Boletín Internacional Nº8

A Secretaría de Relacións Internacional publicou o seu boletín internacional número 8 neste mes de novembro, número adicado, entre outros asuntos, á situación de crise do réxime español da restauración borbónica e a loita das nacións pola súa soberanía coa proclamación da República Catalá e a campaña do BNG a prol das Bases democráticas para unha nova Galiza, así como un apatado especial referido ao pasamento do camarada Bautista Álvarez. O Boletín Internacional da UPG edítase en portugués, inglés e español sendo distribuído entre os partidos e organizacións internacionais coas que a UPG mantén relacións e intercambios regulares de información.

Solidariedade con Cataluña. Non hai cárcere capaz de deter a ansia de liberdade dos povos.

O encarceramento do Vicepresidente, Oriol Junqueras, e de máis de metade do Goberno catalán democraticamente elixido, por cumprir o programa electoral con que obtiveron o apoio popular e por traballar pacifica e democraticamente para dar cumprimento ao mandato popular e exercer o dereito de autodeterminación, evidencia o carácter profundamente antidemocrático e represivo do Estado español. A actuación da Audiencia Nacional mostra a face máis autoritaria do rexime español saído da transición que descobre a cada día o seu carácter neofranquista, cunha xustiza desacomplexadamente ao servizo de obxectivos políticos sen se coidar sequera de simular a tan cacarexada independencia ou a separación de poderes. Ler máis

Saudamos a nova República Catalá. Na hora da liberdade.

A proclamación polo Parlament da República Catalá responde á vontade de democrática do povo de Cataluña de asumir ás rédeas do seu destino e pór cabo á opresión e á dominación do Estado español, iniciando o camiño da independencia e da liberdade. É unha decisión lexítima, precisamente porque parte da vontade popular e do exercicio dun dereito democrático colectivo recoñecido internacionalmente como é o dereito de autodeterminación.

Ler máis

Néstor Rego participa no Foro Internacional organizado en Compostela polo IGADI coa Academia de Ciencias Sociais da China

O próximo 6 de outubro en Santiago de Compostela terá lugar un Foro sobre as oportunidades que representa para Galicia e Europa a iniciativa da Ruta da Seda. A actividade está organizada polo IGADI e a Academia de Ciencias Sociais da China, contando coa colaboración de Casa Asia.

No evento participará o noso Secretario Xeral, Néstor Rego, que moderará un dos catro paneis nos que está dividido o foro e no que tamén participará unha ampla comitiva chinesa integrada por máis de medio cento de especialistas procedentes de diferentes institutos da citada Academia (de Estudos da Información, de Filosofía, Estudos Ambientais e Urbanos), de seccións da Academia de provincias como Shandong ou Jiangsu, de medios de comunicación como o Public Daily, ou das Universidades de Dalian, Guangdong, Chongqing, Nanjing, Anhui, Henan, Xinjiang, Yunnan e Xian.

Por outra banda, participarán tamén especialistas das tres universidades galegas, da Complutense e da Autónoma de Barcelona, entre outros.

Neste 2017, o Foro celébrase igualmente en París e Roma co rótulo común “Foro europeo sobre o modelo de desenvolvemento chinés”.

A ocasión representa unha oportunidade para afondar de primeira man sobre a realidade chinesa actual na véspera do XIX Congreso do Partido Comunista, que se levará a cabo a partir do 18 de outubro en Beijing; tamén para explorar as posibilidades de Galicia en relación ao citado proxecto da Franxa e a Ruta.

A elección de Galicia e Santiago de Compostela como sede do Foro é froito da colaboración de longa data entre o IGADI, nomeadamente o seu Observatorio de la Política China, e a CASS, o principal think tank de China.

Información tirada da páxina do IGADI onde se pode coñecer o programa completo: http://www.igadi.org/web/noticias/foro-en-compostela-coa-academia-de-ciencias-sociais-da-china

O pobo catalán a poucos días do histórico 1-O

Poble Lliure explica no Foro Internacionalista da UPG como encara o soberanismo a celebración do referendo de autodeterminación

O Foro Internacionalista da Unión do Povo Galego realizou dúas palestras arredor do procés soberanista en curso na Catalunya. Sob o título “Catalunya camiño da independencia”, as charlas tiveron lugar na cidade de Vigo e en Santiago de Compostela, os días 27 e 28 de setembro respeitivamente. Nelas tomou parte Arnau Comas, membro de Poble Lliure, organización política integrada na Candidatura de Unitat Popular (CUP). Comas, ten unha importante traxectoria no ámbito municipal e desempeña na actualidade como concelleiro en Sant Esteve de Palautordera . Canda Comas, en Vigo interviu o responsábel de Relacións Internacionais da UPG, Duarte Correa, e o secretario xeral, Néstor Rego, fixo o propio en Santiago. Ambos os dous eventos concitaron unha importante audiencia, enchendo os aforos dos locais nos que se desenvolveron.

