8 de marzo. Día internacional da muller traballadora.

Desde hai máis de un século, o 8 de marzo é unha xornada de reivindicación e loita das mulleres para exixir igualdade de dereitos. Mais nos últimos anos a conmemoración desta data está a tentar ser utilizada por parte do capitalismo de forma banal, comercializándoa, aproveitando para nos vender produtos, converténdoa nunha data de celebración e de felicitación estereotipada, para lle tentar tirar o carácter – que sempre tivo e continuará a ter- de combate e denuncia da situación de opresión e explotación das traballadoras, e da discriminación e violencia exercida contra as mulleres polo mero feito de o seren. Ler máis

Presentación pública de Vía Galega, Plataforma para a defensa dos dereitos nacionais da Galiza

Este sábado 3 de marzo en Compostela realizouse a presentación pública de Vía Galega. Plataforma en defensa dos dereitos nacionais da Galiza coincidindo co 162 aniversario do Banquete de Conxo. Máis de 200 persoas asistiron ao acto no que se explicou o propósito das mais de 50 entidades que forman a plataforma de se constituír nunha iniciativa social ampla e plural para traballar pola defensa dos intereses da Galiza e polo recoñecemento dos dereitos que como nación lle corresponden, entre eles o dereito de autodeterminación.

Somos unha nación. Temos dereitos. Fagamos ouvir a nosa voz é o título do manifesto de Vía Galega que foi repartido durante a presentación que foi conducida por Xurxo Souto, e contou coas intervencións de Suso Seixo (Fundación Moncho Reboiras), María Xosé Bravo (Galiza Cultura), Bruno Lopes Teixeiro (Fundación Artábria), Susana Méndez (CIG), María Bará (ERGUER) e Antón Laxe (Fundación Manuel María).

Explicouse que Vía Galega non pretende ocupar o espazo de ninguén e tamén non ten ningunha pretensión electoral, senón que nace para traballar para afortalar a conciencia nacional na sociedade galega e agrupar os esforzos para lograr que chegue a ser “socialmente maioriaria”.

Para alén da conformación como Plataforma integrada por entidades colectivas, Vía Galego incentiva tamén a adhesión individual, que é posíbel realizar através dun formulario na súa páxina web, viagalega.gal.

Homenaxe a Lois Obelleiro

Cando se fan dez anos do pasamento do noso camarada Lois Obelleiro, os seus compañeiros e compañeiras de Soutomaior teñen organizado un acto de homenaxe na súa memoria. O acto terá lugar no sábado 24 de febreiro, ás 20 h. no Multiusos de Arcade, e nel será presentado o libro “Lois Obelleiro: compromiso e loita”. Posteriormente, ás 20 horas, decorrerá una cea no Castelo de Soutomaior (Prezo 25€, anotarse antes de 21 de febreiro no tlf: 986 866 205, no correo electrónico pontevedra@bng.gal ou no whatsApp: 620 263 802).

Para a Unión do Povo Galego Lois Obelleiro será sempre una figura senlleira, merecedora de recoñecemento e un exemplo a seguir de compromiso, amor á terra e camaradería. De seguido lembramos dunha forma resumida a súa traxectoria biográfica e política. Aínda que non sexa posíbel recoller a súa extraordinaria personalidade, máis alá da súa traxectoria intelectual e política, queremos destacar a súa calidade humana caracterizada pola súa afabilidade, os seu bo carácter e trato persoal e a súa responsabilidade e sacrificada entrega persoal ás causas nas que cría.

Lois Obelleiro Piñón naceu en Arcade (Soutomaior) no ano 1953, finando no 21 de febreiro de 2008 e deixando un oco moi grande, insustituíbel tanto a nível persoal como intelectual e político, só atenuado pola lembranza da súa traxectoria vital e polo recoñecemento que a historia dá e sempre dará á súa persoa.

Doutorouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago. Impartiu aulas en varios institutos sendo o último o IES Torrente Ballester de Pontevedra. Mais, para alén da súa actividade profesional como ensinante colaborou en múltiplos traballos de material didáctico e varios libros sobre a historia de Galiza.

Entre as súas obras podemos destacar Soutomaior. 1700-1936. Aproximación á historia local (1994), As escolas de fundación no Concello da Lama (1998), Historia de Galiza (1991) e Historia Xeral de Galiza (1997) como coautor. A súa última obra foi As escolas de fundación en Galiza. Unha necesidade social de alfabetización (2007).

