Congreso das FARC-EP: Declaración das organizacións internacionais presentes

Por iniciativa da UPG todas as organizacións internacionais presentes en Bogotá no Congreso Nacional das “FARC-EP Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia – Exército do Pobo” asinaron unha declaración de apoio ao proceso de paz en Colombia. Publicamos a continuación o texto íntegro:


As organizacións internacionais políticas e sociais, presentes no Congreso Nacional das “FARC-EP Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia – Exército do Pobo”, celebrado na cidade de Bogotá desde o 27 ao 31 de agosto de 2017, co lema “Por un Goberno de Transición para a reconciliación e a paz”, declaramos o seguinte:

01.- Agradecemos ás FARC-EP ternos invitado a estar presentes en tan histórico e transcendental Congreso.

02.- Agradecemos igualmente a excelente acollida e atención de que fomos obxecto durante a nosa estadía.

03.- Celebramos con entusiasmo a conversión das “Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército do Pobo” nun partido político co nome de “FARC – Forza Alternativa Revolucionaria do Común”.

04. Consideramos que esta decisión é un paso crucial na consecución dunha paz estábel e duradeira en Colombia.

05.- Afirmamos que a FARC, un novo partido para unha nova Colombia, é un importantísimo instrumento para conseguir unha Colombia socialmente xusta, inclusiva e igualitaria.

06. Estamos convencidos de que o nacemento da FARC reforzará as loitas contra o imperialismo, o capitalismo e as políticas de inxerencia en Latinomérica e no Caribe.

07. Condenamos enerxicamente os atrasos e incumprimentos sistemáticos do goberno colombiano na implementación dos Acordos de Paz. Do mesmo xeito, condenamos as trabas, argucias e propostas coas que as Institucións do Estado pretenden paralizar a implementación e, nalgúns casos, terxiversar e desnaturalizar o contido dos Acordos de Paz.

08.- Esiximos do Goberno e das Institucións do Estado colombiano o cumprimento íntegro, estrito e sen dilacións dos contidos do Acordo. En particular, esiximos a liberación inmediata de todas as exguerrilheiras e todos os exguerrilheros que continúan en prisión.

09.- Esiximos ao goberno colombiano que actúe con toda firmeza para ponher punto final á existencia do paramilitarismo, condición indispensábel para a instauración da paz en Colombia.

10.- Demandamos do goberno estadounidense a posta en liberdade do exguerrilheiro Simón Trinidad, inxustamente preso nos cárceres dese País.

11. Comprometémonos a presionar aos nosos gobernos para que utilicen todos os medios diplomáticos ao seu alcance co fin de demandar do goberno colombiano o cumprimento dos Acordos de Paz.

12 Comprometémonos a facer un seguimento permanente da implementación dos Acordos, canalizando o noso rexeitamento e protesta polos incumprimentos a través das embaixadas colombianas nos nosos países.

13. Seguiremos apoiando as negociacións de paz do goberno co ELN e outras expresións da insurxencia, co desexo de que moi pronto a paz definitiva e total se estenda por toda Colombia.

En Bogotá, a 1 de setembro de 2017