Acepto como inevitábel que todo discurso histórico ten un compoñente ideolóxico ou filosófico. Non pode ser doutra maneira cando se trata de reconstruír, analizar e interpretar os feitos tanto do pasado, como do presente. As propias fontes documentais, aínda sendo da mesma época que a historia que se quere reconstruír, non poden escapar a este condicionante, que vai implícito en toda visión, ollada, ou perspectiva humana. Agora ben, o que xa non resulta aceptábel é, con plena conciencia e intención, adaptar o pasado ás conveniencias ou obxectivos que, no presente, teñen os grupos e a ideoloxía dominantes ou os Estados e os seus aparatos propagandísticos. E isto por dúas razóns substanciais. A primeira porque, obrando así, defórmanse ou ignóranse mesmo os feitos, os sucesos, a realidade, incluídos os protagonistas da historia, sexan individuos ou pobos, para facelos funcionais ao esquema ideolóxico e ao deseño político dominantes, interpretándoos e valorándoos conforme a estes. A segunda porque a historia se converte nunha forma simplista e maniquea de avalar o statu quo actual, como se xa estiver prefigurado, definido e anunciado no pasado, case como se xa sempre tiver existido.

Estaremos de acordo en que semellante punto de partida non pode ser asumido se o que queremos é aproximarnos a unha visión que dea conta, algo veraz, do que ten acontecido, de cal era a realidade política, cultural, social, económica ou relixiosa nun determinado lugar, nun momento xa pasado. O historiador, sempre, máis no caso dos países que non teñen Estado propio, debe intentar moverse, con honestidade, rigor, e sen medos nin prevencións ou clixés e censuras e deformacións, por moi enraizadas que estiveren, para descubrir a historia que non nos contan, a realidade que nos agochan, algo dunha grande transcendencia para a toma de conciencia sobre a propia realidade. Non en balde, por iso mesmo, hai tanto empeño en agochala, ignorala, deformala e mesmo roubala sen maiores miramentos, en especial nas nacións dominadas, ignoradas ou colonizadas. É imposíbel que un pobo teña conciencia de si mesmo, dos seus dereitos, se é privado de conciencia ou memoria histórica. A dimensión do oculto, deformado ou roubado no caso da historia de Galiza é de tal calibre, que só se pode explicar como unha necesidade imperiosa do Estado español e os seus aparatos ou institucións culturais e ideolóxicos para fundamentar unha determinada idea de España. Digámolo de maneira conflitiva e clara: a historia de España que nos contan aséntase na eliminación e no furto da historia de Galiza. O discurso histórico oficial, dominante en España, sobre a etapa histórica que vai da romanización ao século XV, cando menos, esixe a ocultación da historia real de Galiza. A historia real de Galiza non é compatíbel coa historia oficial de España. O que non acontece coa historia de Catalunya.

De termos en conta o devandito, poderemos comprender as limitacións, terxiversacións, ocultacións e intencións da serie televisiva O final do camiño, emitida conxuntamente pola TVG e a TVE, a xulgar polo que levamos visto. Hai uns cantos elementos ideolóxicos, interpretativos da historia, que vertebran o discurso narrativo da serie. Teñamos en conta que estamos no século XI. Pois ben, a idea que se intenta transmitir é que España, como realidade política, sempre existiu, ou tivo sempre vocación de existencia política, vinculada á idea de reconquista e á relixión católica. É por iso que máis que o reino de Galiza (aludido de esguello, e formando unha tríade con León e Castela), oficialmente anulado, o centro simbólico e material é unha Compostela en progresivo auxe, pensada como reclamo de peregrinos de toda Europa, a Xerusalén de Occidente, á vez que fonte de financiamento das conquistas militares de Afonso VI, detalle veraz e realista que non se compadece co trato displicente que o monarca dá ao bispo Páez nin coa caracterización dos señores galegos, entre acovardados, fuscos e cheos de resentimento. Naturalmente non sabemos que outros poderes estaban soportando materialmente a despótica insolencia do rei Afonso VI. Moito menos cal era a súa lingua de oralidade coloquial. Sabemos si que o seu enlace fiábel na Galiza era un suposto señor de Andrade -sintomático nome no futuro- , inexistente na realidade histórica do século XI, disposto a morrer por defender a fidelidade a un monarca que, malia aos seus defectos morais, representaba a idea de unidade dos reinos, de construción de España.

