Bautista Álvarez, referente fundamental da loita pola soberanía, estará sempre connosco

Na hora do pasamento do noso camarada Bautista Álvarez, o Comité Central da Unión do Povo Galego (UPG) traslada o pesar á súa familia e a toda a familia nacionalista ao tempo que expresa o recoñecemento a un home excepcional, a unha persoa que entregou a súa vida á causa da liberación nacional e social do povo galego e que o fixo con lucidez, con determinación e con coherencia até o final.

Patriota Galego e comunista exemplar, Bautista Álvarez uniuse de moi novo á loita en defensa da Galiza e contra a ditadura franquista e foi un dos principais impulsores da reorganización do nacionalismo galego nos anos 60 que deu lugar á fundación da Unión do Povo Galego en 1964. Participou activamente no traballo clandestino, en condicións durísimas que lle supuxeron pasar en diversas ocasións polos cárceres franquistas, para asentar o Partido e nacionalismo entre o povo traballador galego e para lograr a expansión da conciencia nacional e da capacidade de actuación política nacionalista na sociedade galega.

En 1977, no I Congreso da UPG -realizado aínda na semi-clandestinidade- foi electo Presidente do Partido, cargo que ocupou de maneira ininterrumpida até o XII Congreso, realizado en 2008. Foi tamén dirixente do BNG desde a fundación da Frente nacionalista en 1982, ao que representou no Parlamento da Galiza durante anos. Nas primeiras eleccións, realizadas a 20 de Outubro de 1981, sae electo deputado pola circunscrición da Coruña, sendo expulsado do Parlamento, xunto cos compañeiros da coalición electoral Bloque (AN-PG/UPG)-PSG, Lois Diéguez Vázquez e Claudio López Garrido, por se negar a prestar xuramento á Constitución española de 1978. Volverá a resultar electo deputado pola circunscrición de Pontevedra na IIIª, IVª, Vª e VIª lexislatura, de 1989 até 2005.

Dirixente de firmes conviccións patrióticas e de sólida formación marxista, as súas achegas foron fundamentais para ir conformando as análises e as alternativas políticas do nacionalismo contemporáneo. O seu contributo teórico ficou recollido en 3 volumes das Obras Completas, editado pola Fundación Bautista Álvarez. Grande coñecedor da cultura e da literatura galega, á que contribuíu como escritor, o seu estilo singularizou con personalidade propia a oratoria e a literatura política da Galiza contemporánea.

No momento en que Bautista Álvarez nos abandona fisicamente, a Unión do Povo Galego quere destacar a coherencia política que marcou toda a súa vida en defensa da causa da independencia nacional da Galiza e o socialismo. Temos a certeza de que as persoas como Bautista nunca morren, pois permanecen na memoria e no corazón do povo, no corazón da nosa Patria. Até a vitoria sempre, camarada.

Comité Central da UPG