Constitúese o Comité Nacional Galego de Homenaxe ao Che Guevara

No día de onte 19 de xullo reuníronse en Compostela diversas organizacións dos ámbitos político, sindical e social e adoptaron a decisión de constituír un Comité Nacional Galego de Homenaxe ao Che Guevara.

No vindeiro mes de outubro cumpriranse os 50 anos do asasinato do Che en Bolivia, nunha operación dirixida polos servizos de intelixencia norteamericanos. Diante desa efeméride o goberno de Bolivia e o Comité Internacional da Conmemoración do Cincuentenario da Presenza  do Che en Bolivia veñen de facer un chamamento a divulgar e estudar a figura e o pensamento de Ernesto Che Guevara.

As organizacións que decidiron constituír o Comité Galego de Homenaxe ao Che consideran que a figura e o  pensamento de Ernesto Che Guevara son merecentes de divulgación, estudo e homenaxe, debido á súa traxectoria de loita, á súa práctica internacionalista e antiimperialista e á lectura dialéctica do marxismo que realizou, comprendendo que a loita dos povos pola súa liberdade está indisolubelmente unida á loita polo socialismo. Consideramos ademais que é preciso recuperar o pensamento de quen foi un dos humanistas e revolucionarios máis importantes do século XX fronte á mercantilización da súa figura por parte de aqueles contra os que sempre loitou.

Polas razóns expostas, as organizacións reunidas onte decidiron constituírse en Comité Galego de Homenaxe ao Che e atender ao chamamento internacional realizado polo goberno de Bolivia e polo Cómite Internacional da Conmemoración del Cincuentenario da Presenza do Che en Bolivia.

O Comité Galego de Homenaxe ao Che Guevara, que está aberto á integración e participación activa no mesmo de todas as organizacións galegas que concorden nos obxectivos propostos, manterá unha segunda reunión co obxecto de avanzar na programación e organizacióndosactos a realizar. Esa segunda reunión celebrarase o luns día 31 de xullo ás 17h. na sede da UPG (Av. de Lugo 219, 1º. Compostela).