Resulta difícil imaxinar un país que se aprecie en algo, cun mandatario, á súa fronte, que exprese, de forma tan cínica e lambida, como  Feixóo, o máis negativo da sociedade que representa institucionalmente. Sei que amplos sectores ilustrados de Galiza son refractarios a considerala unha colonia, e mostran o seu desagrado, incomodo ou ironía incrédula, se se pretender explicar algunhas actitudes e comportamentos persoais e colectivos respecto de nós mesmos como pobo, partindo do prisma dos efectos da colonización. Porén, de non crermos nalgunha característica racial, inherente ao nosos xenes, non queda máis remedio que recorrer a un esquema analítico proveitoso para realidades coloniais, para entendermos os efectos que caracterizan a nosa psicoloxía colectiva, a nosa forma de comportamento social, de maneira  tan singular e específica.

Aliás, os pobos colonizados, como todos, teñen os seus defectos e as súas virtudes. As políticas, as institucións, os distintos grupos sociais organizados e as persoas, podemos cultivar uns ou os outros, ou simplemente ofrecermos un abano ilustrativo das nosas contradicións. Cando o proceso de colonización está moi asentado e as súas consecuencias moi interiorizadas, colectivamente, como naturais, acontece que xa non é, de forma prioritaria, o deseño colonial obxectivo, a estrutura de poder, coas súas relacións de dependencia e subordinación en todas as ordes, a que funciona con especial eficacia e resorte exclusivo da forza para manter a colonización, por moito que a el remita en última instancia. Son os factores internos de autocolonización os máis eficaces para lexitimar e dar por naturais os efectos que o deseño colonial provoca. Poderíamos dicir que o colonizado é un poderoso factor, ideolóxico, moral e social, a prol de manter o statu quo , agravándoo progresivamente en todos os aspectos.

Este eficaz factor interno de colonización aparece, por exemplo, como moi relevante en relación coa a actitude que verbo da nosa lingua, foi asentándose en amplos sectores da sociedade galega: estrañamento como se nada tiver a ver con ela; negación do seu estado de prostración e reacción hostil perante o seu uso social, en todas as funcións e todos os ambientes, como un atrevemento ou aspiración  intolerábel ou impropia de persoa educada; inversión da realidade considerando imposición a limitada e marxinal aparición da lingua galega como vehícular no ensino e noutros servizos básicos; recurso ao criterio de liberdade de uso para impedir calquera proceso de normalización pública, nas institucións e servizos; carencia  de toda significación emocional ou simbólica positiva do galego como referente da propia realidade ou orixe. Como vemos, estamos perante unha versión máis alienada, dunha proxección práctica máis agresiva, exercida desde dentro dos propios colonizados, cunha aparente naturalidade social. A intencionalidade individual , máis ou menos consciente, con que estas condutas se expresan socialmente non invalida o seu obxectivo final: facer inviábel a restauración de uso do galego e acabar provocando a súa práctica desaparición.

Este individualismo extremo que se proxecta contra o idioma propio, facéndoo desaparecer ou facéndoo irrelevante, sen significado, como símbolo da nosa procedencia colectiva e síntoma da conciencia social sobre nós mesmos, é unha das características máis acusadas do actual Presidente da Xunta, o Sr. Núñez Feixóo. É o seu,  un  individualismo de trepador político desbocado ao servizo da colonización, que determina todos os seus comportamentos. Acompáñao un cinismo flegmático, capaz de enunciar sen inmutarse discursos morais ou políticos que agochan o contrario do que parecen dicir ou din colosais mentiras. Así, sabendo que a súa actitude perante o Goberno de España é da máis absoluta submisión e servilismo, non ten empacho, se as circunstancias apreman ou o esixen, en presentarse, de forma puntual,  como aparente reivindicador , a través de poses mediáticas, tratando de nos convencer da súa influencia política en Madrid en servizo de Galiza (lembremos a recente foto no Ministerio de Facenda con Montoro, as anteriores co Ministro de Fomento ou as recorrentes con Raxoi). Sempre é unha auténtica obra de simulación, con destino aos parvos indíxenas. Porén, esta suposta influencia, en canto a defensa dos intereses do pobo galego, é nula, pois el está ao servizo doutros intereses e ten outros obxectivos: velar pola unidade de España, expresar a conformidade  co noso papel nela, afortalar a mentalidade social de non termos capacidade económica para vivir por nós, a idea de vivirmos grazas aos subsidios de España…O obxectivo consiste en lexitimar  un deseño colonial que beneficia intereses oligárquicos, sempre reverencial con eles (por certo, oligarquías coas que se entrevista para a galería, desde os directivos de  Iberdrola, Banco de Santander ou Zara aos de  Ence ou Pescanova, pasando por Citroen ou a Igrexa Católica).

