Resolucións do XVII Congreso da UMG

O sábado 7 de xullo tivo lugar, no Centro Social Leste de Pontevedra, o XVII Congreso da Unión da Mocidade Galega, organización xuvenil da UPG,  baixo o título “Organizando a revolución, liberando a Patria Galega”, unha xornada marcada polo profundo debate no seo da organización e do que saímos reforzadas e cohesionadas garantindo unha UMG forte e con futuro. Ler máis

XVII Congreso da Unión da Mocidade Galega

O próximo sábado día 7 de xullo terá lugar, no Centro Social Leste de Pontevedra, o XVII Congreso da Unión da Mocidade Galega, baixo o título “Organizando a revolución, liberando a Patria Galega”. Esta xornada que comezará ás 10.30h será a conclusións dos traballos congresuais iniciados o pasado mes de abril. Ler máis

A mocidade galega cara a folga xeral. Comunicado conxunto.

As mozas galegas de clase traballadora atopámonos na altura do 1 de maio do 2018 nunha situación de extrema precariedade e con nulas perspectivas de futuro. Os salarios miserentos, a elevadísima taxa de desemprego xuvenil e en moitos casos a obriga de abandonar o noso país para poder vivir dignamente son os instrumentos que empregan o grande capital español e transnacional para seguir a aproveitarse do noso traballo, gañando cada vez máis a costa de que nos vivamos peor. Ler máis

Acto nacional en conmemoración do 40 aniversario da UMG

Após unha xeira de actos en distintas comarcas do país de presentación do número especial deste ano do voceiro da UMG, o Guieiro, que conmemora o 40 aniversario da organización xuvenil do Partido, desde o Comité Nacional da UMG vense de lanzar un grande acto nacional co que dar peche a este ano 2017. Ler máis

Por unha lei galega de educación. Folga no ensino o 16 de novembro

Desde a Unión da Mocidade Galega animamos a todo o estudantado do país a secundar a folga convocada por Erguer. Estudantes da Galiza para este xoves 16 de novembro.A necesidade dunha Lei Galega de Educación, que é a principal reivindicación desta folga estudantil, é unha análise que compartimos o conxunto de organizacións do nacionalismo, como alternativa á LOMCE e ao Plan Boloña. Ler máis

Crónica das IV Xornadas de Formación Moncho Reboiras da UMG

Un ano máis, desde a Unión da Mocidade Galega celebramos as IV Xornadas de Formación Moncho Reboiras na Comarca de Ferrolterra.  As xornadas tiveron lugar no 11 e 12 de agosto, coincidindo co 42 aniversario do asasinato do noso camarada Xosé Ramón Reboiras Noia. Reboiras tiña só 25 anos cando foi asasinado pola policía franquista na Rúa Terra, en Ferrol. Malia a súa curta idade, a de Moncho é unha traxectoria marcada por un inxente contributo de militancia e de compromiso coa Patria, polo que nestas xornadas traemos a súa personalidade e o seu traballo como exemplo para a militancia da UMG.

Por cuarto ano consecutivo, as militantes e amigas da UMG dedicamos dous días á nosa formación política e a afondar en distintas cuestións de actualidade e de importancia para a nosa práctica política diaria. Ademais, coincidindo co 40 aniversario da UMG, repasamos a contribución da nosa organización ao movemento xuvenil e estudantil galego ao longo da nosa historia, desde o ano 1977.

As Xornadas comezaron o venres 11 pola mañá onde, logo da presentación do camarada Adrián R. Bravo, Secretario Xeral da UMG, asistimos a dúas palestras formativas. Na primeira, o camarada Francisco Jorquera falou sobre a fundación da UMG e a contribución da mocidade comunista patriótica a ERGA. Logo, tratamos coa camarada Marga Corral a tripla opresión das mulleres e o papel da UMG e da UPG na súa emancipación, ao tempo que analizabamos a nosa actuación e traballo feministas nas distintas organizacións das que facemos parte.

Após o xantar de confraternidade, tivo lugar un roteiro histórico-natural co camarada Francisco Rodríguez, que incluíu visitas polo Monte Ventoso, o Castelo de San Filipe e a cidade de Ferrol e que combinou visitas a lugares de interese histórico e cultural, nas que tamén analizamos algunhas das problemáticas que afectan agora á cidade e o concello de Ferrol.

