A mudanza que a Galiza precisa: romper a dependencia, asumir e exercer a soberanía

Ao fío do cambio de goberno en Madrid, que despertou expectativas nalgúns sectores sociais que achamos excesivas e infundadas, o Secretariado Político da UPG analizou o novo contexto político e tirou algunhas conclusións que queremos trasladar de maneira sintética para contribuír a un debate  que resulte esclarecedor en relación co traballo a abordar nos próximos tempos.

O desaloxo do Partido Popular e de Mariano Raxoi do Goberno español foi, con certeza, visto con simpatía pola maioría da poboación, tamén na sociedade galega. O PP tiña creado desde o poder institucional un ambiente asfixiante a partir dunha combinación de políticas antisociais, represión e cerceamento das liberdades e dereitos, recentralización e atizamento do españolismo e corrupción xeneralizada. As consecuencias destas políticas para o noso País e para a nosa xente están a ser tremendamente negativas en todos os ámbitos.

O nacionalismo galego contribuíu activamente coa resposta mobilizadora na rúa a estender a demanda social de mudanza política que implicase tamén mudanza de políticas. Singularmente, cabe lembrar que foi a central sindical nacionalista CIG a única de todo o Estado que convocou unha Folga Xeral para contestar, frear e reverter as políticas antisocias, antidemocráticas e antigalegas do goberno español. Aliás, o pobo galego mostrou nestes meses unha extraordinaria capacidade de mobilización e deu unha grande resposta reivindicativa, que debe ter continuidade.

E debe tela porque, infelizmente, o cambio de goberno non vai presupor unha mudanza substancial nas políticas fundamentais que determinan a situación de dependencia política do noso País nin tampouco nas principais orientacións económicas e sociais estabelecidas. Nun momento de crise profunda, o rexime de 78 estaba precisado dunha mudanza formal que lle permitise recuperar credibilidade perdida para se manter no esencial. Así pois, trátase apenas dunha remuda de partidos dentro do rexime que non vai afectar no esencial nin as estruturas do sistema político constitucional español nin os dogmas do sistema capitalista en materia económica e social impostos vía Unión Europea.

As políticas que tradicionalmente defendeu o Partido Socialista, a súa propia traxectoria nos anos en que gobernou e o apoio incondicional que deu ás principais medidas políticas e económicas dos gobernos do PP e ás peores decisións contra a vontade soberana e democrática do pobo de Cataluña -incluída a aplicación do 155, o encarceramento de dirixentes independentistas e a represión contra a poboación- indican ás claras o que podemos esperar do novo goberno do PSOE, para alén medidas cosméticas ou de mínima exixencia democrática.

Nunca foi práctica do noso partido desprezar mudanzas positivas por moi pequenas ou parciais que fosen, mais xa advertimos que non se pode confundir a política de xestos, encamiñada a mellorar a imaxe do rexime e a fortalecer as expectativas electorais do PSOE, coas transformacións profundas que precisa o noso País para realmente poder superar os desafíos a que nos enfrontamos como povo. Mesmo anuncios realizados como a reforma constitucional en sentido “federal” deben ser entendidos como facendo parte da mesma estratexia, pois ademais de que non sería solución à lexítima aspiración das nacións à autodeterminación e a poder decidir libremente sobre os seus asuntos, tal reforma é claramente inviábel na actual correlación de forzas parlamentares.

De calquera maneira, entendemos absolutamente necesario manter a tensión reivindicativa da sociedade galega e do próprio País. Neste sentido, apoiaremos activamente a Axenda Galega que está a colocar sobre a mesa o BNG e que recolle propostas tácticas en relación con problemas sociais e económicos que precisan de urxente resolución, mais que tamén incorpora a perspectiva estratéxica de camiñar cara a un novo marco político que garanta a capacidade real de decidir da nación galega. Do mesmo modo, expresamos o noso firme compromiso no apoio à mobilización social para exixir a recuperación de dereitos colectivos e a conquista de novos avances sociais, a comezar pola xornada de loita que a CIG ten convocada no 19 de xuño. Temos a certeza de que este é o único camiño que garante que algunhas mudanzas cheguen a ser posíbeis.

En todo o caso, como partido entendemos que tamén é necesario manter e acrecentar o debate social sobre a necesidade da ruptura da dependencia política que padece o noso País por medio da asunción e exercicio da soberanía, como única forma de poder superar as limitacións que nos impón o modelo autonómico e constitucional español que nos afectan non apenas no político, senón tamén no económico e social, no cultural ou no lingüístico. O debate sobre os dereitos colectivos das nacións vai continuar presente nos próximos meses e a Galiza ten de estar aí con voz propia. É verdade que o esencial é que consigamos levar as nosas razóns á sociedade galega e que consigamos xuntar povo para a nosa causa. Mais non é menos certo que para o conseguir é importante poder utilizar todos os resortes políticos, organizativos, sociais e institucionais ao noso alcance.

Nese sentido, se algo evidenciou o debate da moción de censura foi a ausencia no Congreso dos Deputados da voz soberana da Galiza que defendese alí os nosos intereses como povo. Mais unha vez, ficou en evidencia o papel subordinado da representación galega das forzas políticas  españolas, que renunciou, en todos os casos, a ser interlocutor soberano da nación galega, como sempre fixera o BNG. Así pois, recuperar a representación nacionalista en Madrid tórnase un obxectivo fundamental como medio de reforzar as dinámicas políticas propias, fortalecer a autoorganización do povo galego e dotar de máis impulso a loita pola soberanía.

En definitiva, sabemos que a mudanza que o noso País precisa é estrutural e que ten a ver coa nosa capacidade de actuación e de decisión como nación. En consecuencia, as nosas tarefas políticas após o cambio de goberno en España continúan sendo as mesmas: traballar no povo para organizar e alentar a mobilización social, alargar a conciencia nacional, robustecer a autoorganización e dar pasos adiante no camiño da independencia nacional para podermos construír unha sociedade galega realmente democrática, xusta e igualitaria nunha Galiza libre.