GALERÍA DE FOTOS ACTO DE CELEBRACIÓN DO 40 ANIVERSARIO DA UPG.

Santiago de Compostela 17 de xullo de 2004

Evolución histórica 1964-2004

 

Partido comunista que enlaza, porén, coa tradición política do galeguismo nacionalista da II República española, pois parte da asunción teórica e práctica de que Galiza é unha nación. Foi durante a fase de emerxencia da burguesía monopolista española –década dos sesenta– cando apareceron sintomas de ruptura coa inactividade política e organizativa do galeguismo culturalista. Así xurdiu a Unión do Povo Galego (UPG), primeira organización desde Galiza que pensa na solución do problema nacional galego dunha perspectiva marxista.

Nace en 1964, momento no que non hai partidos nacionalistas galegos, xa fosen burgueses ou pequeno-burgueses. É, pois, a primeira resposta organizativa do nacionalismo galego despois da Guerra Civil. O camiño da UPG non foi fácil desde entón. A súa orixe, o campo que tivo que cobrir e a falta de continuidade organizativa do nacionalismo histórico anterior levaron a UPG a ter que cobrir ou promover campos e alternativas a un tempo frentista e partidarias.

Loxicamente o primeiro esforzo da UPG consistiu en procurar as conexións entre nacionalismo e marxismo, isto é, aplicar o marxismo á explicación política, económica e cultural dunha nación que considera colonizada, un dos criterios básicos da concepción que este partido ten de Galiza. Pártese da tese de que os principais atrancos para o desenvolvemento da economía galega veñen provocados polas específicas relacións de dependencia que soporta a sociedade galega. Estas relacións de dependencia colonial determinarían que a formación económico-social galega, ao servizo do modo de produción capitalista do Estado español e, en xeral, ao servizo dos Estados imperialistas europeos e norteamericanos, industrializados e cun capitalismo monopolista desenvolvido, cumpra a función de subministradora de forza de traballo, enerxía e materias primas sen transformar, e capital. Precisamente, esta situación, caracterizada a nível económico polo subdesenvolvemento, pola dependencia, pola desarticulación da súa economía cara ao exterior, complétase a nível social pola ausencia da clase dominante autóctona, a nível político por non se autogobernar, isto é, por non ter independencia política, e a nível cultural por ter a súa lingua e cultura nacional sen normalizar, dominadas.

A UPG ten como obxectivo, neste etapa histórica do imperialismo mundial, a consecución da liberación nacional de Galiza. Así pois, considera que a revolución nacional-popular supón a alianza das clases populares, obreiros, campesiños, mariñeiros, sectores da pequena burguesía, fronte aos seus inimigos de clase, a grande burguesía monopolista dos Estados imperialistas e os seus aliados. Desta maneira, a loita de clases populares pola liberación da explotación de que son vítimas baixo o rexime do capitalismo colonial, coinciden obxectivamente na fase histórica actual e non son máis que as dúas caras do mesmo proceso.

Nos primeiros anos da súa existencia a UPG era sobretodo un grupo de formación e sensibilización ideolóxica nacionalista, centrado en Vigo e en Madrid especialmente, con pouca acción sistematizada e escasa práctica a nível social. Mesmo semellaba máis o seu desexo galeguizar a esquerda españolista existente en Galiza que asumir a construción desde si dunha esquerda nacionalista. Aínda que a actividade axitativa da UPG se notou xa durante os sucesos de Castrelo de Miño, na oposición á construción do encoro con que FENOSA inundou aquel val ourensán, así como en 1968 (Día da Patria Galega), 1969 (estado de excepción), etc, a primeira vez que deu unha resposta articulada a nível galego consistiu na solidariedade cos folguistas, procesados, detidos e asasinados do ano 1972 (folgas obreiras de Ferrol), durante a ditadura franquista. Parece que tales sucesos evidenciaron o retraso con que chegaba o nacionalismo para se introducir entre a clase obreira galega fronte a unha esquerda comunista española. É nesta época cando se integra nas filas da UPG un grupo obreiro de orixe cristián asentado en Vigo: Galicia Socialista.

