Teño tratado o escritor, a quen este ano se dedicou o Día das Letras Galegas, Carlos Casares, xustamente nos últimos anos do franquismo, entre 1972 e 1977. Primeiro, en Ourense, sendo eu profesor agregado no Instituto, entón masculino, dunha forma ocasional, por coincidir con el algunha vez nunha leria de amigos comúns nunha cafetaría da Rúa do Progreso. Lembro que, acompañando a Carlos Casares, tiven a oportunidade de visitar na súa casa de Trasalba a Otero Pedraio, e escoitalo un par de horas. Logo, xa no curso 1974-1975, aterramos os dous, por casualidade, no Instituto de Cangas do Morrazo, após facermos oposicións a cátedras de Lingua e Literatura españolas, eu, e a agregadurías da mesma materia, el. Sempre mantivemos unha relación cordial, respectuosa e sen arestas, como compañeiros de claustro, malia a nosa non coincidencia, expresada ou simplemente intuída, en temas de relevancia política, e, creo polo que acabei constatando máis tarde, tamén educativa e pedagóxica. Se me vise obrigado a facer un retrato político das nosas posicións entón, un momento de grande tensión, pois a transición se estaba a realizar xa dunha forma conivente co franquismo, coas discriminacións e represións selectivas oportunas duns e as integracións progresivas doutros, diría que Casares era un galeguista, non nacionalista, que admiraba a socialdemocracia sueca, e eu era un nacionalista galego, identificado co materialismo marxista de forma non dogmática. Naturalmente, nunca pretendín convencelo das miñas posicións ideolóxicas ou partidarias, claras e diáfanas, xa entón, como militante da UPG que era. Certamente, a miña posición como docente que usaba a lingua galega como vehicular do ensino, e a miña actividade sindical, na que se agochaba unha alternativa política, provocaba de todo menos indiferenza, e orixinaba un revulsivo nas condutas do alumnado e na súa mentalidade, en relación coa lingua do país e a visión da súa realidade, e tamén, para ben e para mal, no resto do profesorado. Loxicamente, o uso do galego como lingua vehicular ampliouse a máis profesores, de matemáticas, de física e química, de relixión incluso….As condicións sociolingüísticas de entón e a convulsión política que se vivía daban para o alumnado facerse, no recinto educativo, e a maior parte fóra tamén, galegofalantes conscientes, e sensíbel a asumir, en maior ou menor grao, unha conciencia de Galiza. E, por certo, non era menor para a restauración de usos do galego, e quero lembralo con agradecemento emocionado, o papel do bedel, Rafael, un mariñeiro retirado do mar por accidente laboral grave, tan bo home como galego consciente e digno.

A forma de celebrar o Día das Letras Galegas este ano o mundo institucional oficial foi rechamante para min. Xa debía estar afeito a calquera cousa. Porén sempre me sorprende a intensidade, o descaro e a falta de pudor con que se fan algunhas. Precisamente, falando de discriminacións, desigualdade, nunha palabra sectarismo e parcialidade, resultoume evidente que para as institucións oficiais, e para os alicerces mediáticos do réxime, Carlos Casares, en contraste coas reticencias e distancias respecto de Manuel María, por exemplo, era un dos seus, con ditirambos e botafumeiros, non xa da súa obra literaria, o cal é lexítimo, senón facendo avaliacións políticas e ideolóxicas, morais, da súa conduta como persoa, que obrigan a pintar un pasado recortado, manipulado, tendencioso e mesmo falso. E isto é o grave, porque se reconstrúe a historia como non foi, obviando todo conflito, toda dialéctica real, ocultando sucesos e comportamentos, compromisos, renuncias e represións, de forma que se vaia conformando unha imaxe beatífica, idílica, do pasado que contribúa a lexitimar as miserias do presente, ao tempo que se esquece o papel que cada quen, partidos, institucións, sindicatos, intelectuais…cumpriron no proceso que nos trouxo aquí. Analizando esta dialéctica cultural dá a impresión de na Galiza estar case todo o mundo, mesmo grande parte dos que rexeitan con visceral hipercrítica a política do PP, noutros ámbitos, de acordo coa súa visión e os seus postulados en materia lingüística, na visión da cultura galega como realidade secundaria e subordinada, nos seus cantos á cordialidade e ao cosmopolitismo que nos debe unir aos galegos, no canto de calquera pretensión a reivindicar dereitos como pobo específico…E aínda enriba, neste xogo de maxia, todos e todas acabamos sendo galeguista, todos e todas estamos a favor do idioma e de Galiza…

