, son proxectos políticos sólidos, que responden á necesidade obxectiva de nos dotarmos como povo de instrumentos propios para podermos romper as cadeas e camiñar cara a un futuro de liberdade.

Non foi a nosa unha traxectoria fácil, exenta de dificultades. Todo o contrario. Desde a iniciativa dun reducido grupo de persoas que nun día da Patria de 1964 fundan a UPG até a realidade dun movemento político, sindical e social patriótico, con forte presenza e capacidade de intervención social, foron moitas as dificultades, as loitas, as conquistas, os esforzos. Moitos os triunfos e tamén as derrotas. Moitos os pasos adiante. Moitas, sobre todo, as persoas que se teñen implicado activamente para construír colectivamente un movemento político capaz de conquistar a liberdade da nosa Patria. E nese labor, con humildade, con xenerosidade, mais tamén con decisión e con iniciativa, estivo sempre o noso Partido.