A hora das nacións. A hora da Galiza

Neste ano 2015 fanse 40 anos desde que Moncho Reboiras non está fisicamente entre nós, mais o seu exemplo inspirou o traballo incansábel de millares de galegos e galegas que ergueron nestes anos un amplo e ben asentado proxecto nacionalista no noso país. O movemento de emancipación nacional e social da Galiza finca as súas raíces no tempo, afiánzase no presente e proxéctase para un futuro que queremos de liberdade e de xustiza. Por iso hoxe, cando conmemoramos o 40 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras queremos formular publicamente 40 puntos, ideas,  principios, propostas, que son tamén 40 compromisos con este noso País, como chanzos dun camiño que estamos dispostos a percorrer con decisión porque sabemos que ao final está a liberdade. 40 puntos que arrancan, por coherencia, coa mesma afirmación con que hai 51 anos a Unión do Povo Galego iniciaba o combate: Galiza é unha nación e, como tal, ten dereito á autodeterminación, e que sintetizan o presente e o futuro que queremos para a Galiza.