Condenamos a decisión de Donald Trump de recoñecer Xerusalén como capital de Israel

A UPG quere facer público o seu total rexeitamento á decisión do Presidente dos Estados Unidos Donald Trump de recoñecer a cidade de Xerusalén como capital do estado de Israel.

Esta grave decisión supón unha agresión inaceptábel contra o povo palestino, e un novo apoio por parte dos EEUU ao estado terrorista israelí; un estado que intensifica día a día a súa política agresiva, incumprindo os acordos internacionais, executando operacións de asasinato de líderes da resistencia, mantendo o muro e levando adiante unha planificada política de asentamentos de colonos israelís en territorios palestinos.

A decisión de Trump supón unha violación do dereito internacional e unha provocación que pode supor un aumento da violencia, nunha zona xa de por si sensíbel e inestábel. Algo do que a administración norteamericana é perfectamente consciente, pero que fomenta para fabricar argumentos cos que xustificar os seus plans e a súa política belicista.

A UPG reitera o seu total apoio ao povo palestino e ao dereito a construír o seu futuro, nun Estado Independente nos seus territorios e con capital en Xerusalén.

Esiximos da administración norteamericana que dea marcha atrás na súa decisión, e facemos un chamamento a todas as nacións, organizacións e persoas amantes da paz para que condenen a actuación dos EEUU e a política xenocida de Israel.

 

Secretaría de Relacións Internacionais

Compostela; 7 de decembro de 2017