Até a vitoria sempre, camarada Bautista Álvarez

Centos de camaradas, compañeiros e compañeiras, amigos e amigas despedimos o domingo ao noso camarada Bautista Álvarez na terra que o veu nacer,  San Cibrao de Las en San Amaro.

Nun sincero e emotivo acto de tributo recoñeceuse a figura e o traballo dun home irrepetíbel e fundamental na construción da Galiza actual. Fundador da UPG, histórico dirixente nacionalista e figura central na historia política recente da nosa nación e sen o que sería imposíbel entender o movemento nacionalista e as análises e conceptualizacións que ese movemento construíu durante os últimos 50 anos.

Ao pé do castro de San Cibrao de Las desenvolveuse o acto de despedida ao camarada e amigo. Iniciou o acto o cantor Roberto Sobrado interpretando o clásico de Suso Vaamonde “ Volvín á terra pero perdín o amor” e a emoción encheu o acto cando as voces cantaron ao coro o retrouso da canción “como ei vivir mañá sen a luz túa”. Presentou o acto Montse Nóvoa, secretaria de zona da UPG en Ourense, cunha sentida intervención que deu paso aos distintos oradores e oradoras.

Lembrou Chema Ferreiro, do BNG da comarca do Carballiño, os anos nos que compartiron escano no Parlamento Galego e a súa veciñanza na comarca. Francisco Rodríguez destacou o compromiso político e o rigor intelectual de quen foi presidente da UPG desde 1977 até 2008, e o compromiso de todos e todas en continuar o traballo de lograr de Galiza un país normalizado. Lois Diéguez, antes da dar lectura a un poema en memoria de Bautista Álvarez, recordou a súa expulsión xunto á de Bautista e Claudio López dos escanos que no Parlamento da Galiza tiña logrado o nacionalismo galego e a significación de aquel momento político. Pilar García Negro lembrou a aquel neno de aldea que no Seminario de Ourense descubre na lectura de Castelao a existencia da nación negada e desde aquela “consagrou a súa biografía á causa da dignidade, da liberdade e dos dereitos da Galiza, a erguer un patriotismo firme e sen claudicacións, a compor, en fin, unha outra imaxe do galego político, do nacionalista entregado a unha misión que precisa aínda de todas e de todos nós, se non queremos que a nación sucumba na maré española e global”.

A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, non puido conter a emoción cando lembrou os seus inicios no compromiso militante e como alí coñeceu a Bautista e o seu exemplo, compromiso e presenza xenerosa sempre que se precisaba. Sinalou o seu papel como clave para a existencia do BNG e recoñeceu “toda unha vida de intelixencia e paixón ao servizo deste proxecto, na que nunca desfaleceu e nunca deixou de acreditar no país”.

Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG, pechou as intervencións lembrando o contributo teórico de Bautista a construción dunha doutrina liberadora para Galiza cimentada na propia tradición nacionalista galega e nun marxismo leninismo adaptado á realidade galega. Destacou a figura dun home fundamental non só para o noso Partido, se non para o conxunto do pobo galego, e tamén emocionado afirmou que “as persoas que entregan a súa vida a unha causa non morren nunca, e Bautista acompañaranos sempre até acadar o obxectivo da República galega”

Tras o canto do noso himno nacional, os centos de persoas congregadas ao pé do Castro de San Cibrao de Las despedimos ao camarada Bautista Álvarez, á camiño do seu enterro no cemiterio da súa parroquia natal, ao berro de: ”BAUTISTA ÁLVAREZ, PATRIOTA GALEGO!”.