Tampouco faltaron momentos lúdicos para a confraternización, nomeadamente na cea do venres 11 e a festa patriótica que a seguiu.

Na mañá do sábado 12 asistimos a dúas novas palestras. A primeira foi a cargo do camarada Rubén Arroxo, que tratou tanto nocións teóricas sobre o imperialismo como fase actual do capitalismo coma a análise de casos concretos nos que se ven os seus efectos e as alternativas que unha organización comunista patriótica como a nosa ofrece ante o imperialismo. Na segunda palestra contamos co camarada Xabier P. Igrexas, co que conversamos sobre a contribución da UMG á autoorganización da mocidade galega, analizando o papel que a militancia da UMG exerceu e exerce nas organizacións estudantís e xuvenís nacionalistas e tamén no tecido asociativo galego, un coloquio moi útil para analizarmos con perspectiva a táctica e a estratexia da nosa organización.

Logo das palestras participamos no xantar de confraternidade en Fene organizado pola UPG, e tamén na sobremesa de debate que tivo lugar a continuación, titulado “Construíndo a soberanía hoxe”.

Ás sete estivemos na tradicional concentración diante do portal número 27 da rúa da Terra, onde foi asasinado o noso camarada Moncho Reboiras, cunha intervención a cargo de Iván Ribas, voceiro do BNG en Ferrol, que foi seguida por un acto político no Cantón que contou con intervencións de Sandra Permui, concelleira e portavoz municipal do BNG en Fene, Adrián R. Bravo, Secretario Xeral da UMG e Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG.

O camarada Adrián R. Bravo reivindicou a UMG como escola de militancia revolucionaria comprometida coa plena emancipación social e nacional do noso País e que contribúe ao fortalecemento do nacionalismo galego en todos os ámbitos de actuación, desde o xuvenil e estudantil ata o cultural, ambiental, lingüístico, sindical e na loita política.

Pola súa banda, o camarada Néstor Rego recoñeceu o firme e activo compromiso militante de Moncho Reboiras e chamou a seguir o seu exemplo, lembrando a importancia que a organización e o activismo teñen para a UPG. Do mesmo xeito, dedicou parte da súa intervención á defensa da necesidade da soberanía para Galiza nun contexto no que a cuestión nacional vai ser o eixo que defina o novo período político.
Neste 42º aniversario do asasinato do noso camarada Xosé Ramón Reboiras Noia, constatamos que a súa loita segue a ser exemplo de rebeldía e compromiso coa patria.  O mellor xeito de homenaxear a Moncho é co compromiso da loita política diaria, que exercemos desde a UMG como mocidade do Partido e para a cal consideramos que xornadas de formación coma estas son esenciais.

Non enterraron cadáver, enterraron semente!

IV Xornadas de Formación Moncho Reboiras da UMG

Un ano máis, desde a Unión da Mocidade Galega celebramos as Xornadas de Formación Moncho Reboiras na Comarca de Ferrolterra. Este ano, as IV Xornadas terán lugar o vindeiro 11 e 12 de agosto, coincidindo co 42 aniversario do asasinato do noso camarada Xosé Ramón Reboiras Noia, polo que dende o Comité Nacional da UMG quixemos traer a colación a súa personalidade e o seu traballo. Reboiras tiña só 25 anos cando foi asasinado pola policía franquista na Rúa Terra. Malia a súa corta idade, a de Moncho é unha traxectoria marcada por un inxente contributo de militancia e de compromiso coa Patria.

Ler máis

Especial 40 aniversario da UMG. Xa na rúa o nº36 do Guieiro

Xa está na rúa o número 36 do “GUIEIRO”, o voceiro da Unión da Mocidade Galega, especial 40 aniversario da UMG e que iniciou a súa popularización cun reparto masivo no Festigal o pasado 25 de xullo, Día da Patria Galega.

Desta volta ten a forma dun monográfico con motivo do 40 aniversario da fundación da nosa organización. Recóllense 22 entrevistas a camaradas para facer un percorrido polo tempo e as distintas loitas e momentos na historia da UMG e do movemento nacionalista xuvenil.