Militantes do BNG denunciados pola Fundación Franco e familiares do ditador pola acción simbólica no Pazo de Meirás

A Fundación Francisco Franco e familiares do ditador presentan unha denuncia a 19 militantes do BNG  pola acción simbólica desenvolvida a 30 de agosto de 2017 no Pazo de Meirás na imputan delitos que poderían sumar até 13 anos de prisión para cada unha,  247 para todas elas. Entre as persoas denunciadas están camaradas da UPG, entre eles o Secretario Xeral, Néstor Rego; os membros da Executiva Nacional do BNG, Bieito Lobeira e Rubén Cela; o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, e o ex Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo. Os nacionalistas despregaran dúas faixas -unha xigante a cubrir unha das torres do pazo, co slogan “O pazo é do pobo galego”-  e outra co lema “Que nos devolvan o roubado. Franquismo Nunca Máis”   un día en que o edificio estaba aberto ao público.

A seguir reproducimos a declaración realizada polas 19 persoas denunciadas pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador:

No pasado 30 de agosto de 2017 un grupo de persoas, galegas e galegos demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais, da memoria…  realizamos unha acción pacífica e simbólica, consistente en despregar dúas faixas no pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que cremos que debe ser do pobo galego, de todas as galegas e galegos. Consideramos que era preciso tomar a iniciativa para instar as institucións públicas que realmente teñen capacidade para o facer, a abandonaren a pasividade e a actuaren para rescatar o pazo e todo o patrimonio espoliado polo ditador Francisco Franco.

Foi, como dicimos unha acción pacífica, realizada nun día de visita pública, en que a obriga dos detentadores do pazo era telo aberto ao público como corresponde a un patrimonio declarado como Ben de Interese Cultural. A acción durou aproximadamente 2 horas e todas as persoas que participamos nela abandonamos o edificio e o recinto do pazo en presenza de axentes da Garda Civil da mesa maneira pacífica, sen ningún tipo de incidente nin de dano ao patrimonio.

Cremos que o motivo da nosa acción é partillado por unha inmensa maioría da sociedade galega, que considera inxusto que se manteña este patrimonio (como tamén a Casa de Cornide e as estatuas de Abrahan e Isaac do Pórtico da Gloria) nas mans dunha familia, a do ditador Francisco Franco, que accedeu a el de maneira ilexítima, amparándose no uso e abuso do poder (tamén asumido de maneira ilícita, por medio dun golpe de Estado) e no terror contra a poboación en que se sustentou o exercicio do poder naqueles anos. Neses días, foron moitas as persoas e colectivos que se dirixiron a nós para nos apoiar e nos felicitar por unha acción que viron con simpatía e entenderon oportuna e necesaria.

De facto esta ocupación simbólica de Meirás, que tivo repercusión internacional, reactivou o debate social e político sobre a recuperación do pazo e obrigou as institucións públicas a se manifestar e a actuar máis decididamente ou comezar a facelo, segundo os casos. É notorio que mesmo o Partido Popular, que nunca  manifestara ningún interese polo patrimonio espoliado polos Franco, tivo que asumir -sequera formalmente- no Parlamento da Galiza o obxectivo de recuperar Meirás para o pobo galego.

Así pois, todas as persoas que participamos nesa acción sentímonos lexitimamente orgullosas de ter asumido unha iniciativa que cumpriu plenamente o obxectivo de reforzar a demanda social de rescatar para o patrimonio público, de todas e todos, os bens espoliados polos Franco.

Pois ben, vimos de ter coñecemento, a partir dunha notificación xudicial do Xulgado de Betanzos, de que 19 persoas fomos denunciadas pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez-Bordiu Franco, neto do ditador. Os delitos de que nos acusan son os de VIOLACIÓN DE MORADA, co agravante de violencia ou intimidación, que segundo o Código Penal español está penado con prisión de 1 a 4 anos; DELITO CONTRA O HONOR con publicidade, penado con 6 meses a 2 anos ou multa de 12 a 24 meses; DANOS, na modalidade agravada, penado con prisión de 1 a 3 anos e multa de 12 a 24 meses; e DELITO DE ODIO,  penado con prisión de 1 a 4 anos e multa de 6 a 12 meses.

Reparemos en que os delitos de que somos acusados por unha Fundación que realiza apoloxía do fascismo e pola filla e neto do ditador suman, no mínimo, 3 anos e 6 meses e poderían chegar até os 13 anos de prisión para cada unha das persoas denunciadas, para alén de multa nunha cantidade indeterminada. Estamos a falar de que, para todos nós, poderíamos sumar até 247 anos de prisión e por volta de medio millón de euros de multa.

Loxicamente, esperamos que isto non sexa así. Achamos que unha actuación como esta é unha verdadeira barbaridade do punto de vista tanto político canto xurídico. Politicamente resulta absolutamente lacerante -e sorprendente para calquera persoa simplemente demócrata que viva noutras latitudes diferentes das do Estado español- que os bens espoliados polo ditador continúen nas mans da súa familia e non tivesen pasado ao patrimonio público no final da ditadura. É unha cuestión que vai alén do valor real, mesmo patrimonial, deses bens, para alcanzar simbolicamente unha dimensión política excepcional.

Achamos que a continuidade desas propiedades na familia Franco simboliza magnificamente a continuidade das estruturas de poder real da ditadura -quer no ámbito económico, no xudicial, no mediático e mesmo en moitos aspectos no político- que foron herdadas polo réxime de 78 aínda vigorante e que produciron unha democracia de moi baixa calidade que fai que, 40 anos despois, no Estado español se continúe perseguindo a liberdade de expresión e encarcerando persoas polas súas opinións e polas súas ideas políticas.

