Continúan as actividades do Comité Nacional Galego Ernesto Che Guevara no 50 aniversario do seu asasinato

Cando se cumpren 50 anos do asasinato do Che o Comité Nacional Galego Ernesto Che Guevara, do que forma parte a Unión do Povo Galego – UPG,  continua a desenvolver unha intensa axenda de actividades para homenaxear ao revolucionario.

Na vindeira semana desenvolveranse dúas interesantes palestras baixo o título “O pensamento do Che”, onde poderemos profundar no seu ideario e nas súas achegas teóricas e doutrinais. Nelas contaremos coa presenza de Carlos Tablada, economista, escritor e pedagogo cubano. Licenciado en Filosofía, Socioloxía e Doutor en Ciencias Económicas. Autor, entre outros, dos libros “El pensamiento económico de Ernesto Che Guevara” e “El marxismo del Che”. Así pois unha extraordinaria oportunidade de coñecer a figura de Ernesto Che Guevara máis alá dos tópicos e imaxes estereotipadas.

As charlas desenvolveranse o día 1 de marzo, quinta feira, ás 20:00 h  na Aula nº 4 da Facultade de Filosofía en Compostela (Praza de Mazarelos) e o 2 de marzo, sexta feira, tamén ás 20:00 h na Libraría Andel de Vigo (Avd. das Camelias 102).

Anunciar tamén que o próximo 9 de marzo, sexta feira, realizarase un Homenaxe Nacional ao Che ás 20:00 horas no Teatro Principal de Compostela. A entrada será libre até completar aforo e onde poderemos gozar de música ao vivo, poesía, intervencións, vídeos … En breve informaremos máis detalladamente do programa deste Festival de Homenaxe co que se pretende pór o ramo ás actividades que durante estes meses se desenvolveron por toda a nación para dar a coñecer a figura deste extraordinario revolucionario.