Galiza Cultura premia Francisco Rodríguez polos 50 anos de servizo á cultura galega

A Federación Galiza Cultura de asociacións culturais anunciou esta segunda feira a concesión do Premio Nacional Galiza Cultura ao profesor, escritor e investigador Francisco Rodríguez, a quen se lle recoñecen os seus cincuenta anos ao servizo da cultura galega

A entrega terá lugar o sábado 22 de abril en Ferrol, cidade natal do premiado

Entrega, traballo e dedicación foron as palabras máis salientadas e reiteradas na rolda de prensa en que se comunicou o fallo do Premio Nacional Galiza Cultura, que outorga por vez primeira a federación de asociacións culturais homónima e que recaeu en Francisco Rodríguez Sánchez (Serantes-Ferrol 1945), profesor, escritor e investigador e, sobre todo, traballador, tal e como salientou a presidenta da Federación Galiza Cultura, María Pilar García Negro.

As asociacións culturais que forman parte da Federación decidiron por unanimidade a concesión do premio a Francisco Rodríguez, que o recibirá na súa terra natal, Ferrol, o 22 de abril, nun xantar aberto á participación de quen o desexar. Aliás, máis de trinta entidades adheríronse á adxudicación do recoñecemento ao escritor e estudoso baixo o título “50 anos ao servizo da cultura galega”.

Após salientar a unanimidade ao redor do premiado, García Negro ofreceu unha radiografía sobre a cultura que non é de base, “o campo da cultura está por veces moito contaminado de ostentación, de representación clientelar, mesmo caciquil, e estas modalidades que acabo de citar teñen asento, coñecémolas na nosa sociedade”. “Doutra banda, observamos unha importante mingua nos orzamentos destinados á produción cultural por parte dos departamentos correspondentes e, en concreto, por parte dunha consellaría de Cultura que, por certo, non existe de maneira individual como tal, e algo peor aínda, unha falta de vontade e interese político real”, engadiu.

Fronte aos órganos oficiais, a profesora da UDC e escritora, subliñou a parte da actividade cultural que “depende de vontade” e “do sentido do país, de termos un interese activo por coñecermos a nosa historia, por asegurarmos un futuro que olle para unha riquísima e moi potente produción cultural como a que existe na nosa nación”. Nesta dimensión é onde situou a escolla de Francisco Rodríguez como persoa merecente do primeiro premio nacional que entrega Galiza Cultura.

García Negro puxo de manifesto que estamos diante dunha “personalidade moi rica que combina moitas facetas singulares”. En primeiro lugar, citou o Francisco Rodríguez “investigador da lingua e da literatura galega desde os seus anos universitarios en Madrid até a actualidade”; en segundo lugar, “o catedrático que sempre quixo imprimir galeguidade activa tanto no uso da lingua como na explicación sobre a literatura nas súas aulas”; e, en terceiro lugar, un “intelectual que con toda comodidade e tranquilidade, podendo ter ficado en Madrid, nos últimos anos da década dos sesenta, propositadamente retornou a Galiza”.

A presidenta de Galiza Cultura tamén expuxo a combinación da dedicación intelectual e cultural de Francisco Rodríguez “cos seus servizos no Parlamento galego, entre 1993 e 1996, na cuarta lexislatura, e a partir deste ano, cunha representación que para Galiza tivo carácter inaugural”. Lembrou que por primeira vez o nacionalismo galego accedía ao Congreso. “Durante 12 anos, representou neste posto brillantemente os intereses do noso país e, dentro deles, a preocupación por moitos aspectos do noso patrimonio e da nosa historia e da necesaria contribución financeira por parte do Estado a institucións galegas”, acrecentou.

A respeito do nexo de Rodríguez coa cultura de base, García Negro destacou que “ostenta o récord de maior e máis persistente colaboración directa coas asociacións culturais do país, con independencia de lugares, foros ou persoas”. A presidenta da federación concluíu a súa intervención coa posta en valor do traballo científico e de investigación continuado do premiado con “rigor e honestidade”.