Manifestación nacional en defensa da sanidade pública

No domingo, 10 de febreiro, convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, desenvolverase unha manifestación nacional en Compostela a partir das 12 da mañá e con saída na Alameda compostelá en defensa da sanidade pública galega. A Unión do Povo Galego apoia esta convocatoria e anima o conxunto do povo galego a participar activamente nela e a espallar a convocatoria.

Desde o ano 2009 o PP leva desenvolvendo unha política de recortes e privatizacións na sanidade pública galega que está ocasionando un enorme deterioro do servizo e pondo en risco a saúde e a vida das persoas.

A política sanitaria de Núñez Feixóo á fronte da Xunta de Galiza ao longo destes anos está poñendo contra as cordas a sanidade pública e ten un fin moi claro: a privatización e o desmantelamento do sistema sanitario público a base de recortes continuos e de pór os recursos da sanidade pública ao servizo de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas, converter o dereito á saúde nun beneficio lucrativo para grupos afíns. Favorecer que uns poucos fagan negocio a costa da enfermidade.

Durante os últimos  nove anos, o PP, con Nuñez Feixóo á  cabeza, impulsou  todo tipo de medidas que afondaron neste desmantelamento: redución de orzamentos, de centos de profesionais, de máis de 700 camas, privatización masiva de servizos, derivacións de doentes a centros privados, supresión de áreas sanitarias, desmantelamento de hospitais comarcais, precarización das condicións de traballo …

A Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes. Nos orzamentos da Xunta deste ano 2019 destínanse 188 millóns de euros menos que os que había en 2009, cun recorte acumulado de arredor de 2.188 millóns de euros. As consecuencias son tremendas: masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitucións, as listas de espera dunha semana, 10 días para o médico de familia, peche de axendas, saturacións, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas abandonadas durante horas, PACs ao limite…

Estamos nun momento crítico, onde a Xunta ten que dar explicacións e asumir as súas responsabilidades, ante uns feitos de máxima gravidade e rectificar. Por todo iso consideramos necesario apoiar a mobilización e a convocatoria de SOS Sanidade Pública para reclamar o fin destas políticas e a restauración dos dereitos sanitarios perdidos e a recuperación pública dos servizos privatizados.

Podes consultar aquí as propostas do BNG en relación coa Sanidade Pública