Mobilizacións sociais, eleccións municipais e defensa da soberanía, prioridades políticas. Resolucións do Comité Central

Na sesión do Comité Central do noso Partido realizada no pasado sábado 3 de febreiro analizamos o actual momento político e acordamos a liñas básicas de actuación para os vindeiros meses.

Persistir na defensa da soberanía

Hai 3 meses analizabamos que estabamos diante da maior crise política do rexime español en máis de 40 anos. Unha crise que, para alén de pór ao descuberto para sectores máis amplos da poboación o seu carácter profundamente antidemocrático, cuestionaba directamente a estrutura unitaria e imperialista do Estado español e colocaba sobre a mesa o debate sobre os dereitos das nacións. O Estado tentou resolver esa crise pola vía da forza e pola utilización descarada da vía xudicial con finalidade política. No entanto, a vitoria electoral das forzas independentistas catalás, que as coloca de novo na posición de recuperar o goberno e manter a confrontación co Estado español, confirma con claridade que a crise continúa.

Para o nacionalismo galego o resultado das eleccións na Cataluña supón novas oportunidades de colocar no debate os dereitos nacionais da Galiza, a necesidade de superar definitivamente o marco constitucional e estatutario e avanzar para a soberanía. No entanto, o que poda acontecer na Galiza vai depender exclusivamente de nós, de se mantemos o pulso e acertamos na maneira de actuar socialmente.

Nese sentido, entre outras liñas de actuación, a militancia do noso Partido ten que estar plenamente á disposición do BNG para garantir o suceso na difusión das Bases Democráticas e no lanzamento de propostas políticas que vinculen a solución de problemas sociais ao desenvolvemento das propostas recollidas nas Bases. Entendemos tamén que é oportuno aproveitar o debate sobre o novo modelo de financiamento para pór en cuestión o modelo actual e desenmascarar diante da sociedade galega a falacia de que somos un País subsidiado.

Tal e como sinalabamos na anterior resolución do Comité Central, desde o respecto á pluralidade do BNG -que tamén se reflicte, como ficou recollido nas Teses, en diferentes posibilidades de concreción da Galiza soberana- o Partido reafirma a necesidade de soster publicamente a defensa da soberanía e da independencia nacional, avaliando en cada momento o grao das intervencións públicas a desenvolver.

Contribuír para a preparación das eleccións municipais

O Consello Nacional do BNG acordou no pasado mes de xaneiro marcar como tarefa prioritaria a preparación das vindeiras Eleccións Municipais que, previsibelmente, coincidirán coas Eleccións ao Parlamento Europeo. O noso Partido concorda plenamente coa idea de que o traballo de cara á municipais é unha prioridade política e, nese sentido, o conxunto da militancia da UPG ficará á disposición dos órganos do BNG e da súa estrutura organizativa para traballar e colaborar activamente no deseño e programación acordada na dirección da fronte patriótica.

O noso empeño militante debe ser asegurar o suceso do obxectivo xeral marcado: fortalecer a posición política e organizativa do nacionalismo. E iso pasa por alcanzar o mellor resultado posíbel tanto en número de votos como en porcentaxe, número de concelleiras/os electas e electos, concellos en que se presentan candidaturas e en que se obten representación e número de alcaldías. É bon que eses obxectivos sexa cuantificados con realismo mais tamén encarados con ambición.

Traballar para o éxito dunha ampla e necesaria axenda social

A dinamización da conflitividade social é unha ferramenta valiosa, con moito potencial, para responder á ofensiva recentralizadora que estamos a vivir e unha das liñas fundamentais a considerar no labor para o avance social do nacionalismo, no camiño de facer que medre a consciencia nacional e tendo moi presente o momento político e social en que estamos.

O Partido participará activamente en todas as iniciativas coas que intensificar a mobilización e o traballo social. Cómpre definir as propostas políticas que deben ter tamén unha dimensión mobilizadora, evitando que fiquen só no ámbito institucional ou simplemente declarativo.

Neste sentido, entendemos que o noso esforzo militante ter como obxectivo traballar para o éxito das iniciativas políticas e mobilizacións populares articuladas, entre outros, arredor dos seguintes asuntos: Folga feminista de 8 de Marzo; defensa da sanidade pública galega; ILP en defensa do bosque autóctono; nova reforma das pensións, co conseguinte deterioramento do seu poder adquisitivo, e políticas públicas de atención ás persoas de máis idade; novas accións sociais en defensa do galego; campaña sobre o desemprego, a precariedade e a emigración; no ámbito xuvenil, mobilizacións no ensino público mais tamén en relación co desemprego e a emigración, que afecta especialmente a mocidade; infraestruturas de comunicación (AP-9; AG 52, FEVE…) e campaña contra a megaminaría e o proxecto de reapertura da mina de Touro – O Pino.

Mellorar a eficacia do traballo político

Un funcionamento organizativo áxil, rigoroso e non burocrático é esencial para garantir que o traballo político acordado se desenvolve con eficacia e cubra os obxectivos. Manter a capacidade de iniciativa, reforzar a presenza práctica no tecido social, garantir a execución e desenvolvemento das liñas definidas, debe ser sempre a preocupación da militancia do Partido e un parecer que trasladar ao conxunto do nacionalismo, aos compañeiros e compañeiras con que desenvolvemos o noso labor político.

Así pois, os órganos de zona e comarcais do Partido avaliarán autocriticamente o papel que a nosa militancia está a desenvolver no traballo organizativo e o cumprimento das responsabilidades políticas con vista a seren adoptadas as medidas precisas tendo en conta as prioridades do noso calendario para os próximos meses.

Outros acordos do Comité Central

Na sesión do Comité Central tamén foron aprobadas as contas do ano 2017 e o orzamento para 2018. En breve, e unha vez fiscalizados do polo Tribunal de Contas, serán publicados na nosa páxina web.

Así mesmo, o Comité Central coñeceu e avalou o acordo do Comité Nacional da UMG de realizar o XVII Congreso na primeira fin de semana de maio. Do mesmo modo, foi dada conta da convocatoria da Comisión Nacional de Mulleres do Partido e dos actos de homenaxe ao camarada Lois Obelleiro, a desenvolver no próximo 24 de febreiro en Soutomaior.