Acrecentarmos o noso compromiso militante a prol da causa da soberanía e o socialismo é o mellor tributo a Moncho Reboiras

A Unión do Povo Galego non faltou á súa homenaxe anual ao camarada Xosé Ramón Reboiras Noia. A súa morte, a mans da policía española é o exemplo máis cruel da encarnizada persecución que padeceu a militancia da UPG durante o treito final da ditadura. Unha brutal represión coa que o réxime español pretendía aniquilar a determinación patriótica de quen apostaban na loita por unha Galiza libre, soberana e socialista e o seu empeño permanente dotar o povo galego de forzas propias, sen dependencias alleas, en todos os ámbitos. Acreditando na autoorganización como único vieiro para as clases traballadoras da Galiza conquistarmos un futuro que o Estado español e a súa clase dominante nos negan.

Os actos conmemorativos deste 12 de agosto incluíron unha ofrenda floral no cemiterio de Imo, onde repousan os restos do camarada Moncho Reboiras. Realizouse tamén, máis un ano, un xantar de confraternidade en Fene que foi seguido dunha sobremesa de debate arredor de como construírmos a soberanía hoxe en Galiza, e que contou cunha importante participación de camaradas e de amigos e amigas da UPG e mais da UMG. Pola tarde, como de costume, decorreu a concentración diante do número 27 da rúa da Terra en Ferrol, o lugar onde Moncho foi asasinado. Na súa lembranza e antes de realizar un novo tributo floral, tomou a palabra o voceiro do BNG no Concello de Ferrol, Iván Ribas, que reivindicou a vixencia da loita patriótica á que Reboiras entregou a súa vida. A continuación tivo lugar o acto político central no cantón ferrolá. Alí tomaron a palabra a voceira do BNG en Fene, Sandra Permui, o secretario xeral da UMG, Adrián R. Bravo e o secretario xeral do Partido, Néstor Rego.

Compromiso militante

Rego recoñeceu o xeneroso, firme e activo compromiso militante de Moncho Reboiras. En tributo del, reafirmou a “fidadelidade á causa da independencia nacional da Galiza”. O secretario xeral salientou a lección que se pode tirar do exemplo de  Reboiras a respeito de que “cada militante ten de ser un activista, un organizador, atento sempre ao labor de proselitismo, de debate e de combate ideolóxico”. “Cada militante nacionalista alí onde estea, onde viva, onde traballe, onde se relacione ten de se tomar un activo difusor da mensaxe nacionalista e das razóns que deben conducir á soberanía”, acrecentou.

Para enfatizar a importancia do traballo militante afirmou que “na organización, na capacidade de permeabilización social, de mobilización e nunha militancia activa e ben formada é onde reside a fortaleza dunha organización política revolucionaria”. Unha fortaleza que é a que permite enfrontar as dificultades, resistir nos momentos complexos e avanzar nos que sexan máis propicios. “Esa foi  a fortaleza que permitiu ao nacionalismo galego, ao BNG, aguantar, recuperar o pulso e reiniciar o medre político e organizativo”, sostivo defendendo que “é a organización, a mobilización e a imbricación na sociedade a que permite gañar apoios políticos e tamén electorais”.

A soberanía como cuestión central

Néstor Rego tamén debullou o actual contexto político galego e estatal. Nese sentido, apuntou que o novo período político que se abre vai estar definido polo debate sobre a cuestión nacional, marcado polo proceso soberanista en Catalunya e o referendo de autodeterminación convocado para o próximo 1 de outubro. A este respeito chamou a que actuar desde o nacionalismo galego para lograr que na Galiza ese debae xire sobre a necesidade de soberanía do noso País. “O que nos interesa é que aquí o debate se centre sobre o noso País, sobre a necesidade de superar o actual marco político da Constitución e o Estatuto para podermos decidir sobre o noso de maneira soberana. Ese é o esforzo que vai facer o nacionalismo nos próximos meses. Explicar socialmente as razóns para a soberanía da Galiza. Cataluña vai lograr antes ou despois a súa independencia. A nosa temos que conquistala nós e só podemos facelo gañando o povo para a nosa causa”, afirmou.

Aliás, o secretario xeral da UPG asegurou que van manter, como fixo o nacionalismo até agora, unha posición clara de apoio ao referendo de autodeterminación de Cataluña. “Non xa por unha cuestión de solidariedade, senón porque a loita do povo catalán é a nosa mesma loita. (…). Afirmou tamén que o  nacionalismo deberá estar preparado para enfrentar a reacción “autoritaria e antidemocrática do rexime español que, amparado na Constitución, aproveita para cercear aínda máis as liberdades democráticas e os dereitos individuais e colectivos”.

Rego criticou o “chovinismo” que máis unha vez volve practicar a “esquerda española” fronte ao referendo catalán. “Hoxe a vella esquerda (o mesmo PCE que colaborou na Transición e Izquierda Unida) ou a nova autoproclamada rupturista (Podemos) prestan un novo e impagábel servizo á oligarquía española posicionándose rotundamente contra o referendo de autodeterminación que Cataluña” sentenciou rexeitando os falsos argumentos dados polas forzas políticas españolas para negaren a lexitimidade democrática do referendo do 1-O. “Pode a ruptura ser pactada coa oligarquía española? Alguén é capaz de manter iso seriamente? Quen sosteña que a revolución pode ser acordada cos opresores é que renunciou definitivamente a ela. Do mesmo modo que renunciou á loita pola soberanía quen afirma que Galiza por si soa non pode conquistala e debe apoiar esa esquerda española que á hora da verdade se coloca sempre, unha e outra vez, do lado do opresor”.

40 anos da UMG

No acto tamén se fixo referencia ao 40 aniversario da constitución da Unión da Mocidade Galega (UMG). O secretario xeral da organización xuvenil do Partido, Adrián R. Bravo, reivindicou o papel da UMG como “escola de militancia revolucionaria” que ten permitido achegar ao conxunto do movemento nacionalista galego “activistas e cadros comprometidos coa plena emancipación social e nacional” de Galiza. Unha contribución que atinxe todos os ámbitos de actuación “a principiar polo xuvenil, o estudantil, mais tamén no cultural, ambiental, na defensa da lingua, no sindical e na loita política”. Un traballo que Bravo chamou a continuar, fixando como obxectivos contribuír á expansión de Erguer-Estudantes da Galiza “en todo o territorio nacional” e mais fortaleceren Galiza Nova, como referente xuvenil da fronte patriótica.

O secretario xeral da UPG tivo tamén palabras de recoñecemento para a militancia moza.”A UMG –con altos e baixos, como toda formación política e como toda obra humana– cumpriu perfectamente os obxectivos marcados na súa fundación: o de ser escola de militancia comunista e patriótica e o de levar o nacionalismo e as posicións da UPG á mocidade galega”, valorizou facendo balanzo de catro décadas de axir da organización xuvenil.  Poñendo en valor o papel da UMG como garantía de futuro e continuidade da causa do comunismo patriótico en Galiza, Néstor Rego parabenizou á dirección e ao conxunto da militancia da UMG polo esforzo que lles permitiu “nestes últimos anos achegar novos mozos e mozas ao nacionalismo e á militancia partidaria e contribuír de maneira decisiva para o crecemento de Galiza Nova e do nacionalismo entre a mocidade”