A outra idea que se quere deslizar, de forma sinuosa, é que a unidade é un valor que debe ser preservado, fronte a calquera intento de separación. As veleidades separatistas do bispo Páez, contrariado pola actitude altiva e as esixencias monetarias de Afonso VI, pretende proclamar rei de Galiza a un abúlico e derrotado García, encarcerado no castelo de Luna. Ah!!! Mais felizmente o exército popular compostelá, ao servizo do bispo, ten un guapo xefe de Catoira ao fronte, que se decata, decepcionado, da manobra do seu protector inicial, e non o seguirá en semellante contubernio, porque leva á guerra e ao conflito, apostando pola causa do rei.

Non resulta difícil de adiviñar por onde vai transitar a serie. La Voz de Galicia, empresa beneficiaria do contrato para realizala, publicaba o domingo, día 22 de xaneiro, un suposto mapa da península no ano 1100, ilustrando a base histórica en que se fundamentaba. Neste mapa de Toledo para arriba eran reinos cristiáns sen especificar máis, con tres cidades indicadas, Compostela, León e Toledo. Porén, sinálase, no espazo oriental do que denomina reinos cristiáns, a existencia de Navarra, Aragón e os condados cataláns (sic). Para o reino de Galiza non existir, recórrese ao subterfuxio de colocar tres cidades representativas, como se as tres estiveran no mesmo espazo político e cultural, unha unidade presentida, a España preexistente.

A chamada Historia Compostelá, unha fonte coetánea sobre o século XI-XII, a máis importante das escasas existentes na península, non deixa lugar a dúbidas de que Compostela, coa capacidade para acuñar moeda, é inseparábel do reino de Galiza, que a súa riqueza provén do conxunto das terras que dependen do seu señorío, que o rei Afonso VI asentaba o seu poder e a súa capacidade expansiva na nobreza eclesiástica e civil galega, que o denominado camiño era un itinerario mercantil, comercial. Que as súas fillas, Urraca e Tareixa, cos seus maridos, Raimundo e Henrique de Borgoña, respectivamente, centraron na Galiza a súa vida. E que e os seus netos, Afonso Raimúndez e Afonso Henríquez, foron educados, na Galiza lucense, e na bracarense, respectivamente, chegando un a ser coroado rei de Galiza na catedral de Santiago (a primeira descrición dunha coroación real nos reinos cristiáns está na Historia Compostelá), e outro rei de Portugal. A verdade é que a Historia Compostelá non ten conciencia da existencia dun poder político igual ou superior ao de Galiza en Castela ou León.

Claro está que hai algo anómalo, que presta á serie un certo valor positivo, que debería facer cavilar aos nosos gobernantes autonómicos, especialmente, a non ser que a hipocrisía e o cinismo teñan xa corroído o seu cerebro até límites sen remedio. Tamén debía levar a reaccionar aos encargados da educación, en especial os profesores de historia de todos os chanzos educativos, a non ser que a intoxicación sexa tan fonda que os teña aparvado até o delirio. E os galegos e galegas, en xeral, algo debíamos preguntarnos tamén. É normal, lóxico, hixiénico, natural e soportábel vivir nunha sociedade na que a inmensa maioría da súa xente alfabetizada, con estudos, mesmo superiores, descoñece personaxes, sucesos, situacións, conflitos, isto é, unha historia, a do seu país, a que explica a existencia dun portentoso patrimonio histórico-artístico, a comeza pola catedral de Santiago? Pode todo isto, sen grave quebranto para a nosa saúde pública, seguir excluído do ensino regrado? Non é unha anomalía ver agora algo, naturalmente terxiversado e con intención españolísima, nunha serie televisiva, sen que haxa o contraste dunha formación básica, polo menos? Non é unha vergoña e unha desgraza termos unha escola que é máis retrógrada e contraria á nosa realidade que os seriais televisivos? Non sería necesario iniciar outro camiño?

 

O orixinal encontrase en Terra e Tempo: http://www.terraetempo.gal/artigo.php?artigo=4488&seccion=13