8 de marzo: Día Internacional da Muller Traballadora

Desde hai máis de un século, o 8 de marzo é unha xornada de reivindicación e loita das mulleres para esixir igualdade de dereitos. Mais nos últimos anos a conmemoración desta data está a tentar ser utilizada por parte do capitalismo de forma banal, converténdoa nunha data de celebración e de felicitación estereotipada, para lle tentar tirar o carácter – que sempre tivo e continuará a ter- de combate e denuncia da situación de opresión e explotación das traballadoras, e da discriminación e violencia exercida contra as mulleres polo mero feito de o seren.

A conmemoración do 8 de marzo foi unha proposta da Segunda Conferencia de Mulleres Socialistas que tivo lugar en 1910, cando delegadas de 17 países, en representación de sindicatos, partidos operarios e organizacións de traballadoras fixeron un chamamento a loitar contra a precariedade, a servidume, o acoso sexual e a escaseza de alimentos, o dereito ao aborto, ao voto das mulleres, etc.

Na Galiza, o espirito combativo das mulleres e o carácter social e popular da súa loita ficou patente co seu papel protagonista nas protestas labregas e populares do primeiro terzo do século XX: de Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e Sobredo. Como galegas non debemos esquecelo: grupos de mulleres organizaron motíns de subsistencia e protestas contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos, enfrontadas aos poderes públicos, aos patróns, aos caciques e á garda civil, percorreron as rúas en manifestacións e actos públicos protagonizados en exclusiva por elas. Unha loita tantas veces esquecida, neste país colonizado, e que debe ser todo un referente de autoorganización e de loita polos nosos dereitos.

Recollendo ese facho, este 8 de marzo, as galegas botaremos man da ferramenta que temos as traballadoras, a folga, que na Galiza foi convocada pola Confederación Intersindical Galega – CIG. Información das mobilizacións convocadas pola CIG: https://www.cig.gal/nova/a-cig-convoca-preto-de-30-mobilizacions-este-8-m.html. Mobilizámonos contra as políticas neoliberais postas en marcha pola socialdemocracia e os gobernos da dereita, como resposta á crise económica, contra as reformas laboráis e de pensións e as políticas ultraconservadoras que pretenden facer recaer nas mulleres todo o peso do traballo doméstico e de coidados que o estado destrúe ou privatiza.

Imos á folga contra a explotación que sufrimos como clase e pola opresión que padecemos por sermos mulleres e galegas: porque unha de cada catro vivimos por baixo da liña da pobreza, porque temos unha fenda salarial do 21,5% (o que supon que unha muller ingrese 4.431 € menos ca un home) ou a das pensións (que é de 36,6%, pois as galegas cobramos 5.000 € menos de xubilación que os homes). Alias, compre ter en conta que esta brecha xa se suma á que existe entre a Galiza e España, pois o noso País ten dos salarios e pensións máis baixas do Estado como consecuencia da situación de dependencia política que padecemos como nación.

Imos á folga porque o 37% das asalariadas percibimos uns ingresos inferiores ao salario mínimo (e o 20,5% non chegamos á metade do SMI); porque na Galiza o 21% das mulleres traballamos a xornada parcial (fronte a 6% dos homes); porque ocupamos o 77,3% do total dos traballos a xornada parcial; porque subscribimos unha media de 4,2 contratos por muller ao ano (o 94,9% son temporais, o 36,1% duraron menos dunha semana, o 48,6% duraron menos dun mes); porque o 36% das desempregadas galegas levamos máis de dous anos nesta situación, o cal déixanos fóra das prestacións contributivas.

Imos á folga como resposta a inexistencia de resposta por parte do goberno galego ou do estado á todas estas situacións de desigualdade. Porque é o instrumento para obtermos melloras nas nosas condicións sociolaborais. Negándonos a realizar dun xeito total o traballo que temos encomendado, estamos evidenciando as eivas dun sistema que nos discrimina, que nos agrede e que nos precariza. Estendémola ao eido estudantil. Participando tamén  nunha folga de consumo e de coidados, co obxectivo de concienciar ao pobo do traballo invisíbel e de balde que facemos as mulleres.

O 8 de marzo foi e será unha data de combate da clase obreira galega, coas mulleres traballadoras á fronte da loita, polos nosos dereitos. Contra o rexime e a patronal que sosteñen as condicións de explotación e opresión contra todas nós. Paramos porque non podemos seguir aturando tanta discriminación e violencia. Paramos para amosar que o lugar que ocupamos na sociedade non é subsidiario, senón fundamental para o seu desenvolvementomo. Porque somos a metade da Galiza, a metade do mundo. Porque abonda xa de conmemoracións hipócritas no 8 de marzo, que este é un día de combate contra o capitalismo colonial, que o mundo non xira igual se paramos as mulleres.

Viva a loita das traballadoras galegas! Viva o feminismo galego, de clase e combativo!