Saudamos a vitoria do Pacto Histórico en Colombia

A UPG saúda a vitoria da candidatura do Pacto Histórico nas Eleccións Presidenciais celebradas onte en Colombia; unha vitoria que co acceso de Gustavo Petro á Presidencia do país e Francia Márquez á Vicepresidencia, ten un importante significado político. Pois supón a derrota electoral da oligarquía e a apertura dun novo tempo. Ler máis

Saudamos ao Sinn Féin pola súa histórica vitoria no Norte de Irlanda

Ao Sinn  Féin:

Querid@s amig@s,

En nome do Comité Central e de toda a militancia da Unión do Povo Galego( UPG), desexamos parabenizar ao Sinn  Féin pola súa histórica vitoria no Norte de Irlanda, tras os resultados verdadeiramente revolucionarios obtidos pola Presidenta do partido,  Mary Lou McDonald, nas eleccións de 2020 no Sur.

Só podemos agardar que a democracia e a xustiza prevalezan e que a súa vicepresidenta,  Michelle O’ Neill, xure como a primeira Primeira Ministra republicana dos Seis Condados, co Sinn  Féin como punto de encontro indiscutíbel do nacionalismo irlandés en toda a illa, achegando cada vez máis o soño dunha Irlanda  reunificada e de prosperidade e liberdade para todos os habitantes da illa.

A nosa solidariedade internacionalista.

 

Secretaría de Relacións Internacionais

Comité Central

Unión do Povo Galego

 

A nosa solidariedade co pobo cubano

Diante dos acontecementos dos últimos días na República de Cuba a UPG quere facer pública a súa solidariedade co pobo cubano, que enfronta unha situación complexa derivada do agravamento da pandemia e dos problemas económicos, provocados fundamentalmente polos efectos do bloqueo. Esa delicada situación leva a unha lóxica preocupación na súa poboación, preocupación que como pode acontecer en calquera outro país, levou a desenvolver protestas puntuais. Situación que como está demostrado foi aproveitada por sectores minoritarios contrarios á revolución, teledirixidos e financiados desde os EUA, para desenvolver unha intensa campaña que busca a desestabilización do país. Ler máis

Condenamos o intento de ilegalizar o DKP

O Partido Comunista Alemán-DKP está a atravesar un momento moi delicado, diante da ameaza por parte das autoridades alemás de retirarlle a condición de partido político legal, o que lle impediría participar nas eleccións federais do vindeiro mes de setembro, nas que o DKP ten previsto concorrer con candidaturas en 11 estados.

Hai que sinalar que, de levarse a termo esta ameaza, estaríamos diante da terceira ilegalización dos comunistas en Alemaña; o primeiro partido comunista, o KPD, que tiña orixe nas Liga Espartaquista fundada por Karl Liebknecht, Rosa Luxemburgo e Clara Zetkin foi ilegalizado polo réxime nazi; reconstituíuse despois da segunda guerra mundial e en 1956 volveu a ser ilegalizado na República Federal Alemá. O actual Partido Comunista Alemán-DKP fundouse en 1968.

O goberno alemán ameaza ao DKP coa ilegalización facendo uso da lexislación de asociacións dese país que é moi rigorosa e complexa para un partido político pequeno. Pero o Partido Comunista Alemán-DKP até o momento non incumpriu esa lei, e por tanto considera que a ilegalización sería unha medida totalmente arbitraria e demostraría que hai unha clara persecución contra a esquerda, e en concreto que se busca por parte das autoridades impedir que o pobo alemán poida coñecer as propostas políticas dos e das comunistas.

Diante deste grave ataque a UPG enviou unha mensaxe de solidariedade ao DKP, que transcribimos a continuación.

Ao Partido Comunista Alemán

Camaradas:

Trasladámoslles a solidariedade do Comité Central e de toda a militancia da Unión do Povo Galego, diante da posibilidade de que se  lles impida participar nas eleccións federais do mes de setembro, e diante da ameaza de perda do status de partido político leqal do DKP.

Consideramos que estamos diante dun grave ataque contra o dereito dos e das comunistas de Alemaña a defender o seu ideario político, e de producirse a ilegalización do DKP sería volver en Alemaña aos tempos da ditadura nazi e ás actuación de Adeanuer en plena guerra fría.

Esiximos das autoridades alemás que cesen de inmediato os ataques  ao Partido Comunista Alemán,  e que deixen de buscarse escusas burocráticas que só serven para agachar a intención da dereita de eliminar a discrepancia política criminalizando ás forzas de esquerda e especialmente aos e ás comunistas.

O DKP ten demostrado desde a súa creación o seu compromiso coa clase traballadora e co pobo alemán e estamos seguros de que seguirán adiante na loita.

 

Un abrazo internacionalista!!

 

Secretaria de Relacións Internacionais

Comité Central

Unión do Povo Galego

Perú abre unha nova etapa

A vitoria de Pedro Castillo na segunda volta das eleccións presidenciais peruanas supón a ruptura cunha historia de décadas de gobernos de dereita, que respondían aos intereses da burguesía e do centralismo limeño, gobernos corruptos e submisos diante das decisións do imperialismo e das transnacionais que explotan os recursos naturais sen que iso redunde no beneficio do pobo. Ler máis

A OTAN reúnese en Bruxelas ás ordes de Joe Biden

Hoxe luns celébrase en Bruxelas a 29 Cimeira da Organización do Tratado do Atlántico Norte-OTAN, principal instrumento militar do imperialismo, unha reunión na que estará presente o presidente dos EUA, e que segundo fontes da propia OTAN estará centrada fundamentalmente na adopción de medidas contra Rusia e China, e contra o terrorismo internacional. Ler máis