10 de marzo. Día da clase obreira galega

Como cada 10 de marzo desde 1972, o sindicalismo nacionalista sae á rúa a celebrar o Día da Clase Obreira Galega. Nesta data conmemoramos as loitas protagonizadas pola clase traballadora galega en 1972 durante as que foron asasinados en Ferrol, pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel.

Loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo, e que meses despois se estenderon a Vigo, pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza.

Neste 10 de Marzo de 2024 a CIG fai un chamamento á mobilización nas sete cidades galegas para dar resposta á grave situación de precariedade e pobreza que atravesa a maioría social e reclamar un marco galego de relacións laborais. Reivindicando a vixencia das loitas de 1972, o acto central terá lugar en Ferrol coa tradicional ofrenda floral ao monumento ao 10 de Marzo e a posterior manifestación até o Cantón. A CIG tamén ten convocadas manifestacións en Vigo e Compostela e concentracións na Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense.

HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS
  • Ferrol: 11:45h, ofrenda floral no monumento ao 10 de Marzo e posterior manifestación.
  • Vigo: ás 12h, na Dobrada
  • A Coruña: ás 12h no Obelisco
  • Pontevedra: ás 11:30h na Praza da Peregrina
  • Compostela: ás 12h na Praza Roxa
  • Lugo: ás 12h diante do Concello
  • Ourense: ás 12h na Praza do Ferro

Máis información na web da CIG.

8 de marzo de mobilizacións

Un ano máis o nacionalismo galego desenvolve unha intensa actividade ao redor do 8 de marzo, Día Internacional da Mullere Traballadora.

O BNG presenta a súa campaña baixo o lema “Tempo de avanzar! Para todas, todo”. Reivindicando que queremos máis. Queremos máis avances e querémolos xa. Non é suficiente con frear os retrocesos que quere impoñer a dereita, é tempo de avanzar e queremos para todas, todo.

Por outra parte as mulleres da CIG mobilizaranse este 8M contra a precariedade e en demanda de traballo digno e igualdade. Baixo o lema “Stop Precariedade. Traballo digno e igualdade” denuncian que desde que se aprobou a última reforma laboral incrementáronse todas as fendas de xénero.

Nese sentido, na xornada do 8 de Marzo a secretaría das Mulleres da CIG ten previstas mobilizacións, ás 11:30 horas, na Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vigo. Ás 12:00 horas en Ourense e nas vilas de As Pontes, ás 12:30 horas; Burela, ás 11:00 horas e A Guarda, Candas e Vilagarcía ás 11:30. Máis información na web da CIG.

 

 

 

 

MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS:

Pola CIG, en horario de mañá:

11.30 h. A Coruña, Subdelegación do Goberno
11.30 h. Compostela, Praza 8 de marzo
11.30 h. Ferrol, Avenida Esteiro (Local da CIG)
12.30 h. As Pontes, Praza do Hospital
11.30 h. Burela, Praza do Concello
11.30 h. Lugo, Edificio da Xunta
11.30 h. Pontevedra, Hospital Provincial
11.30 h. Vilagarcía, Praza de Galiza
11.30 h. Vigo, Cruce da Dobrada
11.30 h. Cangas, Capela do Hospital
11.30 h. A Guarda, Praza Ás de Copas
12.00 h. Ourense, Praza Maior

Polo movemento feminista galego:

20.00 h. A Coruña, Obelisco
20.30 h. As Pontes, diante do Concello
20.00 h. Compostela, Praza 8 de marzo
20.00 h. Ferrol, Praza Amada García
20.00 h. Lugo, Diante da Xunta
20.00 h. Marín, Praza 8 de marzo
20.00 h. O Porriño, rotonda do Canteiro
11.00 h. Ourense, diante do CHUO
12.30 h. Ourense, Paseo Concordia
20.00 h. Ourense, Subdelegación do goberno
20.30 h. Pontevedra, Praza de España
20.00 h. Ribadavia, Praza do Concello
20.00 h. Ribadeo, Rotonda do Instituto
13.30 h. Val Miñor, cruce da Ramallosa
20.00 h. Vigo, Praza dos Cabalos
20.00 h. Vilagarcía, Praza de Galiza
20.00 h. Vilalba, Praza da Costitución

