A Funda ción Bautista Álvarez presenta o seu monográfico”50 preguntas, 50 argumentos para a soberanía de Galiza”

A Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas presentou este mércores no Centro Sociocultural das Fontiñas e o xoves na Galeria Sargadelos de Lugo, un especial do Terra e Tempo, baixo o nome “50 preguntas, 50 argumentos para a soberanía de Galiza”. Estas presentacións únense á xa realizada en Ferrol e a outras xa previstas en breve polo conxunto da nación.

Trátase dun monográfico que ten por finalidade dotar de argumentos á base nacionalista galega e ao conxunto do povo galego que quere unha Galiza independente nun momento de máxima caricaturización e demonización dos nacionalismos. A saída do prelo desta publicación coincide tamén coa celebración do 50 aniversario da Unión do Povo Galego, o partido con máis historia e lonxevo de Galiza.

Nos actos, estiveron presentes Néstor Rego, secretario xeral da Unión do Povo Galego; Rubén Cela, coordinador do monográfico; así como en Compostela Ana Pontón, deputada do BNG no Parlamento de Galiza e autora dun dos textos, en Ferrol Manolo Rei, critico literario e Secretario de Zona da UPG, e en Lugo Paz Abraira, portavos municipal do BNG e membro do Secretariado político da UPG. Durante as presentacións, fixeron un repaso do que os lectores se poden atopar neste libro. Destacaron que se trata dunha defensa do dereito de autodeterminación dende una perspectiva formada e informada e que a Fundación o puxo en marcha coa firme crenza de que non se pode pensar nun proceso de autodeterminación sen coñecer de antemán os piares teóricos sobre os que se construíu a ideoloxía nacionalista e a súa concreción práctica na Galiza.

No volume colaboran persoeiros destacados da historia do nacionalismo neste país como o propio Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Xavier Vence, Pilar García Negro, Néstor Rego ou Alfredo Suárez Canal, entre outros. Unha análise, por eidos competenciais e temáticos, que da resposta ás preguntas que xorden á hora de abordar un proceso de autoorganización do pobo galego.

O momento no que sae á luz este monográfico non é casual, tal e como destacaron os participantes da presentación, xa que neste momento está claro que algo se move en Europa. Tras o referendo histórico en Escocia, con importantes avances cara á reunificación de Irlanda ou a independencia de Flandres e cun cuestionamento, cada vez maior, do actual proxecto de Unión Europea. E que algo se move tamén no Estado español, inmerso nunha profunda crise económica, mais tamén de lexitimidade e esgotamento do seu modelo territorial. A consulta de Catalunya, a inminente nova estratexia do conxunto do nacionalismo vasco na defensa do dereito a autodeterminación en Euskal Herria ou o cambio de rei, son claros indicios de que algo vai mudar na configuración territorial e política do Estado español. As preguntas son: O que? Para que? Como? e, sobre todo: Que papel vai desempeñar Galiza nese proceso? E iso intenta responder este monográfico.