Por outra parte, é especialmente grimosa e irritante a insistencia coa que se mostra, con ar de suficiencia, como alumno avantaxado e modélico na aplicación  na Galiza da legalidade en materia de estabilidade orzamentaria, isto é, de déficit público e pago da débeda. Presume de bo facer, de xestión exemplar, lexitimando a política de recortes nos servizos básicos, e aínda enriba facendo comparanzas fraudulentas con outros, sen lle tremer a voz, pois sabe que goza dunha cobertura mediática que o protexe do descrédito máis absoluto  se houber coñecemento real da súa política fiscal, financeira, económica en xeral. Non contento con bendicir un sistema de financiamento insuficiente para atender debidamente os servizos públicos como sanidade, educación e servizos sociais, acode a pedir préstamos á Banca privada para poder atender gastos nestas materias, mesmo após facer graves recortes, pagando elevados intereses, no canto de facelo recorrendo a préstamos a baixo ou nulo interese do Ministerio de Facenda, postos a disposición de todas as CCAA, sabedor o Goberno de elas non contaren con suficiencia de ingresos para sufragar os gastos dos devanditos servizos básicos que lles foran transferidos. Pois ben, chegou a ter a cara dura de, unha vez outros, non só Catalunya, se beneficiaren de miles de millóns en condicións inmellorábeis, dicir que os que cumprían  co déficit e o pago da débeda tiñan que ser compensados, véndose abocado a, tarde, mal e a rastro, alén de en contía pírrica en comparanza  a todas as demais Comunidades Autónomas, recorrer aos préstamos do Ministerio de Facenda, que só por servir á política partidaria de intoxicar contra a Generalitat, rexeitara. A súa negación e desprezo polos intereses do país é directamente proporcional ao entusiasmo que gasta en coidar os seus persoais, presentándose como máximo campión en defensa do marco constitucional e autonómico e do ben e satisfeitos que estamos os galegos dentro del. Galiza vive no mellor dos mundos posíbeis.

Porén, esta súa conformidade, propia do colonizado resignado e colaboracionista, ben agresivo logo cos que intenten romper a orde existente, como bo servo da idea da España imperial, xustifica non poder solucionar ningún problema galego de certa entidade, pretextando que non ten competencias: desaparición das Caixas de Aforros, sector naval, pesqueiro, AP-9, sector lácteo, transporte ferroviario da antiga Feve, problema da pataca, pensionistas de Noruega….Causa estupor e vergoña o descaro impertérrito co que afirma que se trata de competencias estatais para xustificar a súa inacción e inutilidade…Claro que son competencias estatais, mentres non sexan propias. Porén négase en redondo a reivindicar a  ampliación de  competencias, pois Galiza non necesita máis, segundo el. Abonda, efectivamente, con xestionar o que nos dan e o que nos permiten. A súa carencia de intención, a súa falta de tesón, paciencia e convicción neste aspecto, retrátano como o peor dirixente autonómico de  todo o Estado español, malia as características nacionais do pobo galego.  Renuncia conscientemente a asumir os intereses de Galiza, en nome dunha política de submisión a unha españolización social e cultural e a un deseño económico que nos anula e destrúe como pobo. Así nos vai.

O resultado desta forma de proceder que el representa de forma hiperbólica, pero que en boa maneira caracterizou a maior parta da andadura autonómica galega, é que Galiza ten menos competencias específicas que Madrid ou Andalucía. E unha das poucas que ten, a da lingua, úsaa para maltratala, agochala, hostilizala e desprezala. A verdade é que fire ver con canta desvergoña arrogante se conduce o mandatario galego.  Imperturbábel, coa súa cara de póker,  sábese blindado por unha censura que expresa tamén o control social existente, e vai de home moralmente íntegro, de gobernante dedicado e eficaz, de personaxe ouvido e respectado na Corte de España. Aliás, os feitos son teimudos. A política do Presidente da Xunta está levando o seu pobo a maior irrelevancia política do que nunca, á desvalorización máis absoluta dos nosos intereses colectivos. Con Feixóo na Presidencia da Xunta somos, máis do que nunca, un país á deriva. Está a usar todos os mecanismos políticos ao seu alcance para mantelo na órbita da autonegación, da subordinación ao deseño colonial español para Galiza. E todo  isto acontece cando a situación política no Estado español é máis crítica, e Galiza necesitar quen a represente desde si mesma, sen subordinación aos deseños que nos aferrollan como pobo,  para mudar a nosa lamentábel situación, coa disposición de responsabilizarnos de nós propios.

 

O orixinal atópase no dixital Terra e Tempo: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4738&seccion=4