 

 

 

 

 

 

 

 

Via Galega e Galiza Cultura conmemoran o aniversario da estrea do Himno Galego

Vía Galega e Galiza Cultura convocan actos por toda Galiza para o día 20 de decembro, ás 20h, baixo o título “Cantar a nación. Aniversario da estrea do himno galego” para conmemorar o 116 anos da estrea, solemne, do Himno Galego no Gran Teatro de Habana.

Desde Vía Galega afirman que desde hai tempo veñen desenvolvendo unha campaña intensa con numerosos actos e actividades por toda a xeografía galega e con diversas publicacións sobre os símbolos nacionais de Galiza, o himno e a bandeira. Un fito histórico da relevancia da estrea “oficiosa” do noso himno, o 20 de decembro de 1907, non podía pasar desapercibido para Vía Galega e Galiza Cultura, pois o himno é a afirmación patriótica da nación galega e amosa as súas ansias de liberdade. O himno identifícanos como pobo e nel vémonos representados todos  os galegos e todas as galegas.

Ante a galopante españolización e a imposición de simboloxía allea a Galiza- que moitas veces promove ou apoia a propia Xunta de Galiza, no canto de realzar e propagar os nosos símbolos- Vía Galega e Galiza Cultura están empeñadas en popularizar e divulgar ao máximo o Himno Galego e dar a coñecer a súa xénese, historia e significado.

Por iso, este 20 de decembro nas sete cidades galegas e noutras localidades, ás oito da noite, Vía Galega e Galiza Cultura, ten organizado diferentes actos, con distintas actuacións, que todos eles se cerraran coa interpretación do himno galego completo, coa súa letra restaurada, de acordo co texto fidedigno, creado por Eduardo Pondal para o Certame  Musical, convocado en 1890 na Coruña e organizado por Pascual Veiga.

Máis información na web de Vía Galega

Convocada manifestación nacional o domingo 17 en Compostela para reclamar a fin do xenocidio en Palestina

A brutal invasión do territorio de Gaza; o desprazamento obrigado de miles de milleiros dos seus habitantes cara o Sur, onde agora Israel aproveita o amoreamento humano para descargar o seu odio en forma de bombas; os ataques indiscriminados por terra, mar e aire; o bloqueo á entrada de alimentos, auga e medicamentos; o bombardeo de hospitais e ambulancias; os asasinatos de milleiros de crianzas converteron a Palestina nun inferno.

As imaxes que nos chegan, día a día, son insoportábeis. É un horror ver a dor e a desesperación televisada dun pobo que está sendo masacrado, vítima dun xenocidio perpetrado polo réxime de terror do Estado sionista de Israel.

E máis terríbel é ver como nin sequera a comunidade internacional, secuestrada polo mellor aliado  e cómplice de Israel, os EEUU, é quen de adoptar medidas para obrigar ao sionismo a cesar o fogo e rematar o xenocidio.

Por iso, desde a UPG facemos un chamamento a participar na manifestación nacional que terá lugar este domingo, día 17 de decembro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda compostelá, para exixir o cesamento inmediato do fogo e demandar que se adopten todas as medidas necesarias contra o Estado de Israel por crimes contra a humanidade.

Non podemos permitir que esta operación de limpeza étnica continúe nin un minuto máis.

Paremos o xenocidio!

#PalestinaVencerá

“Eólica Así Non” convoca mobilizacións con motivo do Día Mundial das Montañas

Con motivo do Día Mundial das Montañas, a Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións galegas, convoca novas mobilizacións de carácter provincial e comarcal, que terán lugar os días 9 e 10 de decembro. Os actos reivindicativos terán lugar en forma de concentracións, marchas e andainas, nas seguintes localizacións: Amil (Moraña), na provincia de Pontevedra; en Vilar de Barrio, na provincia de Ourense; Campo de Carlexo (Val do Dubra) e Ortigueira, na provincia da Coruña; e na capital lucense e A Fonsagrada, na provincia de Lugo. Agás no caso da Fonsagrada, todas as demais mobilizacións celebraranse na mañá do domingo, día 10 de decembro.

