A lei de montes do PP favorece os intereses de ENCE e a propagación de grandes incendios

Entre os días 3 e 15 de agosto de 2006 Galiza padeceu unha descomunal vaga de incendios. Algo semellante, mas con consecuencias mais dramáticas, venlle de acontecer, o mes pasado, aos nosos irmáns portugueses. As causas estruturais destes incendios, tanto na Galiza como en Portugal, veñen a coincidir. Abandono e desorde do mundo rural, cambio climático, monocultivo de especies pirófitas (tipo eucalipto), falla na prevención e conservación dos montes. Estes veñen a ser os motivos, entre outros, que están na orixe dos grandes incendios.

Facía un ano que o BNG ostentaba responsabilidades de goberno da Consellería do Medio Rural, cando tivo de enfrontar esa onda destrutiva. Daquela negativa experiencia a consellería, dirixida por Suaréz Canal, tirou as súas conclusións e decidiu pór en marcha unha serie de medidas estruturais co obxectivo de evitar que algo parecido volvese a pasar.

Dúas grandes medidas constituíran a base de actuación sobre a política do monte; unha, o fomento da xestión en común dos montes de particulares e comunidades de montes, mediante as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), a outra, a aprobación, no 2007, da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza.

Complementando estas dúas grandes liñas de actuación creouse a empresa pública Servizos Agrarios Galegos (SEAGA), co fin de contribuír á loita e prevención dos incendios forestais e a acompañar todos estes instrumento constituíse, en colaboración coa Dirección Xeral da Xuventude, dirixida por Rubén Cela, o Voluntariado en Defensa do Monte Galego, como mellor xeito de implicar á sociedade galega no cuidado do monte e na prevención e aviso de lumes no monte.

A lei de prevención contra incendios forestais estableceu unha serie de medidas preventivas tendentes a protexer tanto á veciñanza que vive no medio rural, así como as instalacións de todo tipo localizadas nese espazo, establecendo distancias onde era obrigado manter limpo o terreo e nalgúns casos libre da presencia de especies favorecedoras do fogo, evitando plantacións arbóreas continuas de mais 50 hectáreas e prohibindo a forestación de terras agrarias

Coa volta do PP ao goberno galego, no 2009, todas estas medidas e ferramentas foron fulminantemente botadas a baixo. Unhas, como as UXFOR ou o Voluntariado, eliminadas; outras, como a lei de incendios, derogadas; e outras, como SEAGA, pervertidas e infrautilizadas.

Mediante lei de montes, de 2012, o PP introduciu unha serie de modificacións na lei de incendios que acabaron por deturpar a filosofía da mesma, así como baleirar de contido das medidas adoptadas, o que supuxo, na practica, a súa derogación.

A lei de montes do PP desordena o espazo rural (favorece a forestación de terras agrarias); rebaixa as medidas preventivas (distancias); induce ao monocultivo de especies como o eucalipto, para favorecer os intereses de ENCE; e, polo tanto, propicia que se propaguen os grandes incendios forestais.

Soamente un mundo rural vivo e habitado, con un espazo rural e un monte ordenado, ben xestionado e multifuncional pode ser a mellor garantía para evitar que ocorran incendios de grandes dimensións, como pasou en Galiza no 2006 e este 2017 en Portugal.