Os anos 1972, 73 e 74 son decisivos na conformación orgánica e ideolóxica da UPG como partido comunista, e tamén para a súa expansión por toda a Galiza. Coa aparición en 1974 da Xunta Democrática de España, que defendía para Galiza o Estatuto de Autonomía do 36, a UPG mostrou a súa oposición a tal formulación, considerándoa inaxeitada por sucursalista, e ineficaz por colonialista, xa que no contemplaba o dereito de autodeterminación nacional. No terreo práctico, dirixiu os seus esforzos en levantar unha alternativa democrática, patriótica galega e anticolonial, que consistiu na promoción e creación en 1975 da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). Esta organización serviu de rápida expansión social do nacionalismo popular e de aumento da súa capacidade mobilizadora. Era a primeira formulación dunha frente patriótica, alicerzada na defensa da soberanía nacional e do anti-colonialismo.

En 1975, a represión abátese sobre a UPG co asasinato dun cualificado militante, Moncho Reboiras, o encarceramento (Brañas, Marisa, Manolo, Xan) e o exilio de outros (Margarita Ledo, Elvira Souto…). A UPG dera luz verde, por necesidades económicas, para aumentar a súa infraestrutura organizativa e para protexer e reforzar os movementos e loitas populares contra as agresións dos monopolios, a un grupo armado que realizara algunhas accións até entón. A imprensa, a raíz das detencións e do asasinato de Moncho Reboiras pola policía, divulgou que se estaba a preparar o secuestro da Condesa de Fenosa, para paralizar a que se consideraba inminente construción da Central Nuclear de Xove. É desde este ano de 1975, unha vez que existen sintomas claros de descomposición do rexime franquista, cando a UPG se ve na necesidade de facer política táctica para os tempos que se aveciñan: organizar unha alternativa rupturista e nacional galega que non aceite a reforma nen unha transición pactada coas forzas do anterior rexime. A esta dinámica responde a aparición do Consello de Forzas Políticas de Galiza e o seu programa de Bases Constitucionais da Nación Galega (1976).

Fiel a este posicionamento, a UPG non aceitou a Constitución española (1978), por considerala anti-galega, anti-nacionalista, anti-democrática e favorábel á economía dos monopolios. A Constitución española efectivamente representaba a negación radical do proxecto de Bases Constitucionais da Nación Galega, isto é, da soberanía do povo galego e do dereito a un proceso constituínte proprio. Consagraba a unidade da patria española, a estrutura unitaria do Estado, impondo a alternativa de rexionalización e descentralización administrativa, vía estatutos de autonomía, segundo este partido, para neutralizar a loita de liberación nacional das nacións oprimidas. Institucionalizaba os valores ideolóxicos, culturais e sociais da burguesía dentro do que se cualifica pola UPG como democracia formal represiva, para abrir paso á integración española na Europa comunitaria.

Consecuentemente, a UPG opúxose ao rexime de concesión de estatutos de autonomía. Tanto no proceso plebiscitario de 1978 (Constitución) como no de 1980 (Estatuto), a UPG formando parte no primero caso do BN-PG (Bloque Nacional-Popular Galego), e no segundo integrada na coaligación do Bloque co histórico PSG, defendeu o voto negativo nas urnas.

A posición anti-imperialista da UPG foi clara desde os seus comezos, mais ficou perfilada sen nengunha ambigüidade, sobretodo, cando o proceso de reforma franquista comezou a andar. Foi, neste aspecto, sintomática a súa posición contraria á integración da Galiza na Comunidade Económica Europea (CEE), clarificada, cando menos, desde 1974. A UPG advertiu de que, coa política económica comunitaria, os desequilibrios espaciais agravaríanse, acentuándose así as diferenzas existentes entre as zonas máis ricas e as menos desenvolvidas. Concretamente, a UPG denunciou, desde entón, o proceso irreversíbel de agresión que a integración na CEE significaría para o sector lácteo, pesqueiro e da industria naval galegas. Por outra parte a súa denuncia céntrase en que o Mercado Común Europeo é un organismo supra-estatal de carácter imperialista, tanto no plano económico como no ideolóxico e o político, sen que se poidan negar as súas vinculacións co aparello militar da OTAN, organización á que, tanto antes como despois do referendo de 1986, a UPG se continúa a opor, defendendo a retirada do Estado Español da mesma. As razóns para a UPG son:

–         Significa un compromiso formal co campo imperialista.

