A CIG desenvolve o seu VII Congreso apostando no fortalecemento do sindicalismo nacionalista e de clase

 

Paulo Carril é o novo secretario xeral da CIG, tomando o relevo a Suso Seixo despois de dezaseis anos á fronte da central nacionalista.

O VII Congreso Confederal da CIG, decorrido en Compostela os pasados 27 e 28 de maio concluíu na aposta por seguir a fortalecer o sindicalismo nacionalista e de clase como instrumento para transformación revolucionaria da realidade con rumo a construción dunha Galiza ceive e socialista. O Congreso, que tivo por palabra de orde “Coa CIG somos máis fortes” aprobou por amplísimas maiorías tanto o Informe de xestión da Executiva Confederal saínte, os relatorios de Acción Sindical e Organización, así como a elección das novas Executiva Confederal, Secretaría Xeral e Comisión de Garantías, para as que concorreron candidaturas únicas de integración.

Galiza ceive e socialista

O novo secretario xeral da CIG, Paulo Carril, apostou por reforzar a nivel organizativo e de acción o proxecto sindical “asembleario, combativo, de conflito e contrapoder, nacionalista e de clase” que represente a CIG e que ten por obxectivo estratéxica conquistar unha “Galiza ceibe e socialista”. Desta maneira, Carril, describiu a CIG como “un proxecto en confronto directo coa ofensiva do capitalismo neoliberal, caracterizado pola inxente concentración da riqueza que pula por consolidar unhas relacións laborais altamente precarizadas e individualizadas”.

A CIG continuará a “acumular forzas” a través da mobilización e o conflito para crear as condicións que permitan impulsar a convocatoria dunha folga xeral que “obrigue o PP a retroceder nas súas posicións antiobreiras e antisociais”. “Unha folga xeral para demostrar a nosa disposición á resistencia, á loita pola recuperación dos nosos dereitos e como a mellor defensa ante unha inminente e regresiva reforma das pensións”, defendeu Carril.

Remuda

O relevo xeracional foi tamén un elemento primordial dos resultados deste congreso. Unha remuda que se produce após boa parte da que foi xeración fundacional do sindicalismo nacionalista abandona as responsabilidades de dirección. Especialmente significativo é o relevo na secretaría xeral, despois de que esta fose asumida nos últimos dezaseis anos por Suso Seixo. Seixo recibiu unha intensa ovación do Congreso de quen tivo a oportunidade de se despedir cunha breve intervención na que expresou o seu sincero “orgullo e agradecemento” por ter sido secretario xeral e mais o “firme convencemento de que a continuidade está asegurada”.

Seixo chamou a poñer en valor o que representa o proxecto sindical da CIG, como “patrimonio da clase traballadora e do movemento nacionalista”, defendeu que o seu futuro pasa por continuar “a ser fiel aos seus principios nacionais e de clase” e apostou en aumentar o grao de politización e ideoloxización do sindicato. Baixo a dirección de Suso Seixo, a CIG experimentou un considerábel medre tanto organizativo como de afiliación. Ao remate do seu mandato, o sindicalismo nacionalista é hoxe a primeira forza sindical en Galiza a en número de afiliados e afiliadas, en estrutura organizativa, en capacidade de mobilización e a piques de se converter en primeira forza en representación sindical superando as centrais españolas.

Desde a Unión do Povo Galego saúdamos o éxito do VII Congreso Confederal da CIG, desexando os maiores éxitos e acertos para a súa nova dirección, e singularmente para o seu novo secretario xeral, na certeza de que o seu traballo axudará a avanzarmos cara a plena emancipación social e nacional do pobo traballador galego. Aliás, o Comité Central da UPG recoñece e rende homenaxe á valiosa achega do camarada Suso Seixo durante décadas de militancia sindical e política no nacionalismo galego.