Denunciamos as sentenzas do xuízo farsa contra os 24 patriotas saharauis do campamento da dignidade Gdeim Izik

A UPG mostra unha vez máis o seu total apoio ao povo saharaui en loita polo seu lexítimo dereito a constituír un estado propio nos territorios neste momento ocupados polo estado marroquí;un estado marroquí que vén de demostrar o seu desprezo polos dereitos humanos coas condenas do xuízo farsa que se limitou a oficializar as sentenzas xa decididas anteriormente polo Tribunal Militar, nun xuízo farsa que estivo cheo de irregularidades, denunciadas polos observadores internacionais, ao non estar garantido o dereito de defensa dos acusados.

Con estas sentenzas brutais o estado marroquí quere infundir temor nos milleiros de patriotas que loitan nos territorios ocupados polos seus dereitos e por que dunha vez por todas se cumpran as resoluións das Nacións unidas sobre o último territorio por descolonizar do continente africano, e na súa actuación Marrcos contra con todo o apoion non só dos estados Unidos e de Franza senón tamén de quen foi potencia colonizadora. Os distintos gobernos españois, tanto do PSOE como do PP actuaron e actúan con Marrocos con unha condescendencia cómplice, e non podemos esquecer ademais as excelentes relacións entre a monarquía alauita e a monarquía española.

Sabemos que as sentenzas contra os 24 patriotas do campamento de Gdeim Izik supoñen un golpe para eles, para as súas familias e para os seus achegados pero estamos certos de que o povo saharaui dirixido pola Fronte Polisario será quen de honrar aos 24 de Gdeim Izik convertindo as sentenzas en 24 boomerags que se volvan contra o ocupante e os seus cómplices denunciando a ocupación, as agresións, torturas físicas e síquicas e todas as vulneracións de dereitos humanos levadas a cabo por Marrocos contra o povo saharaui nos territorios ocupados.

Desde Galiza, a UPG chama a redobrar os esforzos solidarios, divulgando a realidade da situación pola que pasa o povo saharaui e reclamando que por unha vez por todas poida exercer o seu lexítimo dereito de autodeterminación, constituíndo un estado independente no seu propio territorio.

Compostela; 20 de xullo de 2017

Secretaría de Relacións Internacionais