O Goberno Español é cómplice da ditadura marroquí

O goberno español denega o asilo ao activista sahariano Hassanna Aalia condenado a cadea perpetua por un tribunal militar marroquí


A Unión do Povo Galego denuncia a decisión do goberno español de denegar a concesión de asilo político Hassanna Aalia, activista sahariano que foi condenado por un tribunal militar marroquí a cadea perpetua por participar no campamento de protesta pacífica de Gdeim Izik en 2010.

Con esta decisión o goberno do estado español e o Partido Popular quitan a careta deixando clara a súa complicidade coa ditadura marroquí e demostrando que as declaracións solidarias que en distintas institucións teñen apoiado eran só para lavar a cara diante dunha opinión pública sensibilizada coa loita dun povo que loita polo exercicio do seu dereito de autodeterminación, un povo que as propias Nacións Unidas recoñecen como o único territorio pendente de descolonización do continente africano, unha colonia que tivo unha potencia colonizadora, o estado español, que se negou a favorecer a súa constitución en estado soberano.

Esta grave decisión vulnera o dereito internacional de asilo e pon en grave perigo a vida do mozo Hassanna Aalia ao obrigalo a abandonar o estado español en quince días quedando privado das garantías e da protección que conleva a figura de asilado.

Cando Hassanna Aalia visitou Galiza hai un ano xa lle amosamos o noso total apoio e daquela dixémoslle que a súa loita e a loita común do seu povo é tamén nosa, por iso nesta difícil situación persoal que vive queremos reiterarlle o noso total apoio, pois a súa figura hoxe exemplifica a loita de todo o povo sahariano que nunhas circunstancias moi duras tanto nos territorios ocupados como na diáspora se enfrontan á monarquía marroquí, un réxime ditatorial que vulnera todos os dereitos humanos, un réxime que co apoio de Francia, Estados Unidos e o Estado Español e coa pasividade das Nacións Unidas impide que se cumpran os acordos internacionais para o exercicio pleno do dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental.

Sabemos que a fronte patriótica BNG xa presentou iniciativas parlamentares de denuncia desta situación e de esixencia ao goberno español dunha rectificación que supoña a concesión de asilo a Hassanna Aalia e facemos un chamamento ao povo galego a mobilizarse en apoio da concesión dese asilo a Hassanna Aalia e en esixencia dunha pronta solución á situación do povo sahariano, unha solución que só pode ser o pleno recoñecemento da República Árabe Sahariana Democrática e o abandono dos seus territorios por parte do invasor marroquí.

Santiago de Compostela; 21 de xaneiro de 2015

Secretaría de Relacións Internacionais
Unión do Povo Galego