Está claro que Carlos Casares se foi acomodando a unha transición que levaba a unha democracia pactada, cunha autonomía cativa para Galiza. Esta acomodación sería respectábel se non o conducise a compromisos políticos que o levaron, nalgunhas ocasións, a ser agresivo, ironicamente desprezativo e mesmo partícipe de decisións que non se acomodan cun espírito intelectual demócrata , simplemente galeguista e liberal, da liberdade da conciencia e do pensamento, respecto de marxinados, perseguidos ou represaliados por defenderen e usaren o idioma do país, ou simplemente polas súas ideas. Consecuente co seu ideario, europeísmo socialdemócrata, Casares integrouse nas candidaturas do PSOE ás eleccións autonómicas de 1981, saíndo electo deputado. Non lle tremeu o pulso para votar a expulsión dos deputados do Bloque-Psg que se negaron a facer xuramento de acatamento e fidelidade á Constitución Española, aplicándoselles de forma retroactiva unha esixencia regulamentar ad hoc. Dous anos antes, 30 de Nadal de 1979, nun horizonte que albiscaba a posibilidade de expedientes a profesores por impartiren docencia en galego, non ten empacho, en artigo en La Voz de Galicia, en atacar o que consideraba radicalismo lingüístico no ensino por parte do sector do profesorado comprometido co uso vehicular do galego na docencia desde había anos, sen cobertura legal. E isto, malia presumir de dar as clases en galego no Instituto de Cangas, non sei se por propia iniciativa ou por presión do alumnado: naturalmente non tiña ningunha cobertura legal, e menos para unha materia como Lingua e Literatura española. Claro que hai un dado revelador. Pasadas as primeiras eleccións de 1977, e á vista dos resultados do nacionalismo na Galiza, declarou a El Adelanto de Salamanca, que menos mal que as urnas puñan a cada un no seu sitio, dando a entender que se vira obrigado a facer cousas por presión non sei se ambiental ou persoal. Dise que Casares é un dos pais da Lei de Normalización Lingüística vixente, desde 1983. Como se sabe, foi impugnada por denuncia do PSOE ao Tribunal Constitucional por contemplar non só o dereito a usar o galego, senón o deber de coñecelo. Para a filosofía constitucional este deber só se pode predicar do español para todos os españois, pero non se pode predicar do galego para os galegos, exclusivamente. Pois ben, Casares, perante o fallo do Tribunal Constitucional, aliñase con esta filosofía, argumentando que esta sentencia era esperada, pois os poñentes xa sabían que non ía pasar a criba de constitucionalidade, alén de non representar pexa grave algunha na aplicación eficiente da Lei. Fora simplemente unha concesión a un vello “galeguista” (La Voz de Galicia, 11 de xullo de 1986).

Para quen, como min, tivo sempre unha actitude tan distante como respectuosa con el, sen volvernos a cruzar nunca desde 1977, foi especialmente triste ler un artigo, aparecido en El País o 30 de maio de 1988, que el mesmo catalogaría de provocación, andando o tempo. O seu título, ¿Colonia o champú?. Nada menos que aproveitaba as accións do denominado Exército Guerrilleiro, que viña de dinamitar o chalet de Fraga en Perbes, para intoxicar coa identificación nacionalismo=terrorismo , ironizar coa teoría de Galiza, colonia, como vertebradora do discurso ideolóxico-político da UPG, atacar a Beiras, entón único deputado do BNG no Hórreo, como promotor intelectual da tese colonial aplicada aquí….Curiosamente, o seu texto denominaba José, a quen no seu DI tiña Xosé, Orense e El Ferrol, ás cidades que, por indicación prescritiva da Lei de Normalización Lingüística, debían ter como forma única a orixinaria, Ourense e Ferrol….Nunha referencia a Fraga afirmaba que “el galleguismo de don Manuel no da para un florero”…Fraga asentouse aquí por primeira vez após unha fraudulenta maioría absoluta, conseguida por anulación, por acordo PP-PSOE, dunhas mesas de Ourense, que lle quitaba o seu deputado ao BNG. En 1996, na segunda lexislatura de Fraga, Carlos Casares foi designado presidente do Consello da Cultura Galega.

Parece que o que celebran as institucións oficiais, con tanto entusiasmo e parcialidade discriminatoria, non é a calidade literaria da obra de Casares, meritoria en boa parte, e tamén sintomática da súa actitude perante a vida, nin sequera perseguen o intento de valorar os mellores momentos do seu comportamento como persoa, que tamén os tivo. Non, non, máis ben parece que o botafumeiro vai destinado á lexitimidade do réxime, á beatificación dun statu quo que se considera inmaculado, harmonioso e indiscutíbel, para o que a amnesia, a anulación, a censura e a distorsión son pezas esenciais. O grave e o que me preocupa é que abafe a atmosfera social, no plano intelectual e cultural, incluído en boa maneira o nacionalismo, desta maneira tan tendenciosa.

Nota á marxe.-É curioso que, tratándose Casares dun profesor que, nolis velis, iniciou o ensino en galego, na etapa secundaria, na comarca de Vigo e O Morrazo, xunto con outros, sen cobertura legal de ningún tipo, a partir de 1974, este dado sexa convenientemente obviado e censurado. Non é un dado relevante, tratándose dun profesor e dun escritor da literatura galega? Igual acontece, por exemplo, coa celebración dos 50 anos do Instituto Blanco Amor de Ourense, antigo masculino. Foi nel onde, por primeira vez na Galiza, se impartiu, de forma sistemática, docencia en lingua galega, en varias materias, desde o curso 1971. Pois ben, este dado, pedagóxica e lingüisticamente relevante, é debidamente obviado e censurado nas celebracións. Por que este afán por censurar? Será que había máis docencia en lingua galega entón que hoxe? Será que isto da lingua é un tema que convén non remover, pois a paz e a harmonía consiste en aceitar a eliminación, a desaparición e a discriminación?

 

O orixinal encontrase en Terra e Tempo: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4617&seccion=13