–         Control das loitas de liberación nacional.

–         Planos de militarización específicos para Galiza polo seu especial papel xeo-estratéxico.

–         Aumento da presenza de bases estranxeiras en Galiza.

–         Maiores gastos militares, claramente antisociais.

–         Nuclearización e militarización da sociedade, así como control das organizacións populares combativas.

Hai que salientar o importante papel que cumpriu a UPG no proceso de restauración do uso público, oral e escrito, da lingua galega, desde o ano 72. Á súa actividade e conduta lingüística debéronse os primeiros pasos para rachar, contra vento e maré, as normas de uso que facían do español, o idioma formal, oral, en mitins, escritos, en asuntos de importancia, conferencias, intervencións en asembleas,… Así apareceu o galego á luz pública en ambientes de estudantes, obreiros e traballadores do ensino, especialmente. No transcurso dos anos 72 ao 78 esta actitude obrigou a unha galeguización formal dos diferentes partidos políticos, especialmente da esquerda española. Pode dicerse que os logros idiomáticos están moi vinculados ao combate teórico práctico do nacionalismo, e concretamente da UPG.

A forma de transición á democracia burguesa no Estado Español condicionou a táctica da UPG. Así, por exemplo, en 1977, ante as primeiras eleicións xerais, tivo que recorrer a legalizar por medio de sinaturas unha coaligación eleitoral, pois non fora aínda legalizada polo Goberno en Xuño do mesmo ano, como tamén non o estaba a AN-PG. Foi deste modo como xurdiu o Bloque Nacional-Popular Galego. A UPG comprendeu a necesidade de que a loita política, entendida como de organización e mobilización de masas, así como de comparecencia en todos os ámbitos da vida pública, pasaba a primeiro plano, como o demostran as teses aprobadas no I Congreso do Partido en 1977, celebrado na ilegalidade e semi-clandestinamente. Deste programa dedúcese que a identidade de intereses deste partido e da frente (a AN-PG entón) era total. A introdución e incidencia social do nacionalismo popular aumentou de 1977 a 1979, traducíndose mesmo a nível eleitoral: o BN-PG pasou de 22.771 votos en 1977 a 61.701 en 1979; presentou 167 candidaturas nas eleicións municipais deste mesmo ano, conseguindo nove alcaldías e 260 concelleiros e concelleiras. A celebración do Día da Patria Galega converteuse no bo termómetro da súa capacidade mobilizadora, cunha data especialmente senlleira, o 25 de Xullo de 1978, no que máis de 25.000 manifestantes, contra a autonomía por caciquil e colonialista, e en favor das Bases Constitucionais, percorreron as rúas de Santiago. En xullo de 1980, a UPG xunto coa Mesa de Forzas Políticas Galegas, inician un achegamento entre dous partidos que iniciarían a restauración do nacionalismo na posguerra. Aliado o Bloque (UPG e AN-PG) co PSG, conseguiu nas primeiras eleicións autonómicas (Outubro de 1981) 62.000 votos e tres parlamentarios, Claudio López Garrido, Lois Diéguez e Bautista Álvarez, cando aínda non pasara un ano do intento de golpe de Estado do 23 de Febreiro e despois dunha importante crise no seo do nacionalismo popular. Non faltaron por estes anos as tentativas do Goberno de acabar coa manifestación patriótica do Bloque do 25 de Xullo: en 1980 o Gobernador Civil da Coruña prohibe que entre no casco vello de Santiago, igual que en 1981 e 1982. Será no 1983 cando se produza unha sentada de resistencia de milleiros de manifestantes que acabarán sendo, despois de máis de cinco horas, atacados pola forzas da orde pública, co conseguinte enfrentamento. A partir deste ano, conseguiuse de novo a entrada no casco vello da cidade, notándose unha recuperación mobilizadora tanto no ano 1984 como no 85.

