Conmemoración do 39 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras

O 12 de agosto de cada ano a Unión do Povo Galego (UPG) conmemora o aniversario do asasinato en 1975 do seu militante Xosé Ramón Reboiras Noia por disparos da policía española nun portal da Rúa da Terra, en Ferrol.

A encarnizada persecución a que foron sometidos os militantes da UPG e o asasinato do seu dirixente, Moncho Reboiras, teñen causa na firmeza con que  afrontaron a loita por unha Galiza soberana e socialista e, particularmente, no empeño  permanente por dotar o povo galego de forzas propias en todos os ámbitos, sen dependencias alleas, como a única maneira de garantir ás clases traballadoras da Galiza un futuro que o estado español e os intereses dos seus poderes económico-políticos lle negaban e lle continúan a negar.

Tiña 25 anos cando a vida lle foi arrebatada polo terror fascista, mais desde os 19 anos en que ingresou no Partido desenvolveu un labor esencial na loita política, no combate ideolóxico, na axitación e, especialmente na autoorganización do povo galego: no campo cultural, participando activamente  e impulsando a fundación da Frente Cultural Galega, no seu papel na fundación da Asociación Cultural O Castro e da revista Des.parafuso, así como na actividade na Asociación Cultural de Vigo. Operario nos estaleiros de Barreras, en Cerámicas Álvarez, máis tarde en Astano e despois en Intelsa, na Coruña, foi peza fundamental na constitución do Sindicato Obreiro Galego, antecedente do hoxe vizoso sindicalismo nacionalista de clase. Organizador das primeiras células de ERGA nos centros de ensino da Coruña. Membro do Comité Central e do Comité Executivo da UPG, naquel momento clandestina, para a que traballou incasabelmente co obxectivo de a dotar de medios e infraestruturas que permitisen máis capacidade na loita política por un futuro de liberdade e soberanía para a nosa Patria.

Hoxe, cando o Partido ao que Reboiras entregou xenerosamente o seu firme e activo compromiso militante acaba de facer 50 anos de loita ininterrompida ao servizo do Povo e da Patria,  recollemos o exemplo do compañeiro Moncho e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza,  á que o noso camarada entregou a súa vida. Ao tempo, tiramos tamén a ensinanza fundamental do seu labor militante: é a organización do noso povo o labor máis importante que temos por diante. É precisamente a auto-organización do povo galego o que máis combate e o que máis teme o noso inimigo, precisamente porque é a ferramenta básica para podermos enfrontar con decisión o camiño da nosa liberdade. Gran lección que non teremos que esquecer nunca.

Programa de Actos en conmemoración do 39 aniversario do asasinato de moncho reboiras

Martes, 12 de agosto de 2014. Ferrol.

–         19.00 horas. Concentración na Praza de Armas (diante da Casa do Concello). Saída cara ao portal da rúa da Terra onde foi asasinado Moncho Reboiras e ofrenda floral. Canto da Internacional e baixada até o Cantón.

–         19.30 horas. Intervencións políticas no Cantón:

  • Andrea Martíns. Membro do Comité Nacional da UMG.
  • Iván Ribas. Portavoz Municipal do BNG.
  • Néstor Rego. Secretario Xeral da UPG e membro da Executiva Nacional do BNG.

Ao remate, canto do himno galego.

–         Durante a conmemoración presentaremos publicamente a “Oda a Moncho Reboiras” en interpretación do autor, Paco Montero, cantor e compositor.