Mais é especialmente lacerante para as vítimas do franquismo, aínda non restituídas na súa dignidade individual e colectiva polo Estado. Lembremos que estamos a falar dunha actuación criminal, dun golpe de estado que provocou millares de mortos na Galiza, unha guerra de tres anos e unha ditadura brutal que cerceou a liberdade e os dereitos no Estado español durante 40 anos. Rescatar o Pazo de Meirás, a Casa de Cornide e as estatuas do Pórtico da Gloria é, nesa medida, unha incontornábel exixencia democrática e unha maneira de facer xustiza ás vítimas directas do espolio e á totalidade de vítimas do franquismo. É, por tanto, tamén unha magnífica forma de restituír a memoria democrática e a dignidade colectiva.

Mais, como diciamos, tamén achamos a acusación unha barbaridade do punto de vista xurídico. Queremos remarcar algunhas cuestións ben evidentes. Primeiro, a acción simbólica foi levada a cabo nun día previsto como de visita, polo que dificilmente poderá considerarse violación de morada entrar nun edificio que ese día está aberto ao público. Non houbo, aliás, ningún tipo de violencia, como ficou constatado mesmo polos medios de comunicación alí presentes. Foi, insistimos unha acción pacífica e simbólica.

Segundo, durante o transcurso da acción non se produciu ningún dano. Unha parte do grupo despregou unha faixa no exterior do edificio en canto outra nos limitamos a subir directamente á torre para despregar unha segunda faixa e baixamos de alí escoltados por axentes da Garda Civil até o exterior do recinto.

Terceiro, resulta no mínimo irónico que unha Fundación que se dedica a realizar apoloxía do fascismo e da ditadura (para máis vergoña democrática, con diñeiro público atribuído polo Goberno español) e que nos días previos á acción manifestou publicamente que o seu obxectivo coas visitas era  ‘exaltar’ a figura do ditador acuse persoas demócratas dun delito de odio ou de atentado contra o honor. É o mundo ao revés. Achamos que politicamente isto non merece máis comentario.

Así pois, entendemos que as acusacións feitas carecen de fundamento e esperamos que finalmente a acción realizada sexa considerada como o que realmente foi: un acto pacífico e democrático para expresar e defender unha posición que sabemos compartida por todas as persoas demócratas deste país. Un acto, en definitiva, que debe ser entendido dentro do exercicio democrático da liberdade de expresión.

Con todo, consideramos preocupante que unha fundación que, polos seus obxectivos de realizar apoloxía do fascismo e da ditadura, non debería existir -que non podería existir legalmente en ningún outro Estado europeo- e a familia do ditador que se aproveita e beneficia do botín de guerra, realicen acusacións tan graves e infundadas.

Para nós é claro que isto só se pode entender no contexto político e xudicial que viñemos vivindo nestes anos, en que a elite política e económica se sabe amparada e protexida por unha administración de xustiza que non foi democratizada no fin da ditadura e que tivo plena liberdade para se reproducir nas mesmas chaves ideolóxicas. Moitas decisións xudiciais e sentenzas que levamos vivido nos últimos tempos, claramente contra a liberdade de expresión e de opinión, foron certificando que a xustiza no Estado español nin é ‘igual para todos’ -como sempre predican-, nin é independente e que cando é preciso actúa ao ditado dos intereses do réxime.

O noso compromiso político con este País  -o mesmo que nos moveu á acción simbólica de Meirás- lévamos a denunciar esta situación e a traballar para mudala. Como nacionalistas sabemos que a única maneira de aspirarmos na Galiza a unha sociedade realmente democrática e a unha xustiza independente e xusta é por medio dunha ruptura democrática co réxime español de 78 e dun proceso constituínte no noso País que permita construír unha nación soberana, xusta, igualitaria e libre. Mais tamén cremos que é posíbel ir actuando no presente inmediato para comezar a mudar as cousas en sentido positivo e democratizador.

É por iso que aproveitamos esta comparecencia para exixir do goberno español a inmediata derrogación da lexislación que coarta dereitos e liberdades públicas tales como a liberdade de expresión, de opinión e de manifestación -particularmente a Lei de Seguranza Cidadá ou Lei da Mordaza-; que sexan liberadas todas as persoas inxustamente procesadas, condenadas ou encarceradas por motivos políticos e que se poña fin á represión da discrepancia e da disidencia.  Aínda sabendo que iso non é suficiente, cremos que é o mínimo que se debe facer por hixiene democrática.

Por último, queremos reiterar o noso orgullo por termos contribuído con esta acción a reactivar socialmente a demanda de devolución do Pazo e a colocala na axenda política nestes meses. Mais tamén o noso compromiso cunha loita que continúa sendo xusta e necesaria e que só finalizará cando todo o patrimonio espoliado sexa rescatado para o conxunto do pobo galego. Os slogans que ese día despregamos en Meirás seguen tendo plena vixencia: “O pazo é do pobo galego”. “Que nos devolvan o roubado”. Franquismo, Nunca Máis!”

Da mesma forma, queremos solicitar o apoio de todas as persoas, colectivos e institucións que, como nós, achen esta acusación inxusta e inadmisíbel. E non xa como mostra de solidariedade ás 19 persoas acusadas, senón como un acto necesario en defensa da democracia. Sabemos que nesta cuestión calquera persoa simplemente demócrata se sente interpelada, pois non é normal que á altura de 2018 haxa que continuar a ser anti-franquista. É claro que a acción xudicial que teremos que enfrontar e o seu resultado dirá moito da saúde democrática deste País. Nós esperamos que, fronte ao franquismo nominal e sociolóxico que se acha detrás da denuncia contra nós, acabe triunfando a xustiza e a democracia.