O 22 de novembro de 1982, os deputados do Bloque-PSG foron expulsados do Parlamento Autonómico, ao lles ser aplicado retroactivamente un regulamento que obrigaba, por decisión de AP, PSOE e UCD, a prestar promesa ou xuramento de acatamento e fidelidade á Constitución española e ao Estatuto de Autonomía, ao cal se negaron os nacionalistas. En outubro de 1982, o Bloque-PSG concorreu ás eleicións xerais na que había de ser a última alianza entre estas forzas políticas. Débese ter en conta que xa en abril do ano 82 a AN-PG aprobara nun plenario a reformulación da frente patriótica, que foi promovida, entre outros, pola UPG; daquí xurdirá o actual BNG (Bloque Nacionalista Galego), conformado en base á militancia con que contaba a AN-PG, coa UPG, independentes, ERGA e o Colectivo Socialista, sector do PSG que decidiu colaborar na construción desta frente nacionalista. O BNG concorreu ás eleicións municipais no 1983, obtendo 120 concelleiras e concelleiros e 5 alcaldías. Nas eleicións autonómicas de 1985, o BNG consegue, tras a obrigada e imposta ausencia dos deputados nacionalistas durante tres anos do Parlamento Autonómico, 53.000 votos e un deputado (Xosé Manuel Beiras Torrado). A UPG, pola súa parte, reconsidera nun congreso extraordinario a súa posición táctica a respeito da promesa ou xuramento de acatamento e fidelidade á Constitución e o Estatuto, por considerar que, de non facelo, poñen en xogo outras necesidades do nacionalismo popular, sen que isto signifique a súa aceitación teórica ou práctica. A mesma decisión tomouna o BNG, tamén en asemblea extraordinaria celebrada en Santiago en decembro de 1985.

Cómpre resaltar o importante papel desempeñado pola UPG na promoción e desenvolvemento de organizacións de masas nacionalistas, sindicais, estudantís, culturais, xa nos últimos anos do franquismo (SOG, UTEG, ERGA, CCLL,…). Precisamente a partir de xermes sindicais da clandestinidade creouse a ING (Intersindical Nacional Galega, primeira central sindical nacionalista que existiu en Galiza. O sindicato de Comisións Labregas, especialmente entre 1976 e 1980, realizou as maiores mobilizacións labregas de posguerra (mobilizacións e boicote contra a cuota da Seguridade Social Agraria, folga polos prezos do leite, contra as agresións dos monopolios, etc).

Como todos os partidos, e concretamente os comunistas, a UPG pasou, até o de agora, por varias crises de conformación e de adaptación. En 1973, en forma de desviacionismo do que o partido considerou intentona de integración na esquerda españolista; en 1976, por causa do que se considerou o final dun certo caudillismo e adaptación acelerada a unhas novas necesidades organizativas, que conduciron ao nomeamento por vez primeira dunha Secretaría Xeral do partido; en 1977, en forma de abandono dun pequeno sector pro-autonomista e moderado; en 1981, despois do 23-F, aínda que ao parecer latente desde había un ano, a que significou expresión de dificuldades para avanzar cohesionadamente, producindo tanto na vertente moderada e abandonista clara, como outra de confusos obxectivos no conxunto. En 1986, por defensa nominal da solución independentista e por discrepancia aberta a respeito da decisión maioritaria da UPG, un grupo de militantes abandona o Partido e funda o PCLN (Partido Comunista de Liberación Nacional), grupo que formaria parte do BNG até a IIIª Asemblea Nacional celebrada no ano 1987, no Carballiño, en que o abandona. O liquidacionismo, desta volta, adoptou a forma dun entreguismo indisimulado a alternativas exteriores á propia Galiza (lémbrese o apoio nas primeiras eleccións europeas a HB), en contra da decisión adoptada polos órganos e asembleas do BNG, de participación autónoma e como forza nacionalista galega.

