Clausura do Foro Internacionalista da UPG sobre Brasil

Remataron as sesións do Foro Internacionalista da UPG levadas a cabo o 4 e 5 de outubro en Compostela e Vigo respectivamente.

Nesta edición, “Brasil baixo o goberno Bolsonaro, perspectivas da esquerda”, centrámonos na situación do país latinoamericano coa axuda de Moara Crivelente, da Comisión de Relacións Internacionais do PCdoB- Partido Comunista do Brasil.

Antes de comezar as sesións Crivelente reuniuse cunha delegación do Secretariado da UPG, para compartir as experiencias das comunistas brasileiras e galegas.

Nos actos celebrados en Compostela e Vigo a camarada do PCdoB fixo un repaso da actualidade política brasileira, e dos esforzos dos movementos sociais por plantar cara a un goberno que non só acabou coas conquistas sociais do pobo brasileiro no goberno de Lula da Silva, senón que foi aínda máis alá, dificultando que unha vez remate o goberno de extrema dereita dirixido por Bolsonaro estes cambios poidan ser revertidos.

Tamén apuntou aos grandes medios de comunicación de masas coma executores da campaña contra Lula e o Partido dos Traballadores, que levaron a un congresista de segunda fila coma Bolsonaro a acadar a presidencia de Brasil con postulados militaristas e favor da ditadura, porén o desprezo que os militares senten por el pola súa pésima folla de servizos na súa época coma soldado.

Asemade, Crivelente sinalou que a onda de esquerdas en Latinoamérica non rematou, e amosouse confiada nun novo impulso a nivel continental que lles permita continuar a ser referenciais nas vindeiras décadas.

Nova edición do Foro Internacionalista da Unión do Povo Galego

Esta semana teremos unha nova edición do Foro Internacionalista da Unión do Povo Galego, centrado na situación política no Brasil de Bolsonaro co título “Brasil baixo o goberno Bolsonaro, perspectivas da esquerda”.

A primeira xornada terá lugar en Compostela na quinta feira 3 de outubro ás 20:30h no Espazo enocultural VIDE, VIDE! (rúa da Fonte de Santo Antonio, 10 Baixo), e no que intervirán: Duarte Correa, Secretario de Relacións Internacionais da UPG e Moara Crivelente, da Comisión de Relacións Internacionas do Partido Comunista do Brasil (PCdoB).

A segunda xornada desenvolverase en Vigo na sexta feira 4 de outubro ás 20:00h no Café de Catro a Catro (rúa Girona, nº 16), contando coa presenza de Manuela Rodríguez Pumar, Secretaria de Organización de Vigo da UPG, Moncho Boán, Ex-responsábel da Sección internacional da CIG, e Moara Crivelente do PCdoB.

Desde a Unión do Povo Galego convidámoste a asistir a este foro onde poderás coñecer sen deturpacións a situación do Brasil baixo un goberno de extrema dereita.

Mobilizacións frente ás mudanzas climáticas

Entre 20 e 27 de setembro decorren en varios países do mundo accións para protestar contra a crise climática global. Na Galiza, as manifestacións previstas contan co apoio do Bloque Nacionalista Galego. No pasado 12 de setembro o BNG presentou unha batería de medidas para loitar contra o cambio climático no noso País, ao tempo que anunciaba a súa presenza nas accións organizadas.

Na súa proposta o BNG defende ir máis alén de medidas cosméticas e declarativas e deixar de pór o foco na responsabilidade individual das persoas, con solucións voluntaristas e desideoloxizadas, para exixir a actuación decidida dos verdadeiros responsábeis: os estados e os grandes conglomerados económicos e industriais que estes amparan. O problema non é individual, é sistémico. Un sistema, o capitalismo, depredador nato de recursos que á custa dos privilexios dunha minoría practica constantes agresións ao medio co grave deterioro ambiental, para alén de xerar desigualdades económicas e sociais, opresións nacionais e de clase e violencia social, como mostran os centos de asasinatos anuais de persoas que encabezan os movementos contra as grandes empresas que contaminan a súa terra e os seus ríos.

Por isto, se quixermos encontrar solucións a un desafío como a mudanza climática non podemos pór o foco nas consecuencias que xera senón nas causas que nos levan cara a un planeta inhabitábel.

No que atinxe a Galiza, a nosa inserción colonial no Estado Español condénanos a unha economía extractiva orientada a non achegar case valor engadido a esta produción, o que deriva nuns altos custos medio ambientais e nuns baixos beneficios sociais para o país.

