Denunciamos a morte do loitador e patriota Hassanna Luali e esiximos que o Povo Saharaui poda exercer o seu lexítimo dereito de autodeterminación

A Unión do Povo Galego amosa unha vez máis a súa solidariedade coa loita do povo irmán do Sahara Occidental, unha loita que nestes días volta tinguirse de sangue coa morte do loitador e patriota Hassanna Luali, unha nova morte que é consecuencia dos malos tratos sofridos por Hassanna a mans do ocupante marroquí que o mantiña preso na cadea desde 2012 polo delito de participar nunha manifestación pacífica e defender coherentemente os dereitos humanos, dereitos que son vulnerados diariamente polo exército e o governo da monarquía alauita.

Estamos ao carón de familiares amizades e compañeir@s de loita de Hassanna Luali nestes duros momentos e estamos coma sempre a carón do conxunto do povo saharaui na súa loita polo exercicio do lexítimo dereito de autodeterminación, un dereito que lle é negado por Marrocos coa complicidade dos estados español e francés, e diante do silenzo dunhas Nacións Unidas que asisten como testigos mudos da represión e da barbarie que o exército, a policía e os servizos secretos marroquís exercen en territorio saharaui buscando calar a un povo orgulloso da súa nacionalidade, un povo que se mantén firme na loita polo cumprimento dos distintos acordos internacionais que deberían garantir o exercicio do seu dereito á autodeterminación e a creación dun estado saharaui independente.

Ao tempo que saudamos as diversas iniciativas institucionais presentadas polo Bloque Nacionalista Galego nestes días animamos aos colectivos sociais de Galiza a intensificar os actos de apoio e de popularización da causa saharaui sabedores de que toda mostra de solidariedade supón unha inxección de ánimo para a súa loita, unha loita que é tamén a nosa.