A UPG felicita ao povo cubano pola súa nova vitoria fronte ao imperialismo


De seguido o comunicado que a Unión do Povo Galego transmiteu no día de onte ao Partido Comunista Cubano e ao Consul de Cuba en Galiza:

Ao ter coñecemento das declaracións realizadas polo Presidente cubano comandante Raúl Castro e polo Presidente estadounidense Barack Obama nas que anunciaban ao mundo o inicio das conversacións para restaurar as relacións diplomáticas, económicas e comerciais entre os dous estados, para poñer fin ao bloqueo criminal imposto de forma unilateral polos EUA, e da liberación dos tres patriotas cubanos que aínda estaban prisioneiros queremos trasladarlles a nosa ledicia e a nosa felicitación.

A nova situación que se abre nas relacións entre Cuba e os EUA son un triunfo do pobo cubano que durante décadas sufriu, e sofre aínda, as consecuencias da decisión criminal de impedirlle unha relación económica e comercial libre co resto do mundo. A resistencia de Cuba ao imperialismo e o empeño en defender a súa soberanía e o seu dereito a construír un futuro socialista foi e é un exemplo para América Latina e para o mundo.

Esa resistencia triunfou e no día de onte o imperio houbo de dar o seu brazo a torcer recoñecendo o Presidente norteamericano o fracaso da súa política agresiva e de bloqueo a Cuba.
Sabemos que as declaracións non supoñen unha automática translación a feitos e que se abre un proceso de negociación complicado, pero estamos seguros de que este novo triunfo do pobo cubano supón unha inxección de forza para que poidan seguir adiante no proceso de afondamento na revolución e na construción do socialismo, un proceso no que haberán de seguir enfrontándose a un imperialismo que deseñará outros plans para intentar dobregalos.

Galiza e Cuba estiveron sempre unidas e podemos compracernos da orixe galega de moitos dos revolucionarios cubanos como os comandantes Fidel e Raúl ou os compañeiros Xullo e Pedro Trigo, e por iso para UPG como partido comunista patriótico, a loita do pobo cubano pola súa soberanía e por transitar o seu propio camiño cara ao socialismo foi sempre un exemplo que nos anima a avanzar no noso propio proceso político; por iso permítannos dicirlles que esta vitoria do pobo cubano é para nós unha vitoria propia.

Sen máis reiterámoslles a nosa vontade de continuar fortalecendo as relacións entre os nosos dous partidos e os históricos vínculos entre o noso pobos.