Con Francisco Carballo levantou a colección de Historia de A Nosa Terra, formando parte do seu Consello Asesor.

Completamos esta biografía coa traxectoria política de Lois Obelleiro, dilatada a pesar da súa prematura morte, e densa por estarmos a falar dun home que achegou o máximo cuantitativa e cualitativamente ao nacionalismo galego en practicamente todas as súas frontes.

Lois Obelleiro iniciou novo a militancia patriótica pois no ano 1974 comeza a traballar na formación e consolidación do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e da Intersindical Nacional Galega (ING), especialmente en Soutomaior e nos concellos veciños. Nese ano de 1974 comeza tamén a súa militancia na UPG, militancia que mantivo toda a súa vida. Aliás, foi membro do seu Comité Central e do seu Secretariado Político.

Desde cedo implicouse como activista en diferentes conflitos sociais e participou activamente na creación e consolidación da AN-PG, do BN-PG, da coalición Bloque – PSG e do BNG. No BNG foi membro do Consello Nacional e da Permanente, Secretario de Organización e de Política Municipal e representante do BNG no Consello da CRTVG. Exerceu como concelleiro nacionalista na corporación municipal de Soutomaior entre 1979 e 2000.

Tamén foi membro do Padroado e Secretario da Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas.

Presentación na Coruña do número monográfico do Terra e Tempo sobre a Revolución de Outubro

Esta quinta feira, 15 de febreiro, ás 20h na AC Alexandre Bóveda da Coruña (Rúa Olmos nº 16), teremos a presentación do número monográfico da revista Terra e Tempo sobre a revolución de outubro, que baixo o título “A Revolución Soviética e a cuestión nacional” analiza a estreita relación existente entre a revolución rusa, o marxismo e a cuestión nacional.

Contaremos coas intervencións de Duarte Correa, coordinador do volume e Néstor Rego, Secretario Xeral da UPG.

Con este acto rematamos as presentación deste número monográfico da revista Terra e Tempo que realizamos polo conxunto da nosa nación para dar a coñecer este relevante traballo. En breve presentaremos o novo número da nosa revista.

Máis información sobre este volume monográfico sobre a revolución de outubro en : http://upg.gal/revolucion-sovietica-cuestion-nacional/

 

 

Mobilizacións sociais, eleccións municipais e defensa da soberanía, prioridades políticas. Resolucións do Comité Central

Na sesión do Comité Central do noso Partido realizada no pasado sábado 3 de febreiro analizamos o actual momento político e acordamos a liñas básicas de actuación para os vindeiros meses.

Persistir na defensa da soberanía

Hai 3 meses analizabamos que estabamos diante da maior crise política do rexime español en máis de 40 anos. Unha crise que, para alén de pór ao descuberto para sectores máis amplos da poboación o seu carácter profundamente antidemocrático, cuestionaba directamente a estrutura unitaria e imperialista do Estado español e colocaba sobre a mesa o debate sobre os dereitos das nacións. O Estado tentou resolver esa crise pola vía da forza e pola utilización descarada da vía xudicial con finalidade política. No entanto, a vitoria electoral das forzas independentistas catalás, que as coloca de novo na posición de recuperar o goberno e manter a confrontación co Estado español, confirma con claridade que a crise continúa.

Para o nacionalismo galego o resultado das eleccións na Cataluña supón novas oportunidades de colocar no debate os dereitos nacionais da Galiza, a necesidade de superar definitivamente o marco constitucional e estatutario e avanzar para a soberanía. No entanto, o que poda acontecer na Galiza vai depender exclusivamente de nós, de se mantemos o pulso e acertamos na maneira de actuar socialmente.

Nese sentido, entre outras liñas de actuación, a militancia do noso Partido ten que estar plenamente á disposición do BNG para garantir o suceso na difusión das Bases Democráticas e no lanzamento de propostas políticas que vinculen a solución de problemas sociais ao desenvolvemento das propostas recollidas nas Bases. Entendemos tamén que é oportuno aproveitar o debate sobre o novo modelo de financiamento para pór en cuestión o modelo actual e desenmascarar diante da sociedade galega a falacia de que somos un País subsidiado.

Tal e como sinalabamos na anterior resolución do Comité Central, desde o respecto á pluralidade do BNG -que tamén se reflicte, como ficou recollido nas Teses, en diferentes posibilidades de concreción da Galiza soberana- o Partido reafirma a necesidade de soster publicamente a defensa da soberanía e da independencia nacional, avaliando en cada momento o grao das intervencións públicas a desenvolver.