Con estas palestras a UPG quixo traer a Galiza a perspectiva coa que o soberanismo catalán encara a celebración do referendo de autodeterminación convocado para este domingo, 1 de outubro. Nese sentido, púxose en valor o esforzo realizado por Poble Lliure para participar nun momento no que o procés encara a súa fase final.

Proceso popular

Na súa intervención, Arnau Comas principiou realizando unha contextualización histórica. A este respeito situou o inicio do actual proceso soberanista en 2009, coincidindo co primeira consulta popular decorrida en Arenys de Munt. A maioría absoluta atinxida polo Partido Popular a nivel estatal en 2004, no segundo mandato de José María Aznar, traduciuse nunha ofensiva contra Catalunya deixando patente que no “proxecto nacional español” non cabía ningún encaixe para as nacións sen Estado que ultrapasase o actual marco autonómico. Esa ofensiva recentralizadora, foi seguida polo retallamento da reforma estatutaria, pactada por PSC, ICV e mais ERC, visando a resistencia frontal das forzas hexemónicas no Estado a modificar o deseño político nacido da chamada Transición. Por derradeiro, a partir do retorno do PP, en 2012, ao goberno español, a opción da “reforma” quedaba definitivamente abortada.

Para Comas, a chave para entender o salto cualitativo do independentismo na Catalunya é a converxencia dunha triple crise: a crise económica, iniciada en 2007 e que se traduce nun grave retroceso social, e no empobrecemento de importantes capas da clase traballadora e de sectores intermedios; a crise democrática, que xorde á calor das protestas sociais diante da crise e das políticas de recorte impostas polo neoliberalismo, e que supón un cuestionamento ao réxime político español nacido no 78; e mais a crise nacional, ao se constatar a inviabilidade de ningún avanzo dentro das costuras “autonómicas e da Constitución”. Diante desa tripla crise, o acerto do soberanismo, segundo Comas, foi formular o proxecto nacional catalán como resposta integral. “A independencia era a alternativa diante do problema social, da crise democrática e da crise nacional en Catalunya”, explicou.

Un dos aspectos nos que enfatizou a explicación foi o do carácter netamente popular do procés soberanista. “É certo que a diferenza das revolucións clásicas este proceso de ruptura ten un suxeito máis disperso, pero a transversalidade que o empurra é unha transversalidade popular, entre as clases populares de Catalunya”, sinalou. A este respeito, valorizou que os sectores intermedios, de pequena ou mediana burguesía, que fan parte do proceso se ben interveñen nel e teñen unha “incidencia limitada” non o dirixen nin o orientan.

Salientou tamén o alcance masivo e continuado da mobilización popular durante todo o proceso. “Podemos estar diante da mobilización popular de maior alcance, polo nivel de participación e de extensión no tempo, nos últimos 50 ou 60 anos en Europa”, afirmou. A chave para lograren ese nivel de participación e mobilización foi, na súa opinión, a aposta estratéxica en vertebrar espazos populares e autónomos, como a Assemblea Nacional Catalana, que serviron de motor do procés. Comas, recoñeceu que a dimensión masiva atinxida sorprendeu mesmo no seo da esquerda independentista. “A quen vivimos os procesos mobilizadores dos 90 resultábanos difícil comprender como en tan poucos anos o pobo catalán dera este salto”.

Acerto da posición pola ‘ruptura’

O desenvolvemento do procés visa, na opinión de Poble Lliure, o acerto das posicións que na altura da fin da Ditadura propugnaban a necesidade dunha ruptura democrática en contra do pacto da Transición. Unha posición que tanto a esquerda independentista catalá como o nacionalismo galego partillan, e que foi defendida con firmeza pola Unión do Povo Galego.

Expectativas

En relación ás expectativas coas que enfrontan a realización do referendo do 1-O, Comas puxo de relevo que o agravamento da ofensiva represiva –que tivo como cénit as detencións de 14 altos cargos do Govern a pasada terza feira, 20 de setembro–, marcou un punto de inflexión. “A represión do Estado provocou unha maior resposta social e popular como demostran as masivas mobilizacións dese día e dos seguintes. Claramente Madrid deu un paso en falso”.

