O Foro Internacionalista da UPG bota a andar debullando a situación na Colombia

Con dúas palestras a cargo do xornalista e activista antiimperialista, Bruno Carvalho, decorridas nas cidades de Santiago de Compostela e Vigo, botou a andar o recén creado Foro Internacionalista promovido pola Unión do Povo Galego. Os actos realizados nas librarías Pedreira e Cartabón, o 27 e o 28 de abril respeitivamente, atinxiron unha asistencia numerosa visando o interese que suscita a cuestión internacional nun contexto global de forte volatilidade.

O Foro Internacionalista concíbese como un espazo co que o Partido tenciona “traer a Galiza a actualidade dos procesos e loitas patrióticas e antiimperialistas do mundo”, segundo explicou o secretario xeral da UPG, Néstor Rego. A respeito dos seus obxectivos, o secretario de relacións internacionais, Duarte Correa, acrecentou que
“non queremos dar todas as respostas, senón provocar preguntas que axuden a reflexionar e cuestionar a orde actual”, manifestando a vontade de continuidade do Foro.

En ambas as dúas palestras, Carvalho que estivo deslocado nun dos campamentos das FARC-EP durante tres semanas, explicou os riscos e oportunidades que para o povo colombiano, e singularmente as súas clases traballadoras, representa o proceso de paz en curso e co que se procura poñer fin a 50 anos de insurxencia armada. Un proceso, complexo e non exento de contradición, que no entanto “abre expectativas de paz e xustiza social”, segundo o xornalista.

Na súa explicación fixo fincapé no antecedente do fracasado proceso de paz de 1984, por causa da brutal represión exercida polo goberno e os paramilitares contra Marcha Patriótica, a organización política impulsada desde a guerrilla e o Partido Comunista de Colombia para transitar cara á participación institucional. Unha vaga represiva que se cobrou a vida de “cinco mil militantes, dous candidatos presidenciais e centos de cargos electos”, explicou. Nese sentido, Carvalho alertou de que o goberno de Juan Manuel Santos non está a cumprir cos compromisos adquiridos no acordo de paz e que se ten intensificado a violencia contra militantes e activistas de esquerda. “No que vai de ano foron asasinados xa máis de cen activistas”, denunciou lembrando que no país latinoamericano continúan a haber 10 mil presos políticos”. Malia a determinación da guerrilla de poñer fin de maneira definitiva ao conflito armado, o proceso de paz precisa da máxima solidariedade internacional para asegurar que “se cumpra o asinado”.