En conflito para gañarmos como clase traballadora galega

As folgas das traballadoras de Bershka da provincia de Pontevedra e do persoal sanitario visan a enorme capacidade do pobo traballador para conquistar mellores condicións laborais e salariais

As traballadoras da firma téxtil Bershka, do grupo Inditex, na provincia de Pontevedra iniciaron unha folga indefinida que xa atinxiu nove xornadas. O albo da súa reivindicación é poñeren fin á discriminación que padecen, sobre todo a nivel salarial, en relación a outras provincias e a outras firmas do mesmo grupo. Malia a invisibilidade mediática e as presións exercidas pola empresa, o plantel apostou con firmeza na mobilización e no conflito. A posición adoptada pola empresa, que fai parte dun holding multimillonario que vén de repartir entres os seus accionistas dividendos por 1256 millóns de euros, foi a de negarlles a equiparación salarial a través do abono de dous pluses que xa receben as súas compañeiras da Coruña e que totalizan 130€. Para alén do salario, o cadro de persoal moi maioritariamente feminizado demanda outras melloras como o aumento do tempo de descanso, melloras en relación a lactancia, vacacións e licenzas ou permisos.

O enroque patronal en Bershka, combínase máis unha vez coa inacción cómplice da Consellaría de Traballo da Xunta de Galiza, que opta por non exercer as súas competencias como autoridade laboral no noso país. De maneira reiterada o Partido Popular víralle as costas ás traballadoras e aos traballadoras, para se aliñar por acción ou por omisión, na defensa dos intereses do empresariado.

Unha política coherente coa que practica co seu propio persoal público, como vén de poñer de manifesto o conflito aberto no persoal sanitario do SERGAS, que ten os peores salarios en comparación co resto de servizos sanitarios do Estado e tamén no conxunto do persoal público da Xunta de Galiza. Para alén diso, padecen unha enorme precariedade laboral, agravada pola reiterada contratación temporal en fraude en troca de consolidar as prazas vacantes e convocar novas prazas en oposición. Aliás, enfrontan a carencia dun calendario de recuperación dos acordos retributivos suspendidos desde o ano 2010 e a falla, mesmo, dun compromiso claro de que os orzamentos permitan retribuír os graos da carreira profesional para todo o persoal, fixo e persoal.

Diante desta situación, o sindicalismo nacionalista e de clase que representa a CIG apostou con determinación na convocatoria dunha folga, que en inicio se formulou como unitaria con outras organziacións sindicais. No entanto, inda sen existir compromisos claros por parte do Sergas para atender as reivindicacións que fundamentaban o paro decorrido os días 2 e 3 de novembro, os sindicatos corporativos e de concertación, optaron por abandonar a convocatoria de greve que pasou a ser asumida en solitario pola CIG.

Este feito volve deixar en evidencia a diferenza, non só teórica senón práctica, entre un e outro modelo sindical. Entre quen aposta polo pacto social para negociar o alcance da derrota da clase traballadora, e quen, como o sindicalismo nacionalista, opta pola loita organizada, o conflito e a mobilización, para plantar cara aos abusos tanto da patronal privada como dos gobernos de dereita.

Como Partido queremos recoñecer e valorizar estes procesos mobilizadores, que canda un sen número de conflitos, pequenos ou grandes, están a permitir que os e as traballadoras de Galiza avancen na conquista dunhas mellores condicións de vida e de traballo. Son unha mostra do mellor do noso pobo e da nosa capacidade colectiva para construírmos unha outra realidade social e nacional.

Desde a nosa plena confianza nas inxentes capacidades do pobo traballador galego, reiteramos o noso compromiso en alentar e alargar a conflitividade e a mobilización, nas rúas e nos centros de traballo. Nesa tarefa, é indispensábel o inda maior fortalecemento da Confederación Intersindical Galega, como verdadeiro bastión da loita social no noso país, desde unhas coordenadas netamente galega e de clase, sen dependencias nin subordinacións e sob o protagonismo da clase traballadora galega como suxeito da transformación revolucionaria con rumo a unha Galiza ceive e sen explotación.