Análises e resolucións do Comité Central do Partido reunido no mes de novembro
Nos últimos dous anos o BNG deu pasos importantísimos para reafirmar socialmente o perfil nacionalista, asentar -no mínimo no noso campo- o principio da autorganización e unha práctica en coherencia, consolidar a unidade interna, recuperar iniciativa e iniciar tamén a recuperación de apoios sociais e electorais… Con todo, este camiño de recuperación e avance do nacionalismo non estivo nin está exento de dificultades, quer polas circunstancias externas quer polas nosas propias debilidades. Sobre as primeiras debemos sempre tentar actuar para vencelas. No que ten a ver coas segundas temos a firme determinación de contribuír para superalas o antes posíbel, pois esa é a premisa para podermos avanzar.
É por iso que, nun momento especialmente complexo, tanto por razóns obxectivas como subxectivas ou de conciencia social, en que o nacionalismo ten importantes obxectivos políticos, sociais e electorais no horizonte, debemos estar especialmente preocupados por acertar na maneira de encaralos para lograr que redunden en aumento da organización, da conciencia nacional e do apoio social ao movemento nacionalista.
Nese sentido, os procesos electorais que temos pola frente son unha boa oportunidade para incidir na actividade de organización social, para alargar a organización e a presenza do nacionalismo. Tamén para a clarificación da situación política do País, pois é claro que, polo contexto en que se producen, estas as eleccións municipais van máis alá dun proceso puramente local. É, pois, fundamental incentivar o debate político e ideolóxico e a defensa de alternativas que, referidas á modificación da realidade actual da Galiza, vaian acompañadas ou situadas dentro dunha estratexia que contemple obxectivos máis a longo prazo e que signifiquen contradición ou ruptura co marco vixente.
Entendemos que é preciso facer incidir o discurso especialmente na necesidade dunha forza política nacionalista, denunciando coa máxima claridade e contundencia a onde levou a política de unidade coa esquerda española: anular a presenza de Galiza como nación na política estatal, crear máis abulia e desnacionalización dentro e incitar a deixar o futuro de Galiza nas mans de fóra. O discurso forte do nacionalismo, con linguaxe clara e en chave galega é a mellor maneira de evidenciar que hai política diferente e propia, que non é asimilábel a ningunha outra.
As próximas eleccións europeas permitirán ao nacionalismo dar un paso nunha liña de acción que debe ter continuidade no futuro: a articulación dunha alianza política -con perspectiva de permanencia- das forzas soberanistas da Galiza, Euskalherria e Cataluña, co obxectivo de fortelecer os movementos de liberación nacional das tres nacións. A crítica ao que representa a UE como alianza ao servizo dos intereses das oligarquías e do imperialismo e frente a iso a soberanía das nacións e os intereses populares debe constituír o eixo da actuación política do nacionalismo neste ámbito.
No que atinxe o traballo político e social nos próximos meses, debemos ter presente que o nacionalismo ten en andamento importantes obxectivos políticos e sociais, para alén dos electorais, que non debemos deixar nunca de lado, pois se os lograrmos concluír con éxito permitirán maior capacidade de influencia e o avance das posicións nacionalistas na sociedade galega. Alén diso, debemos procurar axustar adecuadamente na práctica política o xogo entre táctica e estratexia. Deixando sempre claro a defensa do dereito de autodeterminación e que o noso obxectivo estratéxico é unha República da Galiza soberana, debemos promover actuacións tácticas que cuestionen a submisión a Madrid e o impasse político en que a Galiza está ancorada, aínda que sexa só para provocar un debate social que evidencie as contradicións das forzas de obediencia española e as limitacións dun rexime político incapaz de aceptar a mínima mudanza positiva. Nesa mesma liña, contribuír activamente para organizar o descontentamento social contra as políticas antisociais e antigalegas do rexime español, fortalecendo a mobilización social debe ser unha preocupación permanente do noso traballo militante.
Aliás, debemos estar preparados para un deterioro da vida económica, social e política no Estado español aínda maior, que poda afectar a nosa actuación social e institucional. Tamén para a probabilidade de se produciren escenarios de conflitividade política que anulen ou desvirtúen aínda máis o valor da presenza nas institucións. É claro que estamos asistindo a un auxe público das posicións ultra-reaccionarias, avivadas pola apoteose de españolismo promovido polas forzas do rexime, que coloca o debate político no Estado español nunha vía de irracionalidade e de exasperación represiva que aínda se pode agravar. Eis máis unha razón para tentar fortalecer todo o posíbel a nosa estrutura de presenza, influencia e intervención social, para podermos mellor responder e encarar os desafíos que veñan por diante.