Na defensa da Terra! (As Encrobas, Xove, Baldaio)

O 22 de abril celébrase o Día Internacional da  Terra. Non é ese o motivo polo que hoxe publicamos na web o audivisual “Na defensa da terra”.  Trátase dun video realizado en formato VHS pola Unión do Povo Galego en  novembro de 1994, a partir de imaxes do arquivo da UPG e  que foron filmadas en super 8 por Carlos Varela (1945-1980).

Para un partido que se define como socialista, a defensa do medio ambiente non é unha mercadoria electoral que se ofrece nos días de campaña. Ten que estar presente día si e día tamén. Está na nosa xénese igual que na do conxunto do movemento nacionalista galego que en canto tivo corpo organizativo tomou como bandeira a defensa do territorio nas distintas batallas da década dos 70 e coas que, convén lembralo, a día de hoxe non hai ningunha central nuclear en territorio galego.

A través de tres manifestacións, o video recolle outras tantas loitas  significativas da segunda metade da década dos 70: a resistencia nas Encrobas, a  ocupación da parroquia, a oposición á central nuclear de Xove, a  recuperación para o pobo do litoral de Baldaio. Fitos irrenunciábeis da  nosa historia recente, cobran emotiva presenza grazas aos impresionantes  documentos gravados pola (ás veces heroica) cámara de Carlos Varela.