O nacionalismo pon na picota a herdanza do franquismo

A permanencia nas mans da familia Franco das propiedades espoliadas durante os anos da guerra e da ditadura é todo un símbolo de como o actual réxime político español, saído da chamada ‘transición’, non rompe co esencial -nin sequera no plano emblemático- da herdanza da ditadura franquista. O Estado español mantén o seu carácter autoritario, unitario e colonialista.

Reclamar a devolución ao pobo galego das propiedades roubadas polo ditador é unha cuestión de dignidade, de hixiene democrática e de xustiza. Mais adquire tamén o valor de cuestionamento dun sistema político que non pasa a proba de mínima decencia democrática; que nega os dereitos nacionais do pobo galego; que permite a existencia de organizacións e fundacións -como a FNFF- que realizan apoloxía do fascismo, do xenocidio cometido pola ditadura e que se permiten humillar as vítimas con total impunidade; que persegue o dereito democrático do voto e envía a Garda Civil a comisar papeletas electorais; que inhabilita cargos públicos públicos por defender a democracia e a soberanía, fecha xornais, encarcera xornalistas e conculca a diario dereitos fundamentais como a liberdade de expresión.

Por iso as accións levadas a cabo polo nacionalismo para recuperar os bens incautados polo franquismo gozan de apoio popular, provocan o entusiasmo de millares de demócratas e mesmo están a obrigar as outras forzas políticas a se posicionar en relación á devolución do roubado.

O pasado 30 de agosto militantes do BNG -entre os que se encontraban tres membros da Executiva Nacional: Bieito Lobeira, Rubén Cela e o noso Secretario Xeral, Néstor Rego ou o ex-Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo- entraban no Pazo de Meirás para colocar na torre unha bandeira patriótica e pendurar faixas cos lemas “O pazo é do pobo galego”, “Que nos devolvan o roubado” e “Franquismo nunca máis”. A acción tivo unha enorme repercusión mediática e acendeu as redes sociais con mensaxes de apoio, de recoñecemento e mesmo de agradecemento ao BNG e aos militantes que levaron a cabo a acción.

A esta actuación en relación con Meirás seguiu outra para reclamar a devolución de dúas esculturas do Pórtico da Gloria. No día 7 de setembro o BNG organizou un acto reivindicativo, encabezado pola Portavoz Nacional, Ana Pontón, para exixir que as dúas esculturas, obra do Mestre Mateo e de inmenso valor patrimonial e histórico-artístico, sexan devoltas ao Concello de Santiago. As dúas estatuas, que representan as figuras de Isaac e Abraham, foron ‘doadas’ pola Corporación franquista ao ditador en 1960 e áchanse actualmente facendo parte dunha exposición sobre a obra do Mestre Mateo aberta no Pazo de Xelmírez.

Aliás, o BNG levou xa mocións aos concellos, ao Parlamento da Galiza, ao Parlamento Europeo e anunciou unha denuncia ante a ONU. Ana Pontón, afirmou que “é unha vergoña democrática que permitamos que a familia Franco manteña bens que foron roubados ou espoliados ao pobo galego con total impunidade e resulta vergoñento que dende as institucións públicas non se mova un dedo para restituír a propiedade das figuras do Pórtico da Gloria, o Pazo de Meirás e a Casa de Cornide ao pobo galego. Esta situación -recalcou a Portavoz nacionalista-, constata até que punto a transición permitiu que os abusos do franquismo continuasen adiante”.

O nacionalismo continuará a loita para que o patrimonio ilegalmente incautado que aínda permanece nas mans da familia Franco reverta ao pobo galego. Mais tamén continuará a denunciar a connivencia do actual rexime político -agora xestionado polo PP en Madrid e na Galiza- que mantén esta situación e que mesmo permite a apoloxía do fascismo por parte dunha Fundación como a Francisco Franco que, lonxe de ser ilegal -como acontecería en calquera país relamente democrático-, funciona grazas ás subvencións públicas do Goberno do Estado.