Acto de lembranza no aniversario do pasamento de Bautista Álvarez

O vindeiro sábado, 15 de setembro, a Unión do Povo Galego realizará un acto de lembranza a Bautista Álvarez co gallo do primeiro aniversario do seu pasamento, para seguir expresando  o recoñecemento a un home excepcional, a unha persoa que entregou a súa vida á causa da liberación nacional e social do povo galego e que o fixo con lucidez, con determinación e con coherencia até o final. Ler máis

Tributo a Moncho Reboiras no 43 aniversario do seu asasinato

A Unión do Povo Galego (UPG) vai desenvolver como todos os anos, desde fai xa 43 anos, os actos públicos de tributo a Xosé Ramón Reboiras Noia o vindeiro 12 de agosto, domingo, baixo o programa que de seguido damos conta:

ACTOS CONMEMORATIVOS:

DODRO.

Cemiterio de Imo.

Ás 12:00h. Ofrenda floral.

FENE.

SCDR O Pote, Maniños. (1)

Ás 14:30h. Xantar popular. (2)

Ás 16:30h. Conferencia de Francisco Rodríguez: “Vixencia da análise nacionalista na Galiza”

FERROL.

Ás 19:00h. Concentración da Praza de Armas. Saída cara á rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras. Intervención de Paulo Ríos, Secretario Xeral da UMG. Ofrenda floral e canto da Internacional.

Ás 19:30h. Intervencións Políticas no Cantón.

Iván Ribas (Portavoz municipal do BNG en Ferrol)

Susana Méndez (Sindicalista e membro do Comité Centr)

Néstor Rego (Secretario Xeral da UPG)

Ao remate, canto do himno galego.

Nestes momentos en que é máis necesario que nunca defender un proxecto político nacionalista,  recollemos o exemplo do camarada Moncho Reboiras no traballo de autoorganización do povo galego e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza,  á que o noso camarada entregou a súa vida, e convidamos o conxunto do povo galego a participar con nós nesta homenaxe.

 

(1)  O lugar do xantar ás 14:30 será nas instalacións da SCDR O Pote de Maniños. O enderezo é: O Pombal, Estrada da Palma 217 Maniños, Fene. Anexamos mapas.

(2)  O prezo do xantar é de 15 € e será preciso anotarse no correo electrónico upg@upg.gal, indicando o nome das persoas. A data límite para se anotar será a quinta feira 9 de agosto.

Ler máis

No 50 aniversario da celebración a UPG chama a participar masivamente nos actos do BNG do Día da Patria Galega

Estamos nas vésperas do Día da Patria Galega, a grande cita anual en que celebramos a festa nacional da Galiza, enfatizamos o compromiso nacionalista coa defensa dos dereitos do pobo galego e salientamos a reivindicación da soberanía. Mais o 25 de xullo é tamén a ocasión máis favorábel para que o nacionalismo, como proxecto político que encarna a vontade do noso País de actuar como nación, se dirixa ao conxunto da sociedade galega para explicar as razóns polas que é precisa unha mudanza de marco político, que saque a Galiza da dependencia e a coloque con capacidade e decidir por si propia e de construír un futuro de prosperidade e de liberdade. Ler máis

A mudanza que a Galiza precisa: romper a dependencia, asumir e exercer a soberanía

Ao fío do cambio de goberno en Madrid, que despertou expectativas nalgúns sectores sociais que achamos excesivas e infundadas, o Secretariado Político da UPG analizou o novo contexto político e tirou algunhas conclusións que queremos trasladar de maneira sintética para contribuír a un debate  que resulte esclarecedor en relación co traballo a abordar nos próximos tempos. Ler máis

Militantes do BNG denunciados pola Fundación Franco e familiares do ditador pola acción simbólica no Pazo de Meirás

A Fundación Francisco Franco e familiares do ditador presentan unha denuncia a 19 militantes do BNG  pola acción simbólica desenvolvida a 30 de agosto de 2017 no Pazo de Meirás na imputan delitos que poderían sumar até 13 anos de prisión para cada unha,  247 para todas elas. Entre as persoas denunciadas están camaradas da UPG, entre eles o Secretario Xeral, Néstor Rego; os membros da Executiva Nacional do BNG, Bieito Lobeira e Rubén Cela; o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, e o ex Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo. Os nacionalistas despregaran dúas faixas -unha xigante a cubrir unha das torres do pazo, co slogan “O pazo é do pobo galego”-  e outra co lema “Que nos devolvan o roubado. Franquismo Nunca Máis”   un día en que o edificio estaba aberto ao público. Ler máis

1º de maio. Avante a folga xeral galega.

Encaramos máis un 1º de maio, Día do Internacionalismo Proletario, nun contexto marcado pola continuada agresión contra a clase traballadora e o conxunto das clases populares da nosa nación. Un saqueo que, sob a coartada da crise capitalista, é perpetrado por parte dos gobernos da dereita españolista ao ditado da Unión Europea e dos intereses do grande capital. Vemos, pois, que a pesar de as cifras macroeconómicas daren algúns síntomas de recuperación, a economía real e, singularmente, as condicións materiais de vida e de traballo do noso pobo, non só non teñen mellorado senón que continúan a empeorar. Ao desemprego insoportábel, que provoca a expulsión por millares da nosa mocidade, acrecéntase unha brutal vaga de precarización das condicións laborais e o empobrecemento dos salarios. Fenómenos que se articulan e integran nunha estratexia xeral que ten por obxecto alargar o nivel de explotación da maioría do pobo para seguir aumentando os lucros dunha minoría, a cada vez máis rica e poderosa.

Ler máis

10 de marzo. Día da clase obreira galega

AVANTE O POBO TRABALLADOR GALEGO!

A crise capitalista e as políticas de saqueo, promovidas polo grande capital e executadas polos gobernos español e galego, en mans do Partido Popular, teñen provocado unha brutal precarización laboral, un desemprego insoportábel e o empobrecemento de salarios e de pensións públicas. Na Galiza estes efectos están agravados por causa do marco de dependencia colonial que padece o noso país. A merma produtiva, marcada polo devalar de sectores estratéxicos como as actividades industriais, a apropiación de materias primas e recursos (como o caso singular da xeración de enerxía eléctrica) ou a drenaxe do aforro galego através da privatización das caixas, confirman o impacto directo que nas condicións materiais de vida e de traballo ten a carencia de soberanía nacional. O pobo galego vese privado do dereito irrenunciábel a podermos vivir dignamente do noso traballo na propia Terra. Así o testemuña a emigración de máis de 180 mil mozos e mozas nos últimos anos. Ler máis