Vimos de celebrar na pasada fin de semana o VII Congreso Confederal da CIG, un congreso que tivo por lema Coa CIG somos máis fortes e no que analizamos catro anos de intenso traballo sindical, catro anos nos que a nosa central sindical deu importantes pasos adiante conseguindo o apoio de novos sectores da clase traballadora galega que consideraron á CIG como o mellor instrumento para a loita diaria na defensa dos seus dereitos individuais e colectivos.

Que a CIG avanzara neste tempo non é calquera cousa pois como ben dicía o noso novo Secretario Xeral Paulo Carril no seu discurso de clausura, ser da CIG hoxe é un acto de heroísmo; hai persoas ás que ao mellor parécelles esaxerado empregar o termo heroísmo para designar á afiliación da CIG pero Paulo non esaxerou; ser da CIG é destacar na empresa, levar a etiqueta de perigoso contestatario e en non poucos casos saber que á mínima podes ser sancionado, discriminada, despedido ou despedida.

Ademais a patronal e o goberno galego saben que coa CIG non poden contar como compañeira de viaxe para a famosa concertación social, pois o noso sindicalismo non anda con panos quentes nin gusta do politicamente correcto. Tentamos chamarlle ás cousas polo seu nome, consideramos que é a confrontación a que fai avanzar á humanidade, pois fronte á explotación e ao empobrecemento só cabe a confrontación. Non acreditamos nesa idea que nos últimos tempos, por efecto do bombardeo ao que nos someten os instrumentos ideolóxicos do sistema, se está instalando en moitos traballadores e traballadoras de que os dereitos son concesións, e por tanto cando hai unha situación de crise debemos considerar lóxico que quen os concedeu ten a posibilidade de retiralos; para nós os dereitos son conquistas arrebatadas por medio da loita a quen buscan manter este sistema no que priman a desigualdade e o individualismo.

Fronte a quen falan de que o sindicalismo non debe ser político e debe simplemente atender aos problemas concretos de cada fábrica a CIG defende un sindicalismo politizado, un sindicalismo que estea na rúa, e que sendo efectivo na solución dos problemas concretos de cada centro de traballo sexa quen de elevar a conciencia de clase dos traballadores e traballadoras, politizándoos, de xeito que asuman e comprendan que a meirande parte dos seus problemas e das súas reivindicacións están enmarcadas nunha loita común contra o sistema capitalista.

A CIG é consciente ademais de que a loita internacional da clase traballadora debe empezar por ser unha loita nacional, como ben di o Manifesto Comunista; pois a clase traballadora galega ten uns problemas determinados derivados da realidade de Galiza, unha nación que sofre unha dependencia colonial; uns problemas que debe enfrontar erguendo alternativas que partan da nosa propia realidade e das nosas posibilidades, poñendo as nosas riquezas naturais a producir para o ben da colectividade e defendendo os nosos sinais de identidade e os nosos dereitos colectivos como clase e como pobo.

Con estes principios e con este xeito de actuar fomos quen de edificar o máis valioso instrumento da clase traballadora galega, unha central sindical que mantén o rumbo certo nun momento tan complexo como actual. E manter o rumbo non é doado, son moitos os atrancos, son moitos os intentos de debilitarnos, pois quen hoxe teñen o poder económico e político non poden permitir que haxa unha central sindical que lles afee esa imaxe dunha Galiza idílica, na que xa non hai nin crise, nin salarios de miseria, nin emigración de milleiros de mozos e mozas seguindo o camiño que hai décadas percorreron os seus pais e avós.

A construción do sindicalismo nacionalista galego foi, é e será un labor colectivo de traballadores traballadoras nos que agromou a semente de Amador, Daniel e Moncho, e no acto de clausura deste congreso rendemos unha sinxela e emotiva homenaxe a quen puxeron as bases para que a CIG sexa o que hoxe é. Un pequeno grupo de compañeiros e compañeiras que, con enorme sacrificio e grandes doses de ilusión, a finais dos anos setenta e inicios dos oitenta do século pasado, foron facéndolle un oco a propostas sindicais que tendo orixes diversas compartían un obxectivo que está plasmado hoxe no artigo 1 dos estatutos da CIG: crear “unha organización sindical dos traballadores e das traballadoras galegas, constituída para a mellor defensa dos seus intereses, desde unha perspectiva de clase que aspira a unha Galiza plenamente soberana e sen explotación.”

 

O orixinal encontrase en Terra e Tempo: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4622&seccion=4