Crónica das IV Xornadas de Formación Moncho Reboiras da UMG

Un ano máis, desde a Unión da Mocidade Galega celebramos as IV Xornadas de Formación Moncho Reboiras na Comarca de Ferrolterra.  As xornadas tiveron lugar no 11 e 12 de agosto, coincidindo co 42 aniversario do asasinato do noso camarada Xosé Ramón Reboiras Noia. Reboiras tiña só 25 anos cando foi asasinado pola policía franquista na Rúa Terra, en Ferrol. Malia a súa curta idade, a de Moncho é unha traxectoria marcada por un inxente contributo de militancia e de compromiso coa Patria, polo que nestas xornadas traemos a súa personalidade e o seu traballo como exemplo para a militancia da UMG.

Por cuarto ano consecutivo, as militantes e amigas da UMG dedicamos dous días á nosa formación política e a afondar en distintas cuestións de actualidade e de importancia para a nosa práctica política diaria. Ademais, coincidindo co 40 aniversario da UMG, repasamos a contribución da nosa organización ao movemento xuvenil e estudantil galego ao longo da nosa historia, desde o ano 1977.

As Xornadas comezaron o venres 11 pola mañá onde, logo da presentación do camarada Adrián R. Bravo, Secretario Xeral da UMG, asistimos a dúas palestras formativas. Na primeira, o camarada Francisco Jorquera falou sobre a fundación da UMG e a contribución da mocidade comunista patriótica a ERGA. Logo, tratamos coa camarada Marga Corral a tripla opresión das mulleres e o papel da UMG e da UPG na súa emancipación, ao tempo que analizabamos a nosa actuación e traballo feministas nas distintas organizacións das que facemos parte.

Após o xantar de confraternidade, tivo lugar un roteiro histórico-natural co camarada Francisco Rodríguez, que incluíu visitas polo Monte Ventoso, o Castelo de San Filipe e a cidade de Ferrol e que combinou visitas a lugares de interese histórico e cultural, nas que tamén analizamos algunhas das problemáticas que afectan agora á cidade e o concello de Ferrol.

Tampouco faltaron momentos lúdicos para a confraternización, nomeadamente na cea do venres 11 e a festa patriótica que a seguiu.

Na mañá do sábado 12 asistimos a dúas novas palestras. A primeira foi a cargo do camarada Rubén Arroxo, que tratou tanto nocións teóricas sobre o imperialismo como fase actual do capitalismo coma a análise de casos concretos nos que se ven os seus efectos e as alternativas que unha organización comunista patriótica como a nosa ofrece ante o imperialismo. Na segunda palestra contamos co camarada Xabier P. Igrexas, co que conversamos sobre a contribución da UMG á autoorganización da mocidade galega, analizando o papel que a militancia da UMG exerceu e exerce nas organizacións estudantís e xuvenís nacionalistas e tamén no tecido asociativo galego, un coloquio moi útil para analizarmos con perspectiva a táctica e a estratexia da nosa organización.

Logo das palestras participamos no xantar de confraternidade en Fene organizado pola UPG, e tamén na sobremesa de debate que tivo lugar a continuación, titulado “Construíndo a soberanía hoxe”.

Ás sete estivemos na tradicional concentración diante do portal número 27 da rúa da Terra, onde foi asasinado o noso camarada Moncho Reboiras, cunha intervención a cargo de Iván Ribas, voceiro do BNG en Ferrol, que foi seguida por un acto político no Cantón que contou con intervencións de Sandra Permui, concelleira e portavoz municipal do BNG en Fene, Adrián R. Bravo, Secretario Xeral da UMG e Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG.

O camarada Adrián R. Bravo reivindicou a UMG como escola de militancia revolucionaria comprometida coa plena emancipación social e nacional do noso País e que contribúe ao fortalecemento do nacionalismo galego en todos os ámbitos de actuación, desde o xuvenil e estudantil ata o cultural, ambiental, lingüístico, sindical e na loita política.

Pola súa banda, o camarada Néstor Rego recoñeceu o firme e activo compromiso militante de Moncho Reboiras e chamou a seguir o seu exemplo, lembrando a importancia que a organización e o activismo teñen para a UPG. Do mesmo xeito, dedicou parte da súa intervención á defensa da necesidade da soberanía para Galiza nun contexto no que a cuestión nacional vai ser o eixo que defina o novo período político.
Neste 42º aniversario do asasinato do noso camarada Xosé Ramón Reboiras Noia, constatamos que a súa loita segue a ser exemplo de rebeldía e compromiso coa patria.  O mellor xeito de homenaxear a Moncho é co compromiso da loita política diaria, que exercemos desde a UMG como mocidade do Partido e para a cal consideramos que xornadas de formación coma estas son esenciais.

Non enterraron cadáver, enterraron semente!