A UPG réxese, como partido comunista, polos principios do centralismo democrático. O seu I Congreso celebrouse, como dixemos, en Agosto de 1977, na ilegalidade e con persecución gobernativa, xa que non foi legalizada polo Goberno até Xullo de 1978. O II Congreso celebrouse na Coruña en Outubro de 1979; o III en Decembro do 81 en Santiago; o IV en Decembro do 83 no mesmo lugar, e o V en Marzo do 86, tamén en Santiago. Dos acordos e resolucións tomados en cada congreso fanse publicacións en Edicións Terra e Tempo, nome que leva tamén o órgano informativo do Comité Central da UPG através do que se pode seguir a historia deste partido, especialmente nos chamados Informes do Comité Central. No I Congreso foi nomeada secretaria xeral Elvira Souto Presedo, a primeira muller que ocupaba tal cargo político nun partido no Estado Español; o II Congreso ratificou como secretario xeral a Pedro Luaces González Rosón; o III, a Francisco Rodríguez; o IV, a Mariano Abalo. É presidente da UPG, desde o seu I Congreso, Bautista Álvarez Domínguez.

Como resulta mítica e equívoca a lista de presuntos fundadores deste partido en 1964, mencionamos a continuación os que redixiron entón os pontos programáticos (os famosos 10 pontos): Xosé Luís Méndez Ferrín, Raimundo Patiño, Xosé A. Arxona, Bautista Álvarez e Mª Xosé Queizán. No acto de Santiago, do 25 de Xullo de 1964, estiveron presentes: Xosé Luís Méndez Ferrín, Raimundo Patiño, Xosé A. Arxona, Luís Soto, Celso Emilio Ferreiro.

Proseguimos agora esta apertada síntese histórica da traxectoria e praxe política da UPG, no ecuador dos 40 anos que, no presente, cumpre o noso Partido (1964-2004). Desde os primeiros momentos da (re)fundación do BNG (Outubro 1982), a UPG apostou claramente pola expansión e consolidación da frente. É fundamental lembrarmos, a este respeito, que a UPG –xusto ao contrario do que análises mal intencionadas e intereseiras pregoan– sempre foi unha forza política vocacionada –como o seu nome indica– para a consecuión da unidade e acción conxunta do nacionalismo galego –en coherencia co principio de autoorganización– en calquera das súas vertentes, como desmostran a redacción das Bases Constitucionais da Nación Galega (xa mencionadas) ou a constitución do Consello de Forzas Políticas Galegas (a que xa fixemos referencia). Na mesma liña, a UPG declara, após a formalización do BNG, que toda a súa política se desenvolverá no seo da frente nacionalista e ao seu servizo. Así, no IV Congreso (Decembro de 1983), inmediato á constitución do BNG, proponse:

1)      Consolidar o BNG, participando decididamente no mesmo e asegurando o seu funcionamento, en especial, de órgaos como os consellos comarcais. Así como fomentar a actividade de base, co fin de aumentar a incidencia social, actividade que ten unha especial importancia nas cidades e vilas grandes; neste sentido, ten importancia a criación de grupos de traballo que sexan efectivos e que cubran os distintos campos de actuación do nacionalismo.

2)      Conseguir definitivamente a participación activa de todos os sectores que están hoxe no BNG, aumentando o compromiso que teñen con el. Atraír persoas e colectivos que se identificquen coa frente, cunha política de afiliación.

3)      Consolidar, desde o BNG, un traballo efectivo en todos os campos políticos, desde o viciñal, sindical, institucional ao ecolóxico, á mocidade, á Paz, que teñen unha fonda importancia no crecimento da conciencia anti-imperialista e nacional. Fomentar campañas de mobilización para descobrir conflitos encobertos que deben pór en contradición tanto o poder central como o autonómico.

