Condenamos o atentado sofrido polo Presidente da República Bolivariana de Venezuela

A Union do Povo Galego quere facer pública a súa máis enérxica condena do atentado sufrido onte polo presidente da República Bolivariana de Venezuela Nicolás Maduro.

Este ataque que provocou varios feridos é un paso máis nos intentos da extrema-dereita venezolana por desestabilizar Venezuela, creando unha tensión que poida desembocar nun enfrontamento armado, unha extrema-dereita alentada polo imperialismo norteamericano e que conta  coa complicidade de diversos gobernos que até este momento nin sequera se teñen pronunciado condenando o intento de asasinato dun xefe de estado elixido democraticamente.

Estamos certos de que quen até agora non foron capaces de conseguir o apoio do povo venezolano por medios pacíficos non o conseguirán tampouco empregando o terrorismo, pois a maioría dos venezolanos e venezolanas teñen demostrado repetidas veces que non queren volver atrás, e apostan por unha Venezuela Soberana na que os problemas e as discrepancias sexan tratadas por medio do diálogo e a negociación, no camiño de buscar solucións que melloren as condicións de vida da maioría da poboación.