Contribuír para a preparación das eleccións municipais

O Consello Nacional do BNG acordou no pasado mes de xaneiro marcar como tarefa prioritaria a preparación das vindeiras Eleccións Municipais que, previsibelmente, coincidirán coas Eleccións ao Parlamento Europeo. O noso Partido concorda plenamente coa idea de que o traballo de cara á municipais é unha prioridade política e, nese sentido, o conxunto da militancia da UPG ficará á disposición dos órganos do BNG e da súa estrutura organizativa para traballar e colaborar activamente no deseño e programación acordada na dirección da fronte patriótica.

O noso empeño militante debe ser asegurar o suceso do obxectivo xeral marcado: fortalecer a posición política e organizativa do nacionalismo. E iso pasa por alcanzar o mellor resultado posíbel tanto en número de votos como en porcentaxe, número de concelleiras/os electas e electos, concellos en que se presentan candidaturas e en que se obten representación e número de alcaldías. É bon que eses obxectivos sexa cuantificados con realismo mais tamén encarados con ambición.

Traballar para o éxito dunha ampla e necesaria axenda social

A dinamización da conflitividade social é unha ferramenta valiosa, con moito potencial, para responder á ofensiva recentralizadora que estamos a vivir e unha das liñas fundamentais a considerar no labor para o avance social do nacionalismo, no camiño de facer que medre a consciencia nacional e tendo moi presente o momento político e social en que estamos.

O Partido participará activamente en todas as iniciativas coas que intensificar a mobilización e o traballo social. Cómpre definir as propostas políticas que deben ter tamén unha dimensión mobilizadora, evitando que fiquen só no ámbito institucional ou simplemente declarativo.

Neste sentido, entendemos que o noso esforzo militante ter como obxectivo traballar para o éxito das iniciativas políticas e mobilizacións populares articuladas, entre outros, arredor dos seguintes asuntos: Folga feminista de 8 de Marzo; defensa da sanidade pública galega; ILP en defensa do bosque autóctono; nova reforma das pensións, co conseguinte deterioramento do seu poder adquisitivo, e políticas públicas de atención ás persoas de máis idade; novas accións sociais en defensa do galego; campaña sobre o desemprego, a precariedade e a emigración; no ámbito xuvenil, mobilizacións no ensino público mais tamén en relación co desemprego e a emigración, que afecta especialmente a mocidade; infraestruturas de comunicación (AP-9; AG 52, FEVE…) e campaña contra a megaminaría e o proxecto de reapertura da mina de Touro – O Pino.

Mellorar a eficacia do traballo político

Un funcionamento organizativo áxil, rigoroso e non burocrático é esencial para garantir que o traballo político acordado se desenvolve con eficacia e cubra os obxectivos. Manter a capacidade de iniciativa, reforzar a presenza práctica no tecido social, garantir a execución e desenvolvemento das liñas definidas, debe ser sempre a preocupación da militancia do Partido e un parecer que trasladar ao conxunto do nacionalismo, aos compañeiros e compañeiras con que desenvolvemos o noso labor político.

Así pois, os órganos de zona e comarcais do Partido avaliarán autocriticamente o papel que a nosa militancia está a desenvolver no traballo organizativo e o cumprimento das responsabilidades políticas con vista a seren adoptadas as medidas precisas tendo en conta as prioridades do noso calendario para os próximos meses.

Outros acordos do Comité Central

Na sesión do Comité Central tamén foron aprobadas as contas do ano 2017 e o orzamento para 2018. En breve, e unha vez fiscalizados do polo Tribunal de Contas, serán publicados na nosa páxina web.

Así mesmo, o Comité Central coñeceu e avalou o acordo do Comité Nacional da UMG de realizar o XVII Congreso na primeira fin de semana de maio. Do mesmo modo, foi dada conta da convocatoria da Comisión Nacional de Mulleres do Partido e dos actos de homenaxe ao camarada Lois Obelleiro, a desenvolver no próximo 24 de febreiro en Soutomaior.

Presentación en Lugo do número monográfico do Terra e Tempo sobre a Revolución de Outubro

Esta quinta feira, 8 de febreiro, ás 20h no Centro de Convivencia Maruxa Mallo de Lugo, teremos a presentación do número monográfico da revista Terra e Tempo sobre a revolución de outubro, que baixo o título “A Revolución Soviética e a cuestión nacional” analiza a estreita relación existente entre a revolución rusa, o marxismo e a cuestión nacional. Ler máis