No entanto, non é claro até onde chegará a pretensión do goberno español de impedir que o pobo catalán poida decidir libre e democraticamente ese futuro. “Do que estamos certos é de que hai unha clara vontade e moita determinación popular para votar. O día 1 de outubro é clave, porque vai determinar quen controla Catalunya: o goberno do Estado ou o movemento popular e as institucións catalás”.

Foro internacionalista

O Foro Internacionalista é unha iniciativa da UPG posta en marcha este ano que persegue crear un espazo de debate arredor da realdiade internacional, poñendo o foco sobre todo nos procesos populares de carácter antiimperialista e máis nos movementos de liberación nacional.

A UPG reiterou nestas palestras o pleno apoio do Partido e do conxunto do movemento nacionalista galego ao soberanismo catalán.

Cataluña, a camiño da independencia. Novos actos do Foro Internacionalista da UPG

Co obxectivo de coñecermos mellor a situación política que se está a vivir en Cataluña e de apoiar o dereito democrático dos povos á autodeterminación, a vindeira semana desenvolveranse dous  actos no marco do Foro Internacionalista da UPG.  Os actos, sob o lema xenérico de “Cataluña, a camiño da independencia”  decorrerán en Vigo e Compostela.  Na cidade de Vigo será nesta próxima cuarta feira,  27 de setembro, no Salón de Actos do Colexio Oficial de Arquitectos de (Rúa do Doutor Cadaval, nº5) ás 20:30 horas. En Compostela decorrerá na quinta feira, 28 de setembro, na Aula nº 1 da Facultade de Filosofía (Praza de Mazarelos) tamén ás 20:30 h.

En ambos os actos contaremos coa presenza de Arnau Comas, militante de Poble Lliure, partido que apioa a Candidatura de Unitat Popular (CUP) da que é concelleiro. Nesta forza política desenvolveu funcións de dirección nacional na area de política institucional e municipal, formando parte da súa Comisión Permanente.  Tamén participarán nos actos Duarte Correa, Secretario de Relacións Internacionais da UPG e Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG.

Agardámosvos nestes interesantes actos do noso Foro Internacionalista para coñecer de primeira man a situación actual e perspectivas do proceso de autodeterminación do povo catalán.

Condenamos o Estado de excepción en Cataluña e chamamos a defender as liberdades

A actuación do aparello do rexime español nesta cuarta feira (20) en Cataluña, co asalto a sedes do Goberno e detención de altos cargos da Generalitat, traspasou todas as liñas vermellas do punto de vista democrático e resulta nun auténtico golpe de estado contra as institucións e o autogoberno de Cataluña. O Estado español tenta por todos os medios coercitivos e violentos, mesmo se foren ilegais de acordo coa propia lexislación española, trabar a vontade democrática do povo catalán de exercer o dereito de autodeterminación e conquistar a independencia.

Esta actuación pón en evidencia o verdadeiro carácter autoritario e antidemocrático do Estado español. Ao longo das últimas décadas temos denunciado permanentemente que o sistema político español saído da Transición e da Constitución de 78 non era democrático. Agora non só non o é senón que tampouco o parece. O proceso de independencia de Cataluña deixou ao descuberto a verdadeira face da ‘democracia española’. A negación de dereitos e liberdades fundamentais é a receita con que o rexime español responde ás ansias de liberdade dos pobos.

Non é compatíbel cos mínimos principios democráticos a criminalización do dereito de voto, a persecución de cargos públicos por defenderen ese dereito, a prohibición de actos, o fechamentos de webs, o ataque a medios de comunicación, o secuestro de revistas, cartaces ou urnas… Non pode considerarse democrático un Estado que conculca os dereitos básicos e a liberdade de expresión, de opinión, de reunión, de información e de decisión a través do voto.

Sabemos que o ataque aos dereitos e liberdades en Cataluña é un ataque aos dereitos e liberdades de todas as persoas que vivimos no Estado español e tamén ao de todas as nacións que aínda facemos parte del e aspiramos a ser libres. Por iso chamamos á mobilización para defender a democracia e o dereito dos povos a decidir, a exercer a autodeterminación e a se constituír en Estados soberanos e independentes. Hoxe, defender a liberdade de Cataluña é tamén defender a liberdade da Galiza e de todas as persoas.

Expresamos o noso total apoio ao povo catalán que está na rúa manifestando a súa soberanía, ao Goberno de Cataluña, así como a todas as forzas políticas independentistas que están a ser atacadas polo rexime español. Pola nosa parte, reafirmamos -máis unha vez- o compromiso de continuar reforzando a auto-organización do povo galego e de seguir a traballar pola ruptura democrática no noso país até conquistar a independencia da nosa nación e constituír o noso propio Estado soberano, a República da Galiza.