O lema empregado nesta ocasión para os actos reivindicativos será: “Defendemos as montañas fronte a gobernos e especuladores”, co propósito de ensalzar o determinante papel que está a xogar a sociedade civil organizada na defensa do territorio galego fronte o espolio eólico e a traizón dos gobernos.

Animamos a participar nestas novas xornadas de mobilizacións contra o espólio eólico da nosa nación.

Vía Galega convoca actos por toda Galiza de izado da bandeira galega

A plataforma social “Vía Galega” vén promovendo diferentes campañas e iniciativas para propagar e popularizar os nosos símbolos nacionais, nomeadamente o himno e a bandeira. O ano pasado, inaugurouse como semana de exaltación e exhibición da bandeira galega a semana coincidente co aniversario do desenvolvemento, durante o 17 e 18 de novembro de 1918, da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala. Pois ben, este ano, que se cumpren 105 anos da efeméride, retomanse as campañas dándolle continuidade ao traballo iniciado o ano pasado e, así, durante a semana do 13 ao 18 de novembro Vía Galega convócanos a cubrir toda a xeografía galega de bandeiras Galegas, engalanando fiestras e varandas.

Rematando a campaña o día 18 de novembro cun acto expansivo en diferentes localidades de toda Galiza, que consistiría en colocar bandeiras galegas en lugares vistosos para que perduren no tempo, a única bandeira que nos representa e nos identifica como galegas e galegos.

Estamos certo da necesidade de impulsar campañas para divulgar o uso dos nosos símbolos, os únicos que nos identifican e recoñecen como pobo, que fortalecen a nosa conciencia e cohesión nacional e contrarrestan a invasión da simboloxía española. É por iso que animamos á toda a nosa militancia a implicarse nesta campaña de Vía Galega.

17 de maio, Día das Letras Galegas, En Galego Aquí e Agora

A plataforma cidadá Queremos Galego sairá ás rúas o 17 de maio para reivindicar a vida en galego.

Desde Queremos Galego convocan mobilizacións en cidades e vilas galegas neste 17 de maio, Dia das Letras Galegas, reivindicando o dereito a desenvolver unha vida plena no noso idioma propio. A plataforma sinala que 40 anos de lei de normalización lingüística non serviron para garantir a presenza e dispoñibilidade do galego en todos os espazos da vida pública. Os avances para a lingua conseguidos pola acción do movemento social pola lingua encontráronse coa pasividade, cando non coa oposición, das institucións, nomeadamente daquelas que teñen obriga de promovela e defendela.

E por iso que reclaman un compromiso firme das administracións, a empezar pola local, coa lingua galega, a que nos une e nos fai existir, non só con celebracións, senón garantindo aquí e agora a súa dispoñibilidade en todos os servizos de competencia municipal con xestión directa ou privatizada, reclamándoo á súa vez en todos os contratos con calquera tipo de fornecedor, e fomentándoo en todos os eidos da sociedade.

Sinalan que a emerxencia lingüística é reversíbel co compromiso de todas e todas, comezando polas institucións que deben asumir as súas obrigas e acompañar unha sociedade cada vez máis activa na normalización da lingua galega.

Animamos ao conxunto da militancia e do pobo galego a asinar no manifesto que Queremos Galego ten na súa web e a participar nestas mobilizacións que se desenvolverán ás 12h do 17 de maio nos seguintes lugares:

• Santiago de Compostela (Alameda)
• A Coruña (Obelísco)
• Lugo (Praza Maior)
• Ourense (Praza do Correxidor)
• Pontevedra (Praza Curros Enríquez)
• Vigo (Cruce Vía Norte)
• Ferrol (Praza do Inferniño)
• Monforte (Praza de España)
• Foz (Casa do Concello)