Compre ter en conta que o debate sobre a emerxencia climática é un terreo cheo de posturas cosméticas, en que as mesmas empresas que contaminan e os partidos políticos que as avalan pretenden asociarse á moda do verde, do sustentábel, da economía circular, mais sen ir ao fondo da cuestión para non pór en perigo os seus intereses económicos e os seus lucros. Cómpre, pois, menos declaracións e máis actuacións prácticas. En calquera caso, somos conscientes que a verdadeira solución á crise climática pasa acabar co capitalismo depredador, por mudar o sistema social e económico e por construír na Galiza e no mundo sociedades xustas, igualitarias e libres.

A UPG chama a encarar con decisión as causas da crise climática e a que as mobilizacións a realizar sirvan sempre para desmascarar os verdadeiros responsábeis. É preciso, aliás, centrar a atención nas solucións á crise ecolóxica da Galiza ao tempo que contribuímos para as solucións globais e para a abrir os camiños que contribúan para que outros países poidan buscar as solucións mais adecuadas a súa situación. De pouco serviría preocuparse do Amazonas se desatendésemos o combate noso País á depredación ambiental, á megaminaría contaminante ou á actuación de empresas como ENCE que, coa complicidade do Partido Popular, degradan o noso medio natural para garantir os seus lucros.

Ofrenda floral polo II cabodano do falecemento de Bautista Álvarez

O luns 16 de setembro será o II cabodano do falecemento de Bautista Álvarez. O día previo, o domingo 15 de setembro, ás 12 do mediodía, no cemiterio de San Cibrao das Las, no concello de San Amaro, a Fundación Terra e Tempo e a Unión do Povo Galego organizan unha ofrenda floral para lembrar a súa memoria e o seu importante contributo para coa Galiza e as súas clases traballadoras. Pronunciará unhas palabras o camarada Antón Sánchez Ribeiro, amigo e compañeiro político de Bautista. Ler máis

O BNG comeza o novo curso político en Carballo

O Bloque Nacionalista Galego arranca o curso político cun acto en Carballo o vindeiro 14 de setembro. O escenario será o parque de Anllóns, a carón do Pazo da Cultura de Carballo, a partir das 12 da mañá.

No acto intervirán representantes de distintos colectivos sociais de todo o País, ademais de Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.

Desde a UPG chamamos a participar neste acto, que da comezo a un curso político no que o BNG se presenta como a alternativa real para a clase traballadora e o conxunto do pobo galego.

A UPG lembra a Moncho Reboiras e o seu compromiso militante

Coma cada 12 de agosto desde hai 43 anos, rendemos homenaxe o noso camarada Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado en 1975 pola policía española no número 27 da Rúa da Terra, en Ferrol.

A homenaxe comezou as 12 da mañá no cemiterio de San Xoán de Laiño, en Imo (Dodro), coas intervencións de Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG en Dodro, e Xosé Manel Casal, secretario de organización da UPG, que lembraron o compromiso do camarada Moncho Reboiras, e depositaron unha coroa de flores na súa memoria.

Despois do xantar na SCRD Agarimo de Sillobre -Fene- Pilar García Negro impartiu a palestra “Lingua galega: todo pasa por ela”. Pouco despois, ás 19:00 comezou a concentración na Praza Armas en Ferrol, dirixíndose ó 27 da Rúa da Terra, onde se fixo unha ofrenda floral e se cantou a Internacional.

Ás 19:30 comezou o acto central no Cantón coa intervención de Alberte Mera, director da primeira longametraxe sobre Moncho Reboiras, producida pola Fundación Terra e Tempo e que se atopa nun proceso de micromecenado para conseguir o financiamento preciso.

Seguiuno Mercedes Tobío, responsábel do BNG na comarca de Ferrolterra, que deu a benvida ás asistentes a cidade de Ferrol; e Pablo Ríos “Kai”, Secretario Xeral da Unión da Mocidade Galega, que percorreu a traxectoria exemplar de Moncho Reboiras antes de presentar a Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG.

“O tempo veu constatar que as nosas análises eran e continúan a ser acertadas. Ou hai autoorganización ou hai sucursalismo, que só reforza a españolización da Galiza. E o traballo realizado con coherencia e confianza no noso povo acaba por dar resultados” proclamou o noso Secretario Xeral, que fixo énfase na importancia da autoorganización, “a única garantía de podermos decidir, de maneira libre, en función dos propios intereses como nación”.

