Bota a andar a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para frear a eucaliptización de Galiza

Máis de 60 organizacións que conforman a rede “Cousa de Raíces”, impulsan unha ILP “para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais” que pretende virar 180º as políticas de xestión dos nosos montes e do noso medio rural e frear a eucaliptización da Galiza.

Representantes das organizacións promotoras da ILP  anunciaban o inicio da campaña de recollida de sinaturas. Como obxectivo márcanse conseguir que chegue ao Parlamento co maior respaldo social acadado nunca por unha Iniciativa Lexislativa Popular. Un amplo espectro da sociedade rural galega que abrangue organizacións sociais, veciñais, culturais, de montes ou de produtores/as alertadas non só polo cada vez maior abandono do rural galego, senón tamén polas consecuencias que a expansión desta especie, o eucalipto, ten canto a lumes forestais.

Entre outros obxectivos, con esta ILP preténdese conseguir que, ao igual que xa fixo Portugal, se decrete unha moratoria para as novas plantacións de eucalipto, xa que non ten sentido que se siga plantando mentres se debate un novo modelo forestal. Ademais demándase que se elimine dos espazos protexidos, rede natura e demais e das terras de alto valor ecolóxico.

Con todo a ILP vai máis alá do Plan Forestal, que atinxe só á xestión dos montes, porque pretende unha nova xestión do medio rural no seu conxunto. Entre outras, a protección da biodiversidade de hábitats e especies; medidas valentes para garantir a multifuncionalidade de usos; o fomento do arborado autóctono e mesmo que se elabore un catálogo de frondosas, pendente desde 1992, porque, sen isto, non se pode planificar.

 

Máis información e texto integro da Iniciativa Lexislativa Popular: http://www.fruga-galiza.org/2018/01/11/bota-a-andar-a-iniciativa-lexislativa-popular-ilp-para-a-mellora-do-bosque-autoctono-a-xestion-racional-do-monte-e-a-loita-contra-os-incendios/#more-2586