Reafirmámonos en que a participación nos procesos eleitorais tanto municipais ou autonómicos como estatais temos que enfrontalos como Bloque Nacionalista Galego.

O V Congreso, celebrado en 1986, fai repaso da política fraudulenta do Goberno do PSOE para coa Galiza, e máis das consecuencias previstas para a nación, polo ingreso de España na CEE (Comunidade Económica Europea). Encarecese como só hai “unha vía para atinxir os obxectivos que como comunistas galegos defendemos: lograr a liberación nacional do país, tarefa na que están comprometidas todas as clases sociais interesadas en remataren coa dependencia e non é exclusiva daqueles que asumimos o nacionalismo desde unha ideoloxía determinada”.

Particularmente activa foi a función da UPG na identificación e conseguinte mobilización social, dos problemas e consecuencias que, para a Galiza, traía a entrada do Estado español na Comunidade Económica Europea e na OTAN, sendo o nacionalismo galego a única formación política que definiu claramente toda a negatividade económica, cultural, social e política que tal ingreso reportaría para a nosa nación –como o tempo se encargou de confirmar.

No verán de 1989, a UPG vive unha das maiores agresións perpetradas contra a consolidación e ascenso do nacionalismo galego, na persoa de Francisco Rodríguez, detido e encarcerado durante catro semanas, até ser admitido a trámite o recurso de amparo, por violación de direitos, apresentado perante o Tribunal Constitucional. Con comezo en 1984 (detención após os actos de protesto celebrados contra a traída dos restos mortais de Castelao), a situación de persecución e calvario xudicial perdurou até case unha década despois (primavera de 1993). En Decembro de 1989, o BNG consegue, por vez primeira, grupo parlamentar proprio no Parlamento galego, cos seguintes membros: Bautista Álvarez, Xosé Manuel Beiras, María do Pilar García Negro, Francisco Trigo e Alberte X. Rodríguez Feixó, séndolle furtado o escano correspondente a Alfredo Suárez Canal, pola circunscrición de Ourense.

O VI Congreso (“25 anos ao servizo da Galiza”), que se celebrara en Xaneiro deste ano ratifica o valor do BNG non como unha alianza eleitoral conxuntural, senón como unha alianza social que ten como fin a soberanía da Galiza. Defínese o rol da UPG como instrumental, aglutinador e dinamizador ao servizo do BNG para este ser influente e decisivo na sociedade galega. Non foi tímida a UPG nen desatenta a todas as frentes ou campos de loita social e política en que cumpría actuar: cultura e política lingüística; sindicalismo; feminismo; ecoloxía; todos os ramos da economía produtiva… Foi, por isto, fundamental nestes anos, non só a análise e determinación ideolóxica dos problemas da nación, senón o esforzo persistente e perseverante por alargar todos os formatos de autoorganización social, en clave galega, en todas as actuacións; como significativa foi a fundación da UMG (Unión da Mocidade Galega) en 1977, organización xuvenil do Partido, unha estrutura autónoma, mais ideolóxica e politicamente ligada a el. Na orde internacional, foi a UPG o único partido que alertou do apioramento para a vida dos povos da antiga URSS e doutros moitos povos do mundo que ía supor a disolución deste bloco e a súa depredación a mans do capitalismo imperial, desaparición que conlevaría –como a historia confirmou– o medro e poder do modelo USA e satelización dos Estados da Europa Occidental.

Na abertura do VIII Congreso (1994), o Presidente da UPG, Bautista Álvarez, lembraba que se ela –no seu trixésimo aniversario– pervivera é porque a súa existencia respondía “a unha necesidade obxectiva da nosa nación, xa que a pervivencia non se deriva de nengunha vontade ou liderado persoal, senón que responde á virtualidade do proxecto que a UPG criou e contribuiu decisivamente a afortalar”.

En 1996, por vez primeira, o nacionalismo galego obtén representación no Congreso dos Deputados, con Francisco Rodríguez e Guillerme Vázquez, pola Coruña e Pontevedra, respectivamente. A UPG contribuiu, con toda a súa militanza e o seu traballo, para un obxectivo político fundamental, cal era o de completarmos a representación do nacionalismo galego en todas aquelas institucións en que, por acción ou por omisión, se dirimen intereses galegos, por tradición reaccionaria e españolista ausentes durante longo tempo histórico dos intereses “xerais” do Estado. Foi, por isto, significativo, no ano 1998, a sinatura da Declaración de Barcelona, após contactos e debate tripartitos (Partido Nacionalista Vasco, Convergència i Unió, Bloque Nacionalista Galego), en preciso revival do Galeusca histórico; como decisiva foi a obtención de escano, no Parlamento europeu, en 1999, que até este mesmo ano 2004 ocupou Camilo Nogueira.

As Resolucións Políticas do IX Congreso, celebrado en 1997, daban fe dunha novidade que comezaba a se perfilar na estrutura plurinacional do Estado: Galiza existía grazas á acción do nacionalismo galego. Prevíamos xa daquela como para a Galiza a solución non residía no relevo no poder de partidos españois senón na diferenza incontornábel no ponto de partida: servir ou non ás necesidades da sociedade galega, reivindicar o que é noso, non aceitar o que nos aplican. Era consciente a UPG, a esta altura, de que todos os logros conseguidos polo nacionalismo até aquela non podían obviar o facto de a existencia de Galiza, o seu direito a existir na prática, apresentar serios problemas para a política dominante no Estado e na Unión Europea. Foi, por isto, pioneiro o nacionalismo galego na exixencia de reforma da Constitución española para facer efectiva dunha vez a democratización do Estado, en termos de recoñecemento dos dereitos colectivos e das nacións que o compoñen. Brilla máis unha vez o movemento nacionalista galego –e, dentro del, a UPG– na diagnose duns poderes públicos, no Estado e nas institucións europeas, entregues ao poder das multinacionais, dos monopolios, das grandes corporacións financeiras…, tan lesivo para sectores vitais da economía galega, como a pesca, o agro-gandeiro ou a construción naval, para alén de residualizaren e marxinalizaren a nosa lingua e a nosa cultura.

En Outubro de 2000, a UPG escolle Pontevedra como cidade en que celebrar o seu X Congreso. É ben ilustrativo comprobarmos, catro anos despois, como as análises que o Comité Central realizaba do momento político que daquela se vivía cumpríronse con exactitude para a Galiza e para a Humanidade. No contexto deste recente século XXI, “os nacionalismos –en palabras de Francisco Rodríguez- son a resposta da periferia do sistema contra unha estrutura hierarquizada do mundo, que conduz ao mesmo tempo ao aferrollamento de nacións, de povos, e á exclusión de populacións e amplos sectores da sociedade.” Nunha tal atmosfera, segue máis viva que nunca a necesidade de actuación política e unitaria do nacionalismo galego, para quebrar as consecuencias da integración subordinada da Galiza no Estado e en Europa e para curar a súa desvertebración social e económica e o seu submetimento a deseños que nunca foron pensados para nós senón en función dos intereses de outros, mesmamente por sermos un povo –como Castelao afirmara– que no quer ter vocación suicida. Eis a razón de seu –onte como hoxe– do nacionalismo galego. Resposta, necesidade e alternativa.

Concluímos este percurso –esquemático de máis, a forza de sintético– coa recordación dun contributo fundamental da historia e da obra da UPG: a publicación ininterrompida, desde 1965, do voceiro Terra e Tempo, desde este ano até 1990 como órgao informativo do Partido e, desde 1991 aos nosos días, como “Revista cuadrimestral de información, análise e interpretación”, aberta aos estudos e colaboracións de prestixiosas e documentadas asinaturas tanto internas como externas ao Partido. Enfin: continúa en pé aquel berro que no número un do Terra e Tempo proclamaba a necesidade da loita por “unha Patria verdadeiramente nosa, nova, popular e democrática”. Neste 40º aniversario, a UPG reafirma, para todas as galegas e todos os galegos, o seu compromiso de nacemento.