Máis un ano, desde a UPG recollemos o exemplo de Moncho Reboiras e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida.

Galería de fotos da homenaxe a Moncho Reboiras

Tributo a Moncho Reboiras no 44 aniversario do seu asasinato

A Unión do Povo Galego (UPG) vai desenvolver como todos os anos, desde fai xa 44 anos, os actos públicos de tributo a Xosé Ramón Reboiras Noia o vindeiro 12 de agosto, segunda feira, baixo o programa que de seguido damos conta:


ACTOS CONMEMORATIVOS:

DODRO.

Cemiterio de Imo.

Ás 12:00h. Ofrenda floral.

FENE.

SCDR Agarimo, Sillobre. (1)

Ás 14:30h. Xantar popular. (2)

Ás 16:30h. Conferencia de Pilar García Negro: “Lingua galega: todo pasa por ela”

FERROL.

Ás 19:00h. Concentración da Praza de Armas. Saída cara á rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras.  Ofrenda floral e canto da Internacional.

Ás 19:30h. Intervencións Políticas no Cantón.

Mercedes Tobío (Responsábel comarcal do BNG de Ferrolterra)

Paulo Ríos (Secretario Xeral da UMG)

Néstor Rego (Secretario Xeral da UPG)

Ao remate, canto do himno galego.

Nestes momentos en que é máis necesario que nunca defender un proxecto político nacionalista,  recollemos o exemplo do camarada Moncho Reboiras no traballo de autoorganización do povo galego e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza,  á que o noso camarada entregou a súa vida, e convidamos o conxunto do povo galego a participar con nós nesta homenaxe.

 

(1)  O lugar do xantar ás 14:30 será nas instalacións da SCDR Agarimo de Sillobre. O enderezo é: Mestre Lois Rodríguez, 1-3 – SILLOBRE – 15509 – Fene. Anexamos mapa e foto aérea.

A Localización: https://www.google.com/maps/place/S.C.R.D.+Agarimo+de+Sillobre/@43.4721981,-8.1763155,14.79z/data=!4m5!3m4!1s0xd2e753998e0434d:0xbe5193228ef6b4a3!8m2!3d43.4777162!4d-8.1470785

(2)  O prezo do xantar é de 15 € e será preciso anotarse no correo electrónico upg@upg.gal, indicando o nome das persoas. A data límite para se anotar será a quinta feira 8 de agosto. O menú será o seguinte: Empanada, churrasco con cachelos e ensalada, postre, cafe e viños do país.

Primeira longametraxe sobre Moncho Reboiras

As vindeiras semanas comeza a rodaxe do primeiro filme sobre a vida do noso camarada Moncho Reboiras, derradeira vítima do franquismo en Galiza, após o seu asasinato en agosto de 1975.

A película Reboiras. Acción e corazón, estará dirixida por Alberte Mera e producida pola Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. A data prevista para a estrea é o 2020, cando se cumpren 45 anos da súa morte. O filme levará á pantalla un retrato fiel construíndo a vida de Moncho Reboiras desde a vertente humana e política.

Para este proxecto contan con testemuños de distintas persoas que o coñeceron e partillaron tempo con el, e que vertebran o proceso da toma de conciencia social e nacional por parte de Reboiras que o levaron a involucrarse activamente na Unión do Povo Galego para enfrontar a ditadura e conseguir unha Galiza libre e xusta.

No tocante o financiamento, a Fundación Terra e Tempo vén de anunciar unha campaña de micromecenado activa dende o 1 de agosto para acadar os 20 mil euros precisos para rodar a película.  Todas aquelas persoas que desexen colaborar economicamente coa realización do filme poden facelo a través da páxina web www.reboiras.gal ou directamente nesta ligazón, e serán consideradas como “participantes do filme”, sendo nomeadas como tal nos créditos e recibirán información puntual sobre os avances dos traballos, así como diversos agasallos en función da cuantía da doazón.

Dende a UPG damos a benvida a este novo filme sobre a nosa historia; un elemento imprescindíbel para o coñecemento dos sacrificios que Moncho Reboiras e outras tiveron que facer para construír moitas das ferramentas coas que hoxe en día conta o povo galego para lograr unha Galiza libre e socialmente xusta. Animamos a colaborar activamente na campaña de micromecenado para lograr a realización desta importante obra fílmica.