En defensa da democracia e das liberdades, solidariedade con Cataluña

O ataque ás liberdades, ao dereito a decidir e á vontade democrática expresada polo povo catalán, que está a desenvolver o rexime político español por medio da intervención política (aplicación do artigo 155 da Constitución), policial e, sobre todo, xudicial, é non só gravísimo do punto de vista democrático senón unha ameaza evidente aos dereitos e liberdades de todas as persoas e dos povos.

Particularmente, no punto de mira do rexime está o nacionalismo antiimperialista, os movementos que loitamos pola liberación das nosas nacións. O que se persegue -e co que se quere acabar- é o cuestionamento do modelo de Estado unitario ‘autonómico’, centralista, autoritario e corrupto e a reivindicación do dereito de autodeterminación das nacións oprimidas por España.

Aliás, o que está a acontecer deixa máis en evidencia a actitude connivente da chamada esquerda española -obxectivamente cómplice do rexime- e confirma que o movemento soberanista é o único que realmente cuestiona o sistema político español saído da transición e da Constitución de 1978. Todo isto reafirma a certeza de que, se quixermos verdadeira liberdade e democracia real no noso País, o único camiño é a conquista da soberanía e da independencia nacional da Galiza.

Os últimos pasos do poder xudicial español, ao servizo dos intereses políticos do rexime e retorcendo mesmo a propia legalidade para perseguir o independentismo e humillar o povo catalán son especialmente graves. Por iso reclamamos a liberdade do Presidente Puigdemont e de tod@s @s pres@s polític@s cataláns e apelamos a unha reacción solidaria -mais tamén por interese propio como nación- do povo galego, de todas as persoas demócratas do noso País.

No inmediato, chamamos a asinar e difundir o Manifesto Basta xa!, que foi lanzado no pasado sábado reclamando o fin da represión e a liberdade de todas as persoas presas, así como a participar nas concentracións que convoque o nacionalismo ou Plataforma Galiza con Catalunya, da que o noso Partido fai parte.

Manifesto: “Basta xa!”

Como galegas e galegos, que sabemos moito de humillacións e de falta de respecto á nosa dignidade como pobo, manifestamos a nosa repulsa pola forma en que o Estado español está a tratar o pobo catalán, as súas institucións democráticas e os seus e as súas lexítimas representantes políticas.

Repudiamos, e sentímonos tamén ameazados e ameazadas, polo empeño do Estado español no recurso á represión en forma de embargos, procesos, cárcere e exilio como contestación á manifestación da vontade política do pobo catalán, expresada nas urnas, a favor dun referendo de autodeterminación, e, en todo caso, a favor da superación do marco autonómico.

Consideramos que se está perseguindo dirixentes da Cataluña polo único feito de expresaren libremente as súas ideas socialmente e na sede das institucións políticas constituídas democraticamente, conforme á legalidade e á lexitimidade que lles deu o pobo catalán, sen que en ningún momento cometesen por iso delitos de sedición e rebeldía. Avergoña e entristece a violencia institucional, xudicial e policial, que o Estado español, co Goberno á fronte, está empregando, impropias dun Estado minimamente democrático.

Basta xa!. Queremos a liberdade inmediata de todos os presos e presas políticas perseguidas e encarceradas polo simple feito de defenderen por métodos pacíficos que o pobo catalán existe e ten unha vontade política expresada democraticamente nas urnas, que debe ser respectada.

ASINAR O MANIFESTO