50 ANOS DE LOITA E UN PROXECTO DE FUTURO PARA A GALIZA

A Unión do Povo Galego (UPG) vén de facer 50 anos de existencia. Medio século de loita constante en prol dun único obxectivo: unha Galiza libre e sen explotación. Un obxectivo que sabemos difícil e complexo. Nada máis e nada menos que o de romper con 500 anos de dominación colonial sobre o noso País, de conquistar a independencia nacional e de construír na nosa patria unha sociedade radicalmente nova, xusta, libre, democrática, igualitaria, unha sociedade socialista.

Sabemos que 50 anos son un período curto na historia dun País, mais representa unha longa traxectoria de loita para unha forza política como a nosa. E, sobre todo, confirma que o proxecto político que representamos como Partido e aquel en que nos integramos como patriotas, son proxectos políticos sólidos, que responden á necesidade obxectiva de nos dotarmos como povo de instrumentos propios para podermos romper as cadeas e camiñar cara a un futuro de liberdade.

Non foi a nosa unha traxectoria fácil, exenta de dificultades. Todo o contrario. Desde a iniciativa dun reducido grupo de persoas que nun día da Patria de 1964 fundan a UPG até a realidade dun movemento político, sindical e social patriótico, con forte presenza e capacidade de intervención social, foron moitas as dificultades, as loitas, as conquistas, os esforzos. Moitos os triunfos e tamén as derrotas. Moitos os pasos adiante. Moitas, sobre todo, as persoas que se teñen implicado activamente para construír colectivamente un movemento político capaz de conquistar a liberdade da nosa Patria. E nese labor, con humildade, con xenerosidade, mais tamén con decisión e con iniciativa, estivo sempre o noso Partido.

O Comité Central da UPG deseñou unha serie de actividades para conmemorar o 50 aniversario que teñen como obxectivo desenvolver a seguintes ideas:

-Valorizar o feito de pór en pé unha organización, con actividade social continuada durante 50 anos, ao servizo exclusivo da clase traballadora, da nosa Patria e da causa da liberación da Galiza, para o cal a auto-organización do povo galego foi, e é, unha peza insubstituíbel. O que nos leva, tamén, a defender a unidade do movemento nacionalista galego que se concreta nunha fronte patriótica.

-Pór en destaque que a UPG sempre mostrou confianza no povo galego, en nós mesmos, téndomos capacidade para facer unha interpretación desde Galiza do que acontece na nosa nación e no mundo, sen dependencias nin subordinacións a ningunha óptica exterior, tendo nos principios do antiimperialismo e do pacifismo trazos definidores esenciais da nosa ideoloxía.

-A permanente lealdade á Galiza e e coherencia á hora de defender a soberanía nacional como necesidade do País mais tamén como condición inescusábel para podermos construír unha sociedade socialista,  que supere a dependencia e o capitalismo colonial, onde atender os intereses das persoas sexan a razón de ser dun poder popular galego que ten o seu centro de gravidade nas clases traballadoras.

Editouse un documento político sintético para distribución masiva no que se indicaban os obxectivos do Partido dende o seu nacemento e no actual contexto político. A continuación poñémolo a disposición do público:

Do mesmo xeito presentamos o documento que recolle as intervencións e discursos pronunciados no acto público de conmemoración do 50 aniversario realizado o 5 de xullo de 2014 no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela:

Recollemos os saúdos das organizacións internacionais recibidos no 50 aniversario da UPG:

GALERÍA DE FOTOS DO ACTO DE CONMEMORACIÓN DO 50 ANIVERSARIO