Néstor Rego participa no Foro Internacional organizado en Compostela polo IGADI coa Academia de Ciencias Sociais da China

O próximo 6 de outubro en Santiago de Compostela terá lugar un Foro sobre as oportunidades que representa para Galicia e Europa a iniciativa da Ruta da Seda. A actividade está organizada polo IGADI e a Academia de Ciencias Sociais da China, contando coa colaboración de Casa Asia.

No evento participará o noso Secretario Xeral, Néstor Rego, que moderará un dos catro paneis nos que está dividido o foro e no que tamén participará unha ampla comitiva chinesa integrada por máis de medio cento de especialistas procedentes de diferentes institutos da citada Academia (de Estudos da Información, de Filosofía, Estudos Ambientais e Urbanos), de seccións da Academia de provincias como Shandong ou Jiangsu, de medios de comunicación como o Public Daily, ou das Universidades de Dalian, Guangdong, Chongqing, Nanjing, Anhui, Henan, Xinjiang, Yunnan e Xian.

Por outra banda, participarán tamén especialistas das tres universidades galegas, da Complutense e da Autónoma de Barcelona, entre outros.

Neste 2017, o Foro celébrase igualmente en París e Roma co rótulo común “Foro europeo sobre o modelo de desenvolvemento chinés”.

A ocasión representa unha oportunidade para afondar de primeira man sobre a realidade chinesa actual na véspera do XIX Congreso do Partido Comunista, que se levará a cabo a partir do 18 de outubro en Beijing; tamén para explorar as posibilidades de Galicia en relación ao citado proxecto da Franxa e a Ruta.

A elección de Galicia e Santiago de Compostela como sede do Foro é froito da colaboración de longa data entre o IGADI, nomeadamente o seu Observatorio de la Política China, e a CASS, o principal think tank de China.

Información tirada da páxina do IGADI onde se pode coñecer o programa completo: http://www.igadi.org/web/noticias/foro-en-compostela-coa-